Proxecto gañador da Convocatoria de proxectos ANEXO 2017
Dirixido por Fran Quiroga
A partir do 22 de abril, o Anexo do MARCO estrea unha nova etapa da man do proxecto #SalónDoMARCO, dirixido por Fran Quiroga, que foi a proposta gañadora da Convocatoria ANEXO 2017.
Seguindo un dos signos distintivos do MARCO, a liña de programación desta sala situada no vestíbulo principal pon especial énfase na produción propia, tanto no que se refire ás obras e actividades, como ao comisariado. Nesta ocasión, o proxecto foi resultado dun concurso público pensado para seleccionar a programación que se desenvolverá no Anexo durante un ano: de abril de 2017 a marzo de 2018.
En setembro de 2016 tivo lugar a reunión do comité de avaliación —composto por Mela Dávila, directora de programas públicos do MNCARS Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía; Julio Gómez, codirector de Sinsalaudio; Sören Meschede, membro de hablarenarte; e Agar Ledo, responsable de exposicións do MARCO— que elixiron #SalónDoMARCO entre un total de 24 proxectos presentados.
Da proposta seleccionada valorouse, entre outras cuestións, a boa articulación dos contidos e da xestión, tamén económica, do proxecto; a implicación de públicos que non proceden necesariamente do campo da arte; o carácter colaborativo da proposta, en cuxa redacción participaron os colectivos implicados, que ademais amplían o marco de participación fóra do ámbito da arte contemporánea; e a apertura do espazo á cidadanía, para que se apropie del participando e producindo contidos. Os integrantes do comité que valorou as propostas destacaron que se traballe para converter o espazo Anexo nun lugar no que sexa o visitante ou o asistente quen forme parte crucial do desenvolvemento da actividade.
Un lugar para facer
O #SalónDoMARCO configúrase como un espazo recoñecible pola propia sociedade, como esa sala de estar dun fogar na que reunirse en torno a unha mesa ou sentarse no sofá e falar do devir e do cotiá. Este ‘lugar para estar’ concíbese como un proxecto de mediación, experimentación e investigación colectiva que facilita o impulso de comunidades de aprendizaxe; considerando a mediación non como un proceso de explicación do que alí ocorre, senón como un dispositivo que procura tecer redes e xerar conexións.
Os museos de arte contemporánea son espazos creadores de subxectividades, e tamén amplificadores de narrativas; son lugares para o sublime, mais tamén facedores do presente. Han ser lugares que interpelen a sociedade e que se vexan afectados por ela, nos que o compromiso coa contemporaneidade condicione a creación doutros modos de facer, nos que o discurso se configure como unha pedra angular da arte.
A apertura deste lugar no MARCO abre unha nova infraestructura no propio museo para experimentar outra interface que reivindica a capacidade da cidadanía de construír e facer comúns. A través dunha serie de dispositivos —obradoiros, seminarios, encontros, conversas, propostas experimentais…— procúrase que a cidadanía se apropie do #SalónDoMARCO. A xeración de nodos de investigación, a construción do propio espazo, ou o impulso de comunidades de aprendizaxe, son algunhas das intervencións a desenvolver.
+ INFO sobre calendario e dispositivos
Entre finais de marzo e principios de abril tivo lugar o Obradoiro FACER ESPAZO da man de Álex F. Palicio, co asesoramento de Paul Guy, experto facedor do propio Museo. Coa participación de oito persoas procedentes de distintas áreas de actividade, seleccionadas mediante convocatoria pública, pensaron e construíron conxuntamente o propio espazo do salón no que terán lugar os diferentes dispositivos.
Álex F. Palicio é arquitecto impulsor do colectivo tecnoloxía/s apropiada/s —que se ocupa de promover e realizar construcións no ámbito sustentable, organizar talleres de formación en bioconstrución, estruturas low-tech...—, membro do equipo de urbanismo seteoitavas, e co-coordinador do colectivo Montenoso.
O 18/19 e 25/26 de maio desenvolverase a CLÍNICA COLECTIVA DE PROXECTOS, concibida como unha comunidade de aprendizaxe que procura habilitar un lugar de encontro no que xuntarse e abordar de forma colectiva proxectos ou ideas. Por medio dunha convocatoria aberta analizaranse e diagnosticaranse especificamente os proxectos seleccionados a través dunha comunidade entre pares, tecendo así un proceso horizontal e participativo de avaliación. Esta comunidade será mediada polo propio comisario, Fran Quiroga.
O 9 de xuño levarase a cabo o Obradoiro FABRICACIÓN DIXITAL da man de Alg-a Lab, con quen afrontaremos as novas perspectivas e planeamentos que supón a revolución dixital en ámbitos como o deseño ou a cultura dixital, en tanto esta brinda a oportunidade dun entorno aberto de prototipado, cuestiona a eficiencia e finalidade do que nos rodea, e tende cara unha implementación intelixente (smart) dos obxectos na chamada “Internet das cousas”.
Alg-a Lab é un laboratorio de experimentación cultural posto en marcha en 2008 pola comunidade de artistas Alg-a (2003). Entre as súas liñas de acción destacan a investigación en torno á arte dixital, residencias, workshops, e a Radio Piratona, radio comunitaria de Vigo.
Durante os meses de xuño e agosto estará en marcha a Investigación Experimental VIGO REBELDE, O METAL EN LOITA, conducida por Adela Vázquez, co-coordinadora do colectivo Niquelarte. Esta investigación participativa pretende analizar como a cidadanía constrúe movementos sociais que vindican a sustentabilidade das súas propias vidas, e como ocupan o espazo co obxectivo de tecer alianzas nunha cidade chea de vida que manifesta as súas pulsións a través de toda unha malla de traballadores/colectivos/sindicatos e demais axentes, na procura de manter unhas rendas dignas na industria do metal. Estes movementos sociais, a través dos seus corpos e desexos, reiventan a propia cidade vencellados ao pasado, transformando o presente e debuxando o futuro. Son a manifestación dun compromiso, dun afectarse polo dereito á cidade.
Adela Vázquez é licenciada en Belas Artes e co-coordinadora do proxecto Niquelarte, que traballa entre Galiza e Yucatán (México) co obxectivo de visibilizar as comunidades que coidan os bens comúns contidos na paisaxe en clave de capas temporais, en ambas as dúas latitudes.
O 20 e 21 de setembro desenvolverase o Seminario COMÚNS E CULTURA, un encontro aberto á participación, en torno aos comúns e ao seu potencial de apertura de novos espazos, tanto no ámbito inmaterial como no material, ao rachar coa dicotomía público/privado. Supoñen ademais unha oportunidade de transformar as relacións de poder, revertendo asimetrías de dominación ao tempo que facilitan procesos de axenciamento das propias comunidades que fan/pensan e viven eses comúns. E por suposto evidencian a necesidade de resituar esas outras formas de estar xuntos. Como espazos cheos de singularidades, os comúns son a manifestación do axir desas outras subxectividades, nas que a cooperación de corpos a través da multitude permite pensar outras formas de relación social.
Este Seminario é organizado polo colectivo Proxecto Derriba, unha organización sen ánimo de lucro adicada á reflexión en torno ao pensamento contemporáneo. Entre os seus proxectos destaca a revista de pensamento contemporáneo Derritaxes, a publicación dunha serie de monografías en copyleft xunto a Estaleiro Editora, e a organización de múltiples seminarios en torno ao pensamento contemporáneo en distintos espazos.
O 13 de outubro terá lugar a Conversa O GALHEGHO LINGUA DO COMÚN, concibida como mistura de arte e ciencia. A poeta e filóloga Luz Pichel (“Cativa en su lughar", "Tra(n)shumancias"), que vive a cabalo entre Madrid e Galicia, intervirá xunto á investigadora Montserrat Recalde, profesora na Universidade de Santiago de Compostela, quen ten investigado sobre ideoloxías lingüísticas, e sobre as actitudes e prexuízos cara á gheada. A través desta conversa híbrida analizaranse os procesos de subalternidade que se deron ao tempo que se iniciaban as políticas de normativización lingüística, e abordaranse as linguas como unha manifestación dos comúns, creadas e mantidas polos propios falantes.
Un mes máis tarde, o 10 de novembro, será o turno da Conversa Perfomativa PAN DE CONA, na que se traza un relato entre a xentrificación dos barrios e dos corpos. Ver como nos expulsan dos nosos propios hábitats, ao igual que se expulsa aos corpos de nós mesmos. Pan de Cona é unha conversa onde poder visibilizar a realidade social duns corpos e vidas non normativas: putas, travestis, chaperos, peixeiras, perruqueiras, migrantes, convivían nos barrios chinos de cidades mariñeiras como Vigo ou A Coruña; unhas vidas e economías en común que foron arrasadas no boom urbanístico anterior á crise. A xentrificación destes barrios ten como resultado o desprazamento destes corpos e o esquecemento destas relacións, que Rita Caoba recupera a través desta conversa, conxugando ademais música e humor a través dos seus videoclips e cancións en directo.
Pablo Andrade (aka Electroqueer) é fotografo, dj e activista cultural, que conta cunha acreditada experiencia no desenvolvemento de proxectos artísticos de intervención social no ámbito queer. Rita Caoba é activista cultural e loitadora na defensa da sustentabilidade da vida. O seu alter ego Bette Pardo acaba de lanzar a canción-perfomance Fecaloma. Xuntxs teñen impulsado dende mani*festa*accións coas maribolheras precárias, ata festas performativas e sesións visuais con música.
Unha proposta como o #SalónDoMARCO que destaca pola súa aposta pola mediación, ha de ter un carácter flexible e mutante, e ser quen de adaptarse ao propio proceso. Por este motivo impúlsase unha curadoría da escoita. O Salón do MARCO é un espazo de aprendizaxe compartido, atento ao devir e á evolución do propio proceso. A través dunha escoita activa atenderanse iniciativas, propostas e conexións que vaian xurdindo ao longo do seu desenvolvemento.