A intención de "OUTRAS ALTERNATIVAS: novas experiencias visuais en Portugal" é, en certa maneira, actuar de termómetro dunha situación cada vez máis palpable no contexto artístico portugués deste cambio de século: a presencia dun grupo de artistas que debuxan unha sutil mudanza de actitude respecto ás estratexias baralladas polos seus predecesores, máis preocupados por unha crítica ou denuncia social e política.
O que se propón non é unha ruptura dentro do contexto dos noventa, tampouco non é a nosa intención falar de grupo ou colectivo; en todo caso, de xeración dispersa, diseminada, ou mellor, de "xeración sen xeración", como suxire João Fernandes no seu texto do catálogo. Conscientes deste "pecado" de selección e visión historicista, convén aclarar que en ningún caso nos referimos a un antes e un despois, nin a unha unidade compacta que marque a "tradición de ruptura" que definía Octavio Paz, senón a unha serie de avances -non necesariamente producto dunha linealidade- dun conxunto de artistas que, paseniño, cobran maior visibilidade.
Os artistas aquí seleccionados entenden o medio portugués como pequeno e tratan, por iso, de ampliar horizontes e traballar en contextos xeográficos diferentes que, sen embargo, senten próximos en situacións e inquietudes. Ese interese por confronta-los seus traballos en lugares onde estes han defenderse por si solos desembocou en moitos casos, paradoxalmente, nunha visibilidade maior da que gozan moitos dos artistas portugueses que lles preceden xeracionalmente, máis centrados en consolidar unhas metas internas dun medio necesitado como foi o portugués e carentes das posibilidades de infraestructuras das que gozan hoxe os artistas emerxentes.
Esta especie de diáspora expositiva rescata actitudes que abordan a realidade cotiá dende diferentes posturas afastadas de forzadas coincidencias estéticas e cun marcado carácter fragmentario. Por iso, falamos de universos propios, de discursos actualizados alleos a discusións e debates pasados. Moitos dos artistas seleccionados gozan dunha dobre residencia, nun país estranxeiro e en Portugal; por iso queremos facer fincapé neste feito que, se ben non implica a perda dunha identidade común, si logra que esta se propague e contamine, enriquecendo e completando as súas creacións.
No que respecta ó título escollido -"OUTRAS ALTERNATIVAS: novas experiencias visuais en Portugal"-, atende a un obrigado recoñecemento do acerto que supuxo en Portugal unha mostra como Alternativa Zero, verdadeiro punto de inflexión que soubo redefini-la situación artística do país luso. Esta mostra, celebrada en 1977 na desaparecida Galería Nacional de Belém, foi impulsada por un polifacético Ernesto de Sousa (1921-88) que, consciente do atraso de Portugal respecto ás discusións artísticas que preocupaban no contexto internacional -como a fin das vangardas, a desmaterialización da arte, a ruptura das fronteiras entre os xéneros artísticos e o uso de novos soportes-, reuniu a case cincuenta artistas que tomaban un posicionamento conceptualista augurador dunha nova realidade.
Ernesto de Sousa defendía un concepto de obra aberta onde o espectador cobrase un papel activo; tamén unha redefinición do status do artista. Había que comezar de cero para celebra-la arte. Se a alternativa era cero, cumpría partir cara a outra cousa, liberarse. Aínda que nesta época asomaron intencións de crear museos de arte contemporánea, isto tería que esperar moito tempo, se ben se fortaleceu o ensino e melloraron as condicións de profesionalización, tanto de artistas como de teóricos. Alternativa Zero será a exposición máis importante e lembrada das celebradas daquela, unha exposición-manifesto que pretendía redefini-la situación portuguesa e actuar como balance dos avances conseguidos dende finais dos sesenta; por iso moitas obras xa foran vistas, como sucede con algunhas das pezas que seleccionamos para esta outra revisión, estas outras alternativas.
Xa inmersos nos oitenta, vemos como non emerxen novas tendencias ou correntes específicas da década, pero si un conxunto de artistas de forte personalidade individual que, en compañía de novos galeristas e críticos, conseguirán ter unha presencia firme e dinámica na cultura do momento. Algúns que xa asomaran na década anterior, como Julião Sarmento ou Albuquerque Mendes, e outros como Pedro Calapez, Pedro Cabrita Reis, Rui Sanches, José Pedro Croft, Jorge Molder, Gerardo Burmester, Manuel Rosa, Pedro Proença ou Rui Chafes, que se ben nalgúns casos chegaran a expor na década pasada, só cobrarán forza nos oitenta.
Nos noventa, todo parece indicar que foi a mostra Imagens para os anos 90, celebrada na Fundación Serralves en 1993, a que facilitou a aparición dun novo paradigma que xa pugnaba por entrar. Carlos Vidal, Paulo Mendes, João Louro, Fernando Brito, João Tabarra, Miguel Palma, Daniel Blaufuks, Manuel Valente Alves, Rui Serra, Baltazar Torres, António Olaio, Fernando José Pereira ou Luis Palma, son algúns dos nomes de artistas participantes nesa exposición. Os seus traballos gañaron paulatinamente visibilidade nacional, nunha década artística dividida nunha primeira metade de marcado carácter político e unha segunda máis acorde cunha nova investigación tecnolóxica. Os primeiros asumen unha fonda resposta ós desenvolvementos artísticos consolidados dende os oitenta, aínda obstaculizados polo desfase respecto ó internacional e cunhas limitacións conceptuais -salvo casos excepcionais de valores altamente individuais- producto desa información limitada. Máis activistas, estes artistas que cobran visibilidade entrados os noventa acabaron por rebelarse contra o entorno crítico portugués, en ocasións dun xeito abertamente explícito, como cando se apoiaron nun polémico e agresivo texto titulado Oito Novos Fora que alzaba a voz fronte ó que consideraban un sistema cerrado. Hoxe a actitude destes continúa facendo gala dunha insatisfacción crítica, aínda que se recoñece outro tipo de madurez que lles conduce a seguir unha estratexia menos obvia.
Se cadra, a temperá consolidación dos máis dos protagonistas de "OUTRAS ALTERNATIVAS: novas experiencias visuais en Portugal", se debe a que o corte estético coa xeración dos primeiros noventa non se dá como tal, senón que obedece a un avance paulatino, nunca drástico. Entre os combativos artistas que emerxen nos noventa, esa brusquidade producto dun cambio radical resulta obvia e, quizais, á larga, se convertería nunha sorte de desgaste que acabou por pasarlles factura, xa que aínda hoxe non son ben vistos por parte do sistema artístico dominante, se ben se integran gracias á consistencia e rigor das súas obras. A sequidade formal e agresividade directa dos seus traballos contrasta cunha maior espontaneidade dos artistas aquí tratados. E de aí pode deberse que a conexión coa crítica e maila chegada masiva dos segundos a fundacións e museos sexa tan rápida, diferenciándose da autoxestión de exposicións que aínda hoxe caracteriza a algúns artistas anteriores e que, en todo caso, chega a relacionarse con artistas aquí presentes como Rui Toscano ou Alexandre Estrela, tamén ligados a certo inconformismo respecto ó medio portugués. Así, a selección de Rui Toscano, Alexandre Estrela, Noé Sendas ou Miguel Soares pode resultar estraña -nunca gratuíta- se pensamos que compartiron moitas exposicións coa chamada primeira xeración dos noventa; a súa elección débese, sen embargo, a unha visibilidade omitida nun principio que fai que rexurdan como artistas recoñecidos moito máis tarde pero, sobre todo, porque todos se desenvolven coa imaxe dunha forma que anticipa un novo xeito de traballar e de se integrar nun contexto.