ÁLVARO DE LA VEGA. A Árbore da vida
A Árbore da vida constitúe, sen dúbida, un dos principais arquetipos ou mitemas das grandes mitoloxías. Ademais, a inherente sacralidade do concepto enraíza —ou entronca— nunha longa tradición filosófico-relixiosa, que funde en aperta as civilizacións de Oriente e Occidente. Alquímica pedra filosofal, elixir da eterna xuventude, a Árbore da vida simboliza para o catolicismo aquela incólume humanidade, a duns homes e mulleres sen mácula, alleos aínda a ese maldito pecado orixinal que precipitará a súa caída. Os seus froitos: o pan e máis o viño, especies estas que, mediante a transubstanciación operada durante a consagración eucarística, se converterán en corpo e sangue de Cristo.
Pero, a Árbore da vida de Álvaro de la Vega posúe unha aparencia que dista moito da que podía presentar aqueloutra árbore do paraíso mencionada no libro da Xénese. Porque a súa é, en realidade, unha árbore caída. As pólas xa non garduñan o ceo, diabolicamente confinada na terra. Porén, Álvaro de la Vega decide non facer leña da árbore espiritualmente caída. E así, a súa machada golpeará con saña unha madeira en cuxa cerna se agocha o pecado orixinal, asumindo case o papel dun verdugo que executase, por mandato divino, un castigo exemplar: desenmascarar os responsables da deturpación da humanidade.
A escultura en madeira
A madeira é para Álvaro de la Vega moito máis ca unha simple alternativa. É a substancia idónea, o material óptimo, a materia prima perfecta para a transformación. Consubstancial. Por nacemento, vivencias e cultura. Un contexto no que a madeira participa, con divina omnipresenza e dende a infancia, nas actividades humanas. Onde os nenos a manipulan ata construír con ela os seus propios xoguetes. Vertebral. Pois só a través dos seus aneis poderían circular as ideas fundamentais. O parentesco vaise estreitando, intensificándose os afectos. Consanguínea. E enchida, gañando tridimensionalidade, dominando o espazo, asaltando o espectador con toda a súa lígnea natureza.
O material, primeiro. Sempre. Inerte. E o artista, o espectador, o percorrido, a idea e máis a vida, despois. Cortes que son as liñas dun debuxo que, boiante, testemuña o proceso, o cortexo, a cópula e o paristallo. Pois así de honesta resulta sempre a relación entre a madeira e a machada, ferramenta principal nos esponsais.
A memoria do material
Todas as pezas desta opus magnum comparten memoria, viaxe. Logo de medrar os eucaliptos no monte, as curtidas mans dos leñadores tallan uns troncos que van dar forma despois a bateas fondeadas na ría. O tempo, o mar e máis a oxidación dos seus cravos de ferro haberán de tinguir, de xeito natural, a materia prima coa que vai traballar o escultor. Madeira ennegrecida, morada. E, de novo, uns machadazos que, se ben non sempre son certeiros, logran apurar agora un labor na procura dos artísticos designios imbuídos por algunha musa.
Lixeiros toques de pintura en roupa interior e beizos femininos, máis nada. Sutil iluminación que non enmascare as cicatrices do traballo, os golpes asestados pola ferramenta, os sucos dun camiño que, con suma facilidade, poderiamos desandar. Un acabado, un resultado final que, en definitiva, posúa a autenticidade do vivido.
O campo da festa
As salas son agora o campo dunha festa sexual que celebra a “boa” vida e á que nós, por suposto, tamén fomos convidados. O espectador engrosa, deste xeito, as filas dos individuos pasivos. Pero, a súa pasividade é relativa. Pois, a diferenza dos personaxes lígneos, fronte ao seu berro xordo, conxelado, a nosa latexante natureza vai gozar do privilexio que lle concede a obra escultórica.
O movemento, a libre circulación polos diferentes espazos expositivos, a cuarta dimensión, en definitiva, será a que lle ofreza ao visitante unha obra única a cada paso que este dea. Percepcións particulares, singulares perspectivas que multiplican exponencialmente o valor deste traballo. Experiencias, acumuladas despois na nosa mente como recordos. Almacén de imaxes e ideas ao que un pode volver na procura de inspiración, ou simplemente movido pola nostalxia.
O Xardín das delicias
Benvidos a este particular Xardín das delicias! Un pseudoparaíso onde os seus habitantes sucumbiron ao pecado. A humanidade luxuriosa precipitándose cara ao baleiro, cara á perdición. A loucura apoderouse xa dunhas mentes enfermas. Un pracer sexual tan fugaz como a propia vida daqueles froitos, os da nosa Árbore da vida. Lascivas froitas ás portas da putrefacción.
Reinterpretación escultórica, polo tanto, dun famoso e histórico tríptico. Revisión e actualización do panel central da arquicoñecida pintura de El Bosco. Acto principal e único dunha representación teatral que ten o Xardín do Edén como virxinal preludio e o Inferno como apoteose necia.
Pero, por que presupoñer a vergonza e o rubor inminentes dos nosos personaxes? Por que non acabar dunha vez por todas coa misoxinia dun relato que fai de Eva nauseabunda encarnación do pecado? E se estivésemos diante da representación dun paraíso humano, a salvo de culpabilidades bíblicas e penitencias cristiás? E non nese futuro distópico que recrea Saramago en Las intermitencias de la muerte, co feliz desbaratamento dunha Igrexa que cimentou o seu próspero e milenario negocio sobre a figura daquela Morte que, inexplicablemente, fixo mutis polo foro. Non. A auténtica terra de promisión. Promesa dunha inmortal e implacable deusa de nome Liberdade, gobernante en cargo vitalicio do seu señorío en expansión. Só así A Árbore da vida será, por fin, A Árbore da “boa” vida.
Expresionismo primitivista
Dende finais do século XIX, a fascinación polas culturas primitivas deixarase sentir na arte occidental. Expresivas formas visuais de pobos ancestrais terán un oco dentro de vangardas históricas como o Cubismo ou o Expresionismo: máscaras de tribos africanas remotas, antigas pinturas exipcias, enigmáticas esculturas iberas, arcaicos tótems polinesios… Atraídos pola súa extraordinaria liberdade de expresión, as rupturistas concepcións volumétrica e cromática, ou a transcendencia ritual duns obxectos en contacto directo coas forzas e espíritos da natureza, os artistas máis revolucionarios van incorporar daquela á súa produción algún destes referentes.
O achegamento de Álvaro de la Vega a presupostos primitivistas de marcado carácter expresionista responde a dúas motivacións fundamentais. Por unha banda, a súa conexión e querenza polo pasado escultórico. E pola outra, esa exercida militancia ideolóxica, que avoga por volver aos impulsos e materiais elementais, fronte á sofisticación dunha arte centrada no coñecemento. Unha aposta por esa arte transversal ao tempo.
Infancia e paisaxe interior
Na infancia xermola o futuro do ser humano. Iso é, polo menos, o que opina a psicanálise, disciplina freudiana para cuxo método esta etapa resulta decisiva, pois ha de determinar a estrutura de personalidade do individuo. Aló tamén, na súa propia infancia, sitúa Álvaro de la Vega a orixe das principais influencias, o seu particular xeito de filtrar a realidade, as claves da súa sensibilidade.
Deslocalización dunhas ideas sen demasiada xeografía. Enmudecido mapa físico. Paisaxe interior. Cultura de leñador. O neno que no fogar alimenta o forno. Regresión á infancia. Curiosidade infantil. Motor que fai avanzar o artista.
Rubén Martínez Alonso
Comisario da exposición