“No discurso infatigable da arte contemporánea atopamos toda clase de ditirambos e gabas nos que os artistas e os comisarios de exposicións son, evidentemente, os principais destinatarios. Non falta, obviamente, unha verborrea 'contextualizadora' que, especialmente, demostra a potencia hipnótica do museo e, con frecuencia, xorden consideracións entre integradas e apocalípticas en relación co mercado. De todos os factores do sistema da arte un dos máis esquecidos é, certamente, o do coleccionismo privado. E, non obstante, resultaría case imposible que a dinámica artística seguise o seu curso, por cambiante e raro que este sexa, sen contar con suxeitos que deciden, por razóns de moi distinta índole, adquirir un cadro, unha escultura, un vídeo ou unha fotografía. Teño a impresión de que non se trata unicamente de que o coleccionista sexa o gran descoñecido senón que, en boa medida, se pensa que é unha sorte de 'mal necesario'. (...)
Nin sequera a chamada teoría institucional da arte analiza, con propiedade, o papel do coleccionista que non é, unicamente, aquel que compra un ou dous cadros para decorar a súa casa ou un despacho, senón que pode ser alguén posuído por unha paixón tal que chegue a acumular cantidades sorprendentes de obras de arte. Un comisario como Robert Storr comezaba unha conferencia na que 'explicaba' a súa idea de Bienal, sendo responsable do canónico evento de Venecia, recordando un salón no que contemplaba extasiado obras dos grandes mestres da vangarda. Para o común o sitio ideal onde se atopan coa arte é o Museo, cuxo patrimonio sente, en certa medida, como algo propio.
‘PAIXÓNS PRIVADAS, VISIÓNS PÚBLICAS’ xorde a partir do interese do MARCO de Vigo por render testemuño da importancia das coleccións privadas galegas. Ao estudar algunhas das máis importantes compróbase, rapidamente, que nos seus fondos se atopan obras de excepcional calidade e en cantidade tal que poderían facerse numerosas mostras con perspectivas variadas. Aínda que nesas coleccións domina a pintura, non faltan excelentes esculturas e tamén está bastante presente a linguaxe da fotografía contemporánea; o vídeo ten unha presenza case marxinal, poñendo de relevo que aínda é bastante difícil para o coleccionista privado asimilar ese tipo de producións no seo dos seus específicos proxectos de colección. En todos os casos se trata de coleccións privadas que desbordan o que serían as necesidades, por dicilo sen maiores rodeos, decorativo-domésticas. Cando se acumulan, como sucede nestes amantes galegos da arte, máis de cen pezas —algunhas delas con formatos propios 'de museo'— queda claro que iso que anteriormente cualifiquei como veleno pasou a formar parte do organismo do coleccionista.
Charlando cos propietarios das obras comprobei que a arte é, en todos os casos, unha parte crucial das súas vidas. Seguen a actualidade artística cunha intensidade e un coñecemento de causa superior ao de moitos críticos desganados ou pura e claramente mercenarios, viaxan a distintas feiras de arte, percorren o escenario das bienais e, sobre todo, chegaron a establecer relacións de complicidade con certos artistas. Non responden ao estereotipo, xerado especialmente a finais dos anos oitenta, do comprador de arte obsesionado pola especulación, antes ao contrario, as súas actitudes están máis preto das do 'mecenas' e, por suposto, a de suxeitos que con paixón e sentido crítico buscan minuciosamente as pezas que desexan para as súas coleccións que son works in progress.
Nunha época na que hai ready-mades en todas as partes, a paixón do coleccionista é a de atopar o único, aquilo que non pode deixar de ser seu. Cada colección é, en boa medida, autobiográfica, responde a prexuízos, obsesións e pulsións que non poden ser doadamente desveladas. A compra dunha obra de arte reconduce ao ámbito do privado, isto é unha obviedade, aquilo que ao expoñerse conseguía visibilidade. O proxecto do MARCO a partir de coleccións privadas galegas reenvía á caixa branca o que estaba fundamentalmente almacenado ou colocado en ámbitos familiares. Trátase, polo tanto, dunha oportunidade para o recoñecemento cultural tanto do papel do coleccionista particular canto a concreción dun xesto de xenerosidade por parte dos propietarios dunhas pezas que abren ao público máis amplo a posibilidade de gozar e pensar en torno ao que eles marcaron previamente coa paixón da súa mirada. Obras magníficas de artistas como David Salle, Francisco Leiro, Bernardí Roig, Antonio Murado, Martin Kippenberger, Chelo Matesanz ou Baltazar Torres, entre case un centenar de pezas, ofrecen ao público un mapa fragmentario pero moi intenso das formulacións creativas contemporáneas. O museo non é soamente un lugar de distracción, unha peza da mobilización xeral turística, senón un espazo privilexiado para establecer relacións articuladas do público co privado, onde a mirada do coleccionista, a selección curatorial e o xuízo do espectador poidan establecer aproximacións enriquecedoras".
Fernando Castro Flórez
Comisario da exposición