Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: José Manuel López, , coa colaboración de relatores convidados nalgunhas das sesións
PRAZAS LIMITADAS. INSCRICIÓN E MATRÍCULA a partir do 9 de setembro
A historia da humanidade é tamén a historia da mirada. Da luz das estrelas ás sombras das cavernas, o ser humano tratou sempre de ver alén, de transcender a súa realidade cotiá. E coa súa insaciable pulsión escópica, coa súa resistencia a pechar os ollos, naceron tamén a ilusión, o sono e a fantasía: o desexo, en definitiva. O cinema chegou moito despois como a prolongación natural dese desexo. Este curso formúlase como unha pequena e parcial historia da mirada a través de películas e cineastas que se resisten a pechar os ollos, que se rebelan e nos revelan novas maneiras de ver e de dar a ver, ampliando así noso imaxinario. De Alfred Hitchcock a Werner Herzog; do melodrama dos anos corenta ao thriller dos setenta; de Jean Vigo, Jean Epstein e Jean Cocteau ao cinema experimental dos sesenta; de Yasujiro Ozu e John Ford a Philippe Garrel e Maurice Pialat; do cinema-ensaio ao cinema asiático contemporáneo; ou de Dziga Vértov a Luis Buñuel, que seccionou a mirada inocente do público coa mítica imaxe da navalla cortando un ollo. Esas miradas afiadas, abertas en canle, son as que buscaremos neste curso; miradas que, en ocasións, foron paradoxalmente veladas pola historiografía oficial e ás que trataremos de dar luz. Porque como dicía Jean-Luc Godard nas súas Histoire(s) du cinéma, ás que dedicaremos unha sesión, "o cinematógrafo nunca quixo producir un acontecemento senón, en primeiro lugar, unha visión".
Prezo de matrícula:
180€ (desconto do 20% para membros da Agrupación de Amigos do MARCO e para estudantes, previa credencial), coa posibilidade de pagamento fraccionado nos prazos e condicións sinalados na ficha de inscrición.
Descontos especiais por inscrición en 2 e 3 cursos.
NOTA: para este curso estanse a xestionar solicitudes de recoñecemento de 2 créditos de libre elección (Universidade de Vigo), e horas de formación permanente do profesorado (Xunta de Galicia).
CALENDARIO E PROGRAMA
NOTA: durante a tempada 2014-15, por coincidir con festivos e outros eventos, non haberá curso os seguintes martes: 11 e 25 de novembro, 9, 23 e 30 de decembro, 6 de xaneiro e 31 de marzo.
Sesión 1 (martes 14 outubro) PRESENTACIÓN O ollo da cámara (ou o cinema como pulsión escópica)
Sesión 2 (martes 21 outubro) Entre unha imaxe e outra imaxe: a sintaxe sentimental do cinema Que acontece entre unha imaxe e outra imaxe? Chega unha imaxe a converterse realmente noutra durante un fundido encadeado? Consegue realmente a “cámara lenta” demorar o tempo? Desprázase a nosa mirada durante un travelling? Nesta sesión faremos un percorrido polas “marcas visuais” máis recoñecibles da linguaxe cinematográfica e a súa capacidade non só expresiva senón tamén poética e sentimental.
Sesión 3 (martes 28 outubro) Entre un son e unha imaxe: a audiovisión Os cineastas de vangarda insistiron na natureza visual do cinema: “A imaxe éo todo”, chegou a dicir Fernand Léger, pero a chegada do son cambiouno todo. “O cinema sonoro inventou o silencio” (Bresson) porque, por vez primeira, a ausencia ou a presenza do son era unha elección en mans do creador. Da man do teórico Michel Chion, nesta sesión achegarémonos a aqueles cineastas que colocan ao son —incluída a voz— ao mesmo nivel expresivo que a imaxe.
Sesión 4 (martes 4 novembro) FORMAS QUE PENSAN I Os ollos da curuxa: a axexante tradición do cinema-ensaio
Sesión 5 (martes 18 novembro) FORMAS QUE PENSAN II Que cada ollo negocie por si mesmo: Historia(s) do cinema de Godard Relatora convidada: Natalia Ruiz
Sesión 6 (martes 2 decembro) FORMAS QUE PENSAN III Imaxes a flor de pel: a autobiografía no cinema
Sesión 7 (martes 16 decembro) A mirada en construción de José Luis Guerín
Sesión 8 (martes 20 xaneiro) A VISIÓN TÁCTIL I O acto de ver cos propios ollos: o cinema underground de Stan Brakhage, Maya Deren e Jonas Mekas
Sesión 9 (martes 27 xaneiro) A VISIÓN TÁCTIL II A zona cero da mirada: Nobuhiro Suwa, o cineasta de Hiroshima
Sesión 10 (martes 3 febreiro) A VISIÓN TÁCTIL III Fomos ficando sós (16 mm Film Performance) Cineasta convidado: Miguel Mariño
Sesión 11 (martes 10 febreiro) Visións da apocalipse: formas extremas do documental Sesión 12 (martes 17 febreiro) O ESPELLO DE TRES CARAS I Jean Epstein (1897-1953) Sesión 13 (martes 24 febreiro) O ESPELLO DE TRES CARAS II Jean Vigo (1905-1934)
Sesión 14 (martes 3 marzo) O ESPELLO DE TRES CARAS III Jean Cocteau (1889-1963)
Sesión 15 (martes 10 marzo) A mirada elidida: mulleres tras a cámara Relatora convidada: Elena Oroz
Sesión 16 (martes 24 marzo) Nalgures, aí fóra, estaban os teus ollos: visións espectrais no melodrama dos anos corenta A finais da década dos 40 o melodrama norteamericano deu un inusitado xiro cara ao fantastique e poboouse de espectros, de amantes capaces de transcender espazo e tempo e mitigar así o gran baleiro e a grande ausencia deixados pola Segunda Guerra Mundial.
Sesión 17 (martes 7 abril) Revelacións (e melancolía) da forma en Yasujiro Ozu e John Ford Tokyo e Monument Valley, a contención dos dramas de xente corrente e a épica dos dramas de fronteira, Ozu e Ford, aparentemente tan afastados. Aparentemente. Esta sesión tratará de achegar o cinema destes dous mestres a través de a súa perenne melancolía e da súa constante busca da pureza formal.
Sesión 18 (martes 14 abril) Despois do pestanexo: Jean Eustache, Philippe Garrel e Maurice Pialat Que aconteceu no cinema francés despois da grande onda da Nouvelle Vague e o maremoto de maio do 68? Entre a inevitable angustia das influencias e a resaca da irrealizada revolución, un grupo de novos directores buscaba a súa propia voz e a súa propia mirada, e tamén as da súa xeración.
Sesión 19 (martes 21 abril) Un espazo fantasma: mirada, cinema e foto surrealistas Relator convidado: Alberto Ruiz de Samaniego
Sesión 20 (martes 28 abril) Visións do absoluto: o cinema de Terrence Malick Sesión 21 (martes 5 maio)
A pantalla opaca: o thriller norteamericano dos anos setenta
Sesión 22 (martes 19 maio)
Os ollos sen rostro: o esvaecemento do corpo do actor no cinema contemporáneo
Sesión 23 (martes 26 maio)
A ollada errante. A modernidade europea no cinama asiático contemporáneo
NOTA: este programa xeral pode sufrir variacións nas súas datas e contidos, en función da dispoñibilidade dos relatores e do propio desenvolvemento do curso.