O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, está situado en plena zona comercial da cidade, na céntrica e peonil rúa do Príncipe, e ocupa o espazo do que foi a antiga sede do cárcere e xulgados de Vigo (1880), un lugar moi vencellado á memoria colectiva e que constitúe un dos principais atractivos do centro.
A idea primixenia de crear un museo de arte contemporánea en Vigo formulouse en 1994, sendo alcalde D. Carlos González Príncipe. Dende entón ata o 22 de outubro de 2002, data de constitución da Fundación MARCO, pasaron varios anos de traballos a favor do museo, durante os que se realizou e executou o proxecto de rehabilitación e reconstrución do antigo edifico dos xulgados e cárcere de Vigo (1880).
A elaboración do proxecto, unha reforma cofinanciada entre o Concello de Vigo e a Unión Europea (FEDER), por medio do Programa INTERREG II ESPAÑA-PORTUGAL, foi adxudicado ao equipo vigués de arquitectos formado por Manuel Portolés Sanjuán, Francisco Javier García-Quijada Romero e Salvador Fraga Rivas, o 24 de marzo de 1995.
Prestouse especial atención á integración do edificio no contexto urbano, dotándoo dun paseo peonil, con escalinata, que o comunica coas rúas posteriores e coa súa contorna.
O proxecto proposto polos arquitectos Manuel Portolés Sanjuán, Francisco Javier García-Quijada Romero e Salvador Fraga Rivas respectou en todo momento a tipoloxía orixinal do antigo edificio, que se correspondía co concepto de "panóptico" desenvolvido polo filósofo británico Jeremy Bentham (1748-1832). Deste xeito, mantívose o seu esquema radial, restituíndo o panóptico central no seu trazado cilíndrico e desprazando a entrada ás salas de exposición dende a fachada do edificio ao seu centro. Dende este percíbese a estrutura do inmoble, constituído por tres galerías e catro patios que parten do núcleo central, todos eles rodeados por salas perimetrais.
O edificio do MARCO dispón de catro plantas e dun edificio anexo independente, repartidos nunha superficie total de 10.007 metros cadrados.
Planta soto: 2.960 m2
Destinada a servizos de carácter técnico: almacéns, recepción de obras, coidado e manipulación das exposicións en tránsito, zonas de maquinaria de instalacións e oficinas. Constitúe a base do museo, non é visible dende o exterior e ten acceso restrinxido.
Planta baixa: 3.481 m2
No corpo dianteiro, acolle os servizos de libre circulación, como cafetería-restaurante, tenda-librería, gardarroupa, zonas de atención ao público e o salón de actos, con posibilidade de accesos e horarios distintos aos do museo. O resto, 1.685 m2, está destinado a salas de exposición e ao vestíbulo de acceso a estas.
Primeira planta: 2.411 m2
A área de actividade é de 1.690 m2, dos que un terzo está dedicado exclusivamente a salas de exposición; outros espazos son a Biblioteca-Centro de Documentación e a sala de talleres didácticos ("Laboratorio das Artes"). O resto está dedicado a espazos de tránsito.
Segunda planta: 1.012 m2
A área destinada a oficinas de persoal é de 880 m2. Ademais conta con dous espazos independentes baixo-teito con acceso exclusivo dende as oficinas dos extremos da planta, que albergan o despacho de Dirección e a sala da Agrupación de Amigos do Museo.
Espazo Anexo: 143 m2
Un pequeno edificio, situado na parte posterior do inmoble, destinado a sala de proxectos. Sala de exposicións: 90 m2
Enlaces:
[1] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/edificio2_0.jpg
[2] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/antigua5_0.jpg
[3] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/edificio3_1.jpg