“Loreto Martínez Troncoso utiliza a palabra como vehículo de transmisión; unha palabra que, nas súas transposicións, adquire novos significados e constrúe novas situacións. As súas obras son palimpsestos nos que a intertextualidade se converte en instrumento de comunicación, e as súas accións maniféstanse por medio da presenza física da artista ou de dispositivos o fin dos cales é servir de soporte a ese texto, monólogo, discurso, conferencia.
O traballo de Loreto Martínez Troncoso é esencialmente inmaterial. As súas primeiras performances actívanse en momentos moi precisos, asumindo os protocolos de cada contexto: eventos, inauguracións, conferencias de prensa... Tras o acto de ‘tomar a palabra’ foron xurdindo cuestións como aquí e agora, que se converteron no contido principal das pezas. Preguntas como ‘que é a acción?’ ou ‘como e en que momento se pon en movemento?’, derivan da práctica ou da propia experiencia da artista como suxeito-obxecto, unha condición que implica a presenza do espectador nun tempo e lugar determinados.
Esa condición do público como destinatario irrenunciable sen o que non hai obra —parafraseando a Rancière en El espectador emancipado— faise máis flexible en traballos recentes. Neles a artista abandona as súas intervencións espontáneas e a palabra transmítese por medio de dispositivos físicos como auriculares, proxectores ou altofalantes, que o espectador activa, mantendo a súa condición de performer, no encontro coa obra e o lugar nun momento preciso. A ausencia funciona como unha transposición da presenza, pois tal e como a artista defende, ‘a inacción tamén é unha forma de acción’
A exposición que presenta o MARCO componse de relecturas de pezas xa existentes, novas producións e documentación que se refiren a cuestións como a desaparición, a memoria ou o medo; tres aspectos do traballo de Loreto Martínez Troncoso que reaparecen ao longo da súa traxectoria, articulados por unha linguaxe que a artista usa, consciente do poder de nomear ou excluír. Primeiro en francés —estudou Belas Artes en Burdeos e Lión, e realizou a maior parte da súa carreira en Francia—, despois en castelán, galego, euskera ou portugués —na actualidade vive no Porto—, as súas pezas articúlanse a xeito de fragmentos ou citas na sala de exposición, como un espazo de resonancias. Cada unha das súas obras enténdese como un traballo en proceso, un fragmento dun corpus maior, pois como escribía o crítico e comisario François Piron nun dos recentes textos sobre a artista, ‘Dende hai varios anos, o traballo de Loreto Martínez Troncoso se constrúe exclusivamente a partir do texto —talvez, para ser máis exactos, dun só e único texto, sempre subxacente, retomado e aumentado ao longo das distintas aparicións’.
A exposición iníciase con Finalmente, ¿con o sin título? —domingo, 21 de junio de 2009—, 2011, un texto falado que funciona como reactivación dunha situación de presenza (e de presente) anterior. Gravado en soporte vinilo, invita ao espectador a activalo colocando a agulla sobre o disco e permitindo a súa existencia durante un tempo determinado, marcado polo propio visitante e polo soporte, cun principio e un fin. O texto, unha performance na que se alude á busca de novos espazos aos que se dirixir, fai un percorrido dende que a artista ‘comezou a falar’, a ‘tomar a palabra’, ata o momento presente, e incorpora outro elemento que funciona como aceno cara ao espectador: que fai esa planta situada ao carón do tocadiscos? Funciona como representación física no espazo, como a transposición a un obxecto dun extracto da peza sonora no que a artista exclama: Boas noites, estou aquí dereitiña como unha planta!
Así como estas palabras están dirixidas a ‘vós’, a peza sonora En la noche, 2010, diríxese a un ‘ti’, a un só espectador ao que invita a un encontro ‘entre ti e eu’. Orixinalmente instalada no FRAC des Pays de la Loire —exposición Les vagues, realizada no marco dos XXIV Ateliers Internacionaux—, fronte á única ventá ou apertura ao exterior do espazo expositivo, tradúcese agora do francés ao castelán e adquire unha nova temporalidade e situación, de costas ao exterior.
Unha das salas reúne compilacións ou fragmentos de procesos, quizais documentación, quizais aquilo que se sitúa nas marxes das obras. A proxección en power point titulada ‘Viaje alrededor de mi cuarto’ o ‘Un cuarto propio’ podrían ser el título, si un título hubiese que darle. Y, entre paréntesis: (una lectura para un domingo), 2011, funciona como unha lectura visual formada pola recompilación de fragmentos visualizados, lidos, ditos, escoitados, escritos, extractos de múltiples procedencias e autorías. Retallos que existen en paralelo á súa escritura ou ao seu traballo máis visible, tratados dunha forma máis brute. Composta ao xeito dun cadáver exquisito, a ‘lectura’ fía uns fragmentos con outros provocando encontros imposibles, como o dunha ostra coa anarquista Voltairine de Cleyre ou o de Francis Ford Coppola con Nina Simone, que nun momento dado evoca un dos temas que se repiten na exposición: ‘ser libre é o máis parecido a non ter medo’.
Loreto Martínez Troncoso evoca o ‘paso ao acto’ como signo de liberdade tamén na proxección de diapositivas Pela estrada fóra, 2011, unha autoficción construída a partir de restos da memoria dunha viaxe realizada en soidade pola costa de Portugal durante o inverno de 2008. Arquivo dunha viaxe retomada máis tarde en pezas como Finalmente, ¿con o sin título?, e iniciado como práctica da fuxida, representa non a viaxe en si, senón o que puido ser esa viaxe física que a artista inicia despois de anunciar, durante unha performance en 2006, que ‘o momento de irse lonxe de todo’ chegara. Nese momento o seu traballo adquire a connotación de autoficción e o seu contido vai marcando a continuidade, o ‘paso ao acto’.
Estas pezas forman parte das marxes que a artista fai visibles agora, os arredores fragmentados, nos que inclúe unha selección de debuxos realizados no mes de decembro de 2010 a partir de entrevistas a alumnos de Infantil e Primaria do CEIP García Barbón de Vigo, nas que se lles preguntaba sobre as súas reaccións ante o medo. A entrevista é un recurso utilizado pola artista en anteriores ocasións e que lle permite ceder a palabra ao outro, como na peza relacionada con esta que se sitúa no outro extremo do espazo: ‘No sé si me da miedo la muerte, no sé casi nada desde que llegué al mar’ [sobre el miedo, esbozo#1], 2011, unha instalación sonora en 10 canles que nos fala de vivencias impostas, de educación, a partir de fragmentos de entrevistas realizadas por Loreto Martínez Troncoso en Vigo e Nigrán (IES Val Miñor) con diferentes grupos de idade: nenos, adolescentes, e adultos. A partir destas entrevistas illadas, a artista invita ao espectador a entrar nun diálogo, para reflexionar sobre conceptos como o medo, a perda, a soidade. É parte dun proxecto a longo prazo, tamén sobre o silencio, ou sobre aquilo que ten que ver coa imposibilidade de pasar ao acto, coa liberdade.
Os traballos de Loreto Martínez Troncoso incorporan elementos desas marxes ou escondedoiros onde habita o invisible e dende onde emerxe o visible. Diso fálanos a peza Vergadering der Dieren, 1965-1975 [Asamblea dos animais], facsímile dun óleo sobre lenzo de autoría descoñecida e pertencente á colección do Tropenmuseum de Amsterdam. A artista aprópiase da imaxe e úsaa como punto de partida para reflexionar sobre a dicotomía exterior-interior. Os subsolos, os lugares de retiro ou ocultamento, representados no nivel inferior do cadro, transpórtannos ao espazo oculto onde conviven pensamentos ou actitudes non aceptadas ou non tan visibles. Toda enerxía interior sae por algunha vía á superficie.
A exposición complétase cun texto en transparencia sobre a parede [Un día escribí, sin fecha], publicado orixinalmente por NEKaTOENEa, residencia de artistas Domaine d’Abbadia, Hendaya, e unha edición especial realizada pola artista para esta exposición. Xunto a iso, un pensamento proxectado na parede —hay algo que me afecta y necesito reaccionar— para referirse de novo á necesidade do ‘paso ao acto’, equiparable ao momento de ‘tomar a palabra’. Seguimos falando de transposicións ou alteracións, de temporalidades, como as que nos anuncia a biblioteca constituída por libros que a artista leu e lerá. No seu interior hai catálogos de exposicións —de novo, transposicións das obras— ou relatos que a acompañan na súa busca infinita. En suma: restos, fragmentos, citas, palabras; pasados, presentes, futuros’’.
Agar Ledo Arias e Iñaki Martínez Antelo
[Extracto do texto para o catálogo da exposición]