“Work No. 247 Half the air in a given space provén, na súa orixe, do mesmo proceso de traballo que Work No. 227 The lights going on and off [As luces acendéndose e apagándose], obra coa que Martin Creed gañou o Turner Prize en 2001, na que as luces xa existentes dun espazo dado, acéndense e apáganse de xeito continuado segundo unha secuencia temporal previamente establecida. Creed describiu esta peza como un intento de facer unha escultura similar a unha peza de música, na que 'a obra sucede diante de ti mentres a estás a observar' [Martin Creed, entrevista Tom Eccles, Martin Creed. Works, 2010, p. XV].
Mostrar o proceso da obra é algo sobre o que Creedleva investigando dende o inicio da súa carreira artística. Ao finalizar os seus estudios de arte na Slade School of Art, empezou a compoñer música e cancións, como un modo de facer o proceso máis visible: 'Unha canción é un proceso, dende o momento anterior ao inicio da música ata o momento inmediatamente posterior á súa finalización' [Martin Creed, entrevista Jérôme Sans, ‘Blow and Suck’, Live, Palais de Tokyo / Éditions Cercle d’Art, 2004, p.76]
Dende entón, música e son forman parte integrante da obra de Creed, pero existen diferenzas entre elas. As obras de son teñen unha estrutura aberta, sen principio nin fin. A exposición do MARCO inclúe a instalación sonora Work No. 189 Thirty-nine metronomes beating time, one at every speed, na que 39 metrónomos funcionan á vez, marcando un tempo —a velocidade á que unha peza musical debe executarse— pero cada un a distinta velocidade, de entre as 39 posibles. O metrónomo, un instrumento de precisión, pasa a reproducir todas as súas velocidades, creando unha cacofonía que se percibe en paralelo á acción deses 39 obxectos, aliñados coma se fosen bailaríns, e movendo os seus brazos a distintos ritmos. En palabras do crítico Massimiliano Gioni, o metrónomo funciona como metáfora esencial da obra de Creed: 'son, negación de son, repetición de son. Son, silencio, son, silencio…’ [Massimiliano Gioni, ‘The System of Objects’, en Martin Creed. Works, 2010, p. XX].
Unha das características das obras de Creed é que se poden executar infinita e repetitivamente como unha partitura de música, pero ao igual que esta, cada interpretación é distinta das anteriores. Moitas das súas obras están baseadas en instrucións precisas do artista, como en Work No. 117. All the sounds on a drum machine [Todos os sons nunha caixa de ritmos], 1995, ou Work No. 194. Nothing [Nada], 1995-1996, unha canción na que só se repite esa mesma palabra. A exposición do MARCO inclúe, nunha das salas do primeiro andar, varias pezas e documentación que abranguen as súas diversas exploracións en obras de son, cancións e partituras musicais; como reflexo da variedade da súa obra, da súa faceta de músico e autor.
Paralelamente á súa carreira artística, creou o seu grupo de música en 1994, formado orixinalmente por tres instrumentos, que interpreta cancións reducidas ao mínimo de palabras e notas. Todas as súas composicións musicais teñen unha estrutura pechada, un principio e un fin, e van dende Creed enumerando os números do 101 ao 200 en Work No. 196 101-200, 1994-1995, a versións máis líricas como Work No. 191 Feeling blue, 1994-1996, na que identifica cores con estados de ánimo. Nos últimos anos, as actuacións en vivo de ‘Martin Creed & his band’ foron evolucionando cara a Variety Performances, onde entrelaza diversos medios e linguaxes —orquestra, danza, videoarte, charlas, ballets, mímica— esvaecendo a liña divisoria entre música e arte, entre distintos xéneros, e experimentando con eles en espazos como teatros, auditorios, museos, clubes ou universidades.
‘I also like music because it’s in the air, everywhere… it’s all around – it doesn’t have to stay in one place’ [Gústame a música porque está no aire, en todas partes… por todos lados, e non nun lugar en concreto. Martin Creed, entrevista Tom Eccles, Martin Creed. Works, 2010, p. XIII]”.
Carolina Grau
Comisaria da exposición