Maja Bajević, John Bock, Gary Hill, Thom Kubli, Mads Lynnerup, Alastair MacLennan, Sergio Prego, La Ribot, Carlos Rodríguez-Méndez, SUE-C + AGF
Maja Bajević
Slogans Remix
O mundo réxese por lemas, frases curtas e categóricas que ocultan máis do que expresan. Na vida política, económica e social, pola complexidade das súas mensaxes, cabe pouco máis que esas consignas, que en moitas ocasións evocan acontecementos históricos específicos ou épocas especialmente escuras. Algunhas, mesmo, son intercambiables e utilizadas por faccións políticas opostas.
Xunto co grupo musical Basheskia & Edward EQ, Bajević puxo música a un centenar de emblemas que serven de base para a performance que se presenta no MARCO. As mesmas consignas serán activadas posteriormente en diferentes lugares de Vigo, durante os meses da exposición, grazas á colaboración dun grupo de cantantes non profesionais. Así, as consignas políticas do pasado —moitas delas, afortunadamente, cun carácter anacrónico— reintegraranse nun contexto cotián, retomando a súa dimensión cultural e incitando a un diálogo político e social tan necesario hoxe en día.
O traballo de Bajević aborda cuestións relevantes da historia recente: a identidade colectiva, a traxedia e o destino; a construción e deconstrución da Historia, a ideoloxía e a socioloxía. A xeito de catalizador, crea narrativas que fan referencia á memoria e á identidade, que reflexionan sobre o pasado e o presente de acontecementos socio-políticos locais cunha implicación internacional, que aluden a un destino colectivo e aos fragmentos dunha historia destruída.
Maja Bajević (Saraxevo, Bosnia Herzegovina, 1967), que vive e traballa en París, Berlín e Saraxevo, participou nalgunhas das exposicións máis importantes das dúas últimas décadas. O pasado ano presentou, no Palacio de Cristal (Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid) o proxecto Continuará, a súa primeira exposición en España tras expoñer individualmente en espazos como Kunsthaus Glarus, Fondazione Bevilacqua La Masa de Venecia, Moderna Museet de Estocolmo, ou PS1 de Nova York. O seu traballo foi presentado en documenta 12 de Kassel, e nas bienais de Moscú, Sharjah, Sevilla, Istambul e Venecia.
John Bock
Vas-y!
A obra de John Bock combina o teatro do absurdo con ambientes e instalacións igualmente improbables. Os seus escenarios e accións verborráxicas parten sempre de premisas culturais neo-científicas, surrealistas, grotescas e frecuentemente violentas.
En Vas-y!, unha obra orixinalmente presentada na Bienal de Lión en 2005, Bock crea unha “vivenda” nunha especie de barril, cuxo aspecto é unha mestura entre nave espacial e roda para roedores. Como tal, a roda xira impulsada por unha persoa, o que fai imposible permanecer no interior. Bock alude, como de cote, a unha existencia hilarante: unha disxuntiva irreconciliable entre o contorno, a súa función e a aptitude humana.
John Bock (Schenefeld, Alemaña, 1965) participou nun grande número de exposicións internacionais entre as que destacan a Bienal de Venecia e a documenta 11 de Kassel, así como en mostras individuais en institucións internacionais como o MoMA e o New Museum de Nova York, Kunst-Werke Institute for Contemporary Art de Berlín, Kunsthalle de Basilea, Secession de Viena e ICA de Londres.
Gary Hill
Writing Corpora
Fiel ao seu interese pola lingüística, polos seus matices e dobres sentidos, Gary Hill xoga con expresións idiomáticas comúns, con frases feitas que aluden a partes anatómicas do corpo humano, para ilustrar significados. O artista aprópiase destas frases ou expresións e escenifícaas no seu sentido literal, de modo que pon de manifesto a súa incongruencia e absurdo. As alusións ao corpo humano perden a súa funcionalidade anatómica e convértense en parte de procesos metafóricos e asociativos.
Writing Corpora é unha obra de traducións. As expresións son traducidas do inglés ao español e viceversa, e tamén da lingua falada á linguaxe física. Máis aínda; a través da tecnoloxía, a presenza corporal do artista é “traducida” a unha existencia virtual na que el mesmo queda plasmado. Pero todas as traducións son imposibles e dan lugar a unha cadea terxiversada e deficiente da que tamén forma parte o espectador, que interacciona coa presenza virtual do artista e coas frases así “materializadas”.
Gary Hill (Santa Monica, EUA, 1951) estivo presente en museos e institucións de todo o mundo, con exposicións individuais en Fondation Cartier pour l'art contemporain de París, Centre Georges Pompidou de París, San Francisco Museum of Modern Art, Guggenheim Museum Soho de Nova York, Museum für Gegenwartskunst de Basilea, MACBA Museu d'Art Contemporani de Barcelona ou Kunstmuseum Wolfsburg, entre outros.
Thom Kubli
Record Attempt [Intento de récord]
Esta instalación e plataforma de performance presenta un arquivo documental e un escenario en directo para que os participantes intenten bater a marca do “Solo de guitarra máis longo endexamais interpretado”, que na data de inauguración da exposición está en 6 horas e 18 segundos.
A obra comeza cun intento por parte do artista e, a partir de entón, o concurso está aberto ao público para responder ao reto durante o período que dure a mostra, previa cita. Todas as actuacións están supervisadas por un notario, e retransmitidas en tempo real a través da web. Durante as accións, o público permanece separado fisicamente da actividade, que ten lugar dentro dunha cabina illada, provista dunha pequena fiestra para ver o interior. Cando a cabina está baleira, funciona a xeito de testemuña silenciosa. En ambos os dous casos, o espazo expositivo fai referencia ao potencial estético dunha performance en directo, que introduce a idea de espectáculo e de concurso como parámetros musicais ambiguos.
Na mesma sala exhíbese tamén un vídeo que documenta o primeiro intento de marca de Thom Kubli, sincronizado cun texto sonoro —tipo confesión— do artista revelando os sinceros motivos que o levaron a realizar o “Solo de guitarra máis longo endexamais interpretado”. A medida que avanza a busca de iniciativas biográficas, vaise debuxando unha imaxe mental e social particular.
Thom Kubli (Frankfurt, Alemaña, 1969) traballa no campo das instalacións sonoras. Estudou guitarra e composición, e en 1998 fundou a firma BMB-Lab. En 1999 trasladouse a Colonia para estudar na Kunsthochschule für Medien. Presentou o seu traballo en espazos expositivos e festivais como ICA de Londres, Akademie der Künst de Berlín, Ars Electronika de Linz, Center for Contemporary Art de Praga, Transmediale de Berlín, Podewil de Berlín, Deutsches Museum de Múnic, ou EMPAC de Troy, Nova York.
Mads Lynnerup
Plastic Gymnastic [Ximnasio plástico]
Como artista que viña de comezar a adestrar en serio, a Mads Lynnerup fascinoulle a aparencia do equipamento habitual dos ximnasios e o modo en que funcionaban como obxectos nos centros de adestramento. Esta observación diaria serviulle para a investigación que estaba a desenvolver, que intenta romper coa natureza estática do obxecto artístico disposto en galerías e museos.
A instalación Plastic Gymnastic é resultado do seu interese por crear obxectos que poidan ser utilizados nun adestramento completo e que, ao mesmo tempo, permitan ao visitante utilizalos dentro do propio espazo expositivo, transformando así os códigos de conduta habituais.
Do mesmo xeito, esta peza descóbrenos a fascinación do artista polas similitudes existentes entre dous mundos aparentemente dispares; as paisaxes antitéticas da arte contemporánea e do fitness: “Coido que ambos os dous mundos teñen moito en común; os dous son obsesivos e fanáticos (só se pensa en adestrar ou en facer arte) e gústame a idea de que como artista no meu estudio tamén estou a adestrar”. Neste caso é totalmente certo, non só dende o punto de vista conceptual senón tamén fisicamente.
O traballo de Lynnerup analiza e relaciona ironicamente a vida urbana cun comportamento social xa asumido, para abordar contidos máis amplos de alienación e perversión. Chama a atención sobre as peculiaridades da existencia contemporánea e céntrase en obxectos específicos e no seu potencial para cumprir e á vez subverter as devanditas peculiaridades.
Mads Lynnerup (Copenhaguen, Dinamarca, 1976) vive e traballa entre Nova York e Copenhaguen. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Columbia, as súas obras estiveron expostas en museos de todo o mundo, entre eles San Francisco Museum of Modern Art, The Mori Art Museum de Tokio, PS1 de Nova York e Zacheta National Gallery of Art de Varsovia.
Alastair MacLennan
Lain Nail
Alastair MacLennan é un dos pioneiros do xénero da arte de acción. Nas súas obras crea un espazo artístico no que evoca situacións diarias e coñecidas, que á vez lle serve como lugar para a acción.
Os elementos que MacLennan utiliza na súa instalación teñen unha grande carga emocional e nas súas accións fai uso de alegorías, paradoxos, metáforas e contradicións. A instalación actívase durante os días da inauguración cunha performance duracional na que o artista efectúa —dentro do ambiente xa creado— mínimas accións que delatan a súa presenza. Lain Nail alude ao pasado do edificio do MARCO como cárcere, pero tamén evoca posibilidades futuras de creatividade e convivencia.
Alastair MacLennan (Blair Athol, Escocia, 1943) vive en Belfast, Irlanda do Norte. Durante as décadas dos setenta e os oitenta realizou longas performances en Reino Unido, Estados Unidos e Canadá, de ata 144 horas de duración, sen comer nin durmir durante todo o proceso. Dende 1989 é membro de Black Market International, prestixiosa entidade dedicada á arte da performance con actividade en todo o mundo. En 1997 representou a Irlanda do Norte na Bienal de Venecia.
Sergio Prego
Sin título [Sen título]
A instalación de Sergio Prego consiste nunha subdivisión da arquitectura en diferentes niveis por medio de túneles transitables, transparentes e translúcidos. O espazo queda dividido por estes tubos pneumáticos en seis sectores, cuxa simetría suxire un espello non óptico senón conceptual. Establécese unha correlación espacial de actividade horizontal e outra vertical na que cada espazo ten o seu correlativo ou o seu dobre.
A acción consiste en transitar a través dos túneles pneumáticos e na súa documentación en vídeo, segundo un sistema de gravación no que varias cámaras se desprazan en paralelo a unha velocidade e ángulo de visión semellante. A obra, na súa totalidade, propón aos espectadores a inmersión nunha liña narrativa a través dun movemento espacial que sucede alén dos límites espazo-temporais inmediatos.
Sergio Prego (San Sebastián, 1969) estudou na Facultade de Belas Artes de Bilbao e posteriormente completou a súa formación en Arteleku, San Sebastián. Dende 1996 vive e traballa en Nova York. Prego realizou exposicións a nivel internacional entre as que destaca a recente instalación Ikurrina Quarter, realizada expresamente para Art Unlimited en Art 41 Basilea. Outros lugares destacables nos que se puideron ver os seus traballos son o Palazzo delle Papesse Centro Arte Contemporanea di Siena, The Museum of Contemporary Art de Denver, PS1 de Nova York e Guggenheim de Bilbao.
La Ribot
Laughing Hole [O burato da risa]
O traballo de La Ribot dilúe os límites tradicionais entre a danza contemporánea e as disciplinas artísticas da instalación e a performance. En Laughing Hole, a duración da acción (seis horas), a súa localización, a aleatoriedade dos movementos e a improvisación do son, dan como resultado unha estrutura máis baseada na performance duracional que no espectáculo.
O tratamento dos cartóns e os textos, e o xeito azaroso en que se posicionan no espazo, crean unha narrativa filosófica existencialista. As frases aluden a situacións extremas de represión e encarceramento, mentres as risas dos participantes —que conforman a banda sonora da instalación— poñen o acento no inalienable dereito á insubordinación e á liberdade persoal.
La Ribot (María Ribot; Madrid, 1962) é unha coreógrafa, performer e artista visual de sona internacional. As súas obras representáronse tanto en museos e galerías de arte como en teatros, dende a Tate Modern de Londres, ao MNCARS de Madrid, o Centre Pompidou ou o Théâtre de la Ville de París. Dende principios dos noventa comeza a traballar progresivamente na construción dunha obra distinta e completamente persoal na que o papel protagonista está reservado ás Piezas distinguidas [Pezas distinguidas]: sos en formato breve que exploran os límites entre a performance, a danza e as artes visuais. No mundo da performance e das artes visuais alcanzou fama a través das súas pezas de curta duración —de entre 30 segundos e 7 minutos— ou as máis longas —6 horas no caso de Laughing Hole, que se presenta no MARCO. O traballo de La Ribot está estruturado nun sistema que lle permite investigar, expandir e cuestionar os límites espaciais e temporais da danza e deixar atrás as fronteiras entre público e artista.
Carlos Rodríguez-Méndez
Residuo Boca
A obra de Carlos Rodríguez-Méndez en Presenza activa. Acción, obxecto e público conecta o espazo do MARCO e a esfera pública mediante unha serie de accións orquestradas en diferentes lugares. Estas accións investigan sobre a semántica da escultura baixo os conceptos de introdución e descomposición, receptáculo e depósito, residuo e transformación.
Tales conceptos maniféstanse en accións “heroicas” —como o desmantelamento dun enorme depósito para líquidos, a súa introdución no “sancta sanctorum” do museo e a busca do ángulo inferior do panóptico a través destas pezas escultóricas (Residuo Boca); ou como o home que almorzará cada mañá nunha cafetería na cidade de Vigo, convidado polo Museo, durante todo o tempo que dure a exposición (Hombre en Mañana [Home en Mañá])— e tamén noutras accións mínimas, como Insecto Alto Cavidad [Insecto Alto Cavidade], na que o artista mastiga comida acompañado dun home máis alto ca el, para vertela sobre un insecto ao que se lle retirou a carcasa; ou Congelar Aceite [Conxelar Aceite], que, simultaneamente, ten lugar na LABoral de Xixón: un conxelador industrial no que se conxela aceite vexetal. Estas accións e as súas pegadas crean un continuo durante o tempo da exposición e no espazo da cidade, do museo e de receptáculos varios, inanimados e humanos.
Rodríguez-Méndez recorre a materiais, formas e linguaxes primarias para construír esculturas, instalacións e intervencións. O proceso de traballo, dende a concepción ata a súa instalación no espazo expositivo, ten un peso determinante na súa obra. Nas súas accións e nos procesos de construción e instalación dunha peza, compórtase como as súas esculturas, aprópiase de cada lugar —da súa historia, o seu significado, a súa razón de ser, a súa relación co home e co medio— de modo que o corpo do artista adquire, no espazo público, unha aparencia e reflexión escultórica.
O seu interese pola escultura, pola acción e a palabra, pola análise destas linguaxes e o xeito de inmiscirse na súa semántica a través de proxectos de intervencións, de instalacións e esculturas, lévao a realizar obras que exceden o espazo onde van ser instaladas. O uso do cilindro, as conducións, a turba e o aceite, o son e o corpo son interpretados como formas e materiais inaprensibles; xeometrías básicas que cuestionan e alteran o proceso de construción, que tratan da coartación do espazo, da decisión sobre a visibilidade e o termo dunha obra, da temporalidade e o erro.
Carlos Rodríguez-Méndez (As Neves, Pontevedra, 1968) vive en Madrid. Licenciado pola UCM de Madrid, os seus proxectos expositivos foron presentados no CA2M de Móstoles, S.M.A.K. e Vooruit Arts Centre de Gante, CGAC de Santiago de Compostela, IVAM, La Casa Encendida de Madrid, e individualmente en institucións como o S.M.A.K. de Gante, Matadero Madrid, Instituto Cervantes de Madrid, MARCO de Vigo, e Fundación Yaddo en Nova York.
SUE-C + AGF
Infinite Jest [A broma infinita]
Infinite Jest cobra vida como instalación e como película artesanal en directo inspirada na complexa e destacada novela do mesmo título escrita por David Foster Wallace. Cando a peza toma forma de instalación, o público experimenta o espazo como un ambiente constituído por unha banda sonora textual, un vídeo proxectado en gran formato, e varios grupos de miniaturas dispostos para que a xente poida camiñar entre eles e os examinar. Durante a performance, a película cobra vida a través da lente de cámaras en directo que recollen a manipulación de fotografías, debuxos, maquetas e varios obxectos tridimensionais realizados pola vídeo-artista e performer SUE-C, xunto coa suntuosa banda sonora electrónica e voz en directo de AGF, con narración de Francis Deehan. Localizada nun escenario lixeiramente futurista, a película é un intento por crear e recrear o que o personaxe James Orin Incandenza, experto en óptica e cineasta, consideraba a maior obra da súa vida. Tras varios intentos sen éxito que non viron a luz, a súa "película" de entretemento acaba por estrearse, e revélase como fatalmente sedutora. Tomando o anterior como punto de partida, SUE-C e AGF, veteranas compañeiras no mundo audiovisual, exploran a expresión da sedución a través do son e da imaxe.
SUE-C e AGF pasaron a maior parte das súas vidas separadas por 8.000 quilómetros de mar e terra. Tras coñecerse hai unha década, empezaron a colaborar activamente en proxectos audiovisuais e na vida mesma. O lanzamento do CD/DVD Mini Movies en 2006 foi presentado e executado en ducias de festivais de cinema e música electrónica por todo o mundo. Coñecido por achegar unha experiencia orgánica e íntima ao seu público, o dúo combina imaxinería en vivo, voz e música electrónica en hologramas acústicos.
SUE-C (Sue Costabile; Long Island, Nova York, 1974) elaborou durante os últimos dez anos vídeos artesanais, tanto para escena como para pantalla, como artista visual e de performance con base na área da Baía de San Francisco. Os seus traballos desafían as regras da fotografía, o vídeo e a tecnoloxía ao mesturalas cun escenario performativo orgánico e de improvisación en directo. Mediante o uso de multitude de ferramentas dixitais coas que crea un “instrumento” de animación experimental, a artista sintetiza o cinema a partir da fotografía, o debuxo, a acuarela, o papel feito a man, os tecidos e os efectos de iluminación en miniatura. Escuras, taciturnas, texturadas e físicas, as súas películas en directo beben a un tempo das linguaxes cinéticas do cinema abstracto de Stan Brakhage e das esculturas luminodinámicas de Nicolas Schöffer. Utiliza as mesmas técnicas nos seus traballos gravados para resaltar a beleza do recanto banal dunha rúa, un aparcamento público, unha praia esquecida en inverno, un anaco dunha fotografía atopada, un descarte dunha película de vacacións en super-8, e outros espazos intermedios, case esquecidos e a miúdo desapercibidos, do seu contorno. www.sue-c.net
Antye Greie aka AGF, nacida en la RDA, vive y trabaja en Hailuoto, Finlandia. Cantante y compositora digital, productora, performer, e-poetisa, calígrafa, artista digital, es conocida por su exploración artística en tecnología digital a través de la deconstrucción del lenguaje y la comunicación. Su poesía, que convierte en música electrónica, caligrafía y medios digitales, ha sido presentada grabada en performances en directo e instalaciones sonoras en museos, auditorios, teatros, salas de conciertos y clubes de Europa, América y Asia. Otros proyectos incluyen el dúo de música electrónica alemán Laub, The Lappetites, AGF/DELAY (con Vladislav Delay), THE DOLLS (Vladislav Delay y Craig Armstrong) y Zavoloka/AGF, colaboraciones con Craig Armstrong, Ellen Allien, Gudrun Gut, Eliane Radigue o Kaffe Matthews. AGF dirige su propia empresa de producción, AGF Produktion, en 2004 ganó un Premio de Distinción en el festival Ars Electronica, y fue portada de The Wire Magazine en 2006 en el Reino Unido. www.poemproducer.com