Xisela Franco
Interior, exterior, durante
“Non mira nada; retén cara adentro o seu amor e o seu medo: a Mirada é isto”
Roland Barthes, A cámara lúcida
A cineasta Xisela Franco (Vigo, 1978) pertence á nova xeración de creadoras que experimentan libre, diversa e sen prexuízos as metamorfoses do cinema, indagando na intersección cinema-arte contemporánea, investigando e desenvolvendo as problemáticas derivadas dos limes espaciais e conceptuais do cine expositivo. Creadoras conscientes da vinculación fundamental entre o feminismo e a arte do vídeo, que atopan no tecnolóxico e dixital o marco conceptual desde onde investigar e actuar, e cuxos intereses temáticos contemplan o renacemento do corpo, a identidade e a memoria, entre outras, cunha subxectividade desenvolvida baixo perspectivas plurais. Así, a mirada de Xisela Franco evoluciona desde experiencias persoais, no caso da visceral Anima Urbis (2010) ou Vía Láctea (2013) e na obra Interior, exterior, durante, que agora presentamos —tecidas entorno á idea de maternidade— tamén coa necesidade de colarse no mundo privado doutras mulleres: con achegas a relatos máis íntimos e desde o cuestionamiento social, como Aadat (2004) e Cruz Piñón (2015). Unha traxectoria de traballos articulados desde o cine experimental, que van dando forma a distintas producións e proxectos científicos e expositivos como o recente proxecto visibilizador Cinema e muller (Deputación de Pontevedra).
Nesta a súa primeira exposición individual, Xisela Franco convida ao público do museo a ser espectador de cine, a contemplar o tempo desde a temporalidade propia. O proxecto Interior, exterior, durante traballa coa manipulación do tempo para chegar a unha xeografía sonora expectante, que atrapa no que sucede, na converxencia de imaxe gravada e duración experimentada. Franco roda expresamente para a sala expositiva, adecuándose ao seu horario de apertura, conceptualiza o propio dispositivo museístico. Así, a exposición está articulada por unha proxección en tríptico de oito horas de duración, con planos de cámara estática sobre unha paisaxe costeira; o poder sublime e limítrofe, simbólico e infindo, do mar, elemento presente en moitas das súas obras directa ou indirectamente. Combina as imaxes con son, coas voces dunha familia que traslada á sala o ambiente e códigos domésticos: contextualizando as horas do día, avaliando un clima emocional e mostrando a evolución da aprendizaxe verbal da pequena Maia —a súa filla— rexistrada durante un período de tres anos. Voces que son extensión de relatos individuais; de ensinanza e aprendizaxe; renuncia e xenerosidade. Deste xeito, imaxe e son están construídos do mesmo xeito pero presentados cunha aparente oposición que paseniñamente se irá transformando, para finalmente anudarse na experiencia do espectador.
Na obra destaca a extraordinaria facilidade coa que a autora transforma o común, desde e fronte o cotián. Franco interroga o que lle rodea e introduce a lembranza para activar a confrontación co momento presente, coa intención plenamente intelectual de interpretalo sen ocultar o que tal exercicio leva de emocional. Un guión íntimo, confeccionado a partir dun arquivo de obxectos, sons e imaxes, que, como acontece coas películas-guía de Chantal Akerman, transforman a pantalla na súa propia pel. Neste caso, tatuada cunha natureza perfecta, inabarcable, luminosa, tan só alterada nos tres fragmentos que compoñen a composición. Entón, o tríptico de Xisela Franco vaise tornando parapeto, velo, foso, aperta. Escenario e espello. Cada unha das imaxes transmite unha sorte de goce do baleiro, tamén de profundidade, de banalidade, e monótono na lentitude do seu ritmo, pausado, de planos longos nos que o durante incide e constrúe, define, o proceso. O fluxo do tempo fragméntase en tres instantáneas ou lenzos, nunha relación inmediata coas artes visuais que, sen embargo, distánciase de seguido nos espazos das marxes, reservado para recursos, ensaios ou erros, evidenciando a distinción entre a reprodución tecnolóxica e a experiencia do real. A autora constrúe imaxes que evocan un monitor en estado de suspensión, intuíndo fronte a esa pausa unha estratexia de introspección para somerxernos nese relato privado e complexo acerca da crianza. Poderiamos dicir que a artista presenta unha imaxe perfecta para experimentar unha marabillosa imperfección, nunha sorte de frontón emocional.
Este é un proxecto fundamental na busca emprendida por Xisela Franco para situarse nas marxes dos procesos creativos e expositivos que acompañan ao cinema e á arte, a través dunha cuestión tan complexa como é o tratamento e representación do tempo. Enmarcada nas reflexións do nacemento da súa filla, na evolución da súa aprendizaxe, este intervalo é o adecuado para sorprendernos na fascinación que esperta o que temos máis próximo. Unha viaxe emocional e poética a través de interferencias persoais e creativas, que documentan simultaneamente a contorna interior e exterior da artista: modos de estar no mundo, de observalo, documentalo e interpretalo. Tempo, lugar e acción na problemática da vida.
Chus Martínez Domínguez