O Ciclo de Cine Centroamericano e Caribeño, que terá como sedes o MARCO de Vigo e o auditorio do novo Museo de Pontevedra, constitúe unha célula complementaria dentro da programación da XXXI Bienal de Pontevedra, achegando información e claves dende outros ámbitos creativos. Ata hai uns anos, o único país da área cunha produción cinematográfica regular era Cuba, a considerable distancia de Nicaragua e Costa Rica. Hoxe contamos con toda unha nova xeración de realizadores que abordan, dende o documental, a mediometraxe e a longametraxe de ficción, aspectos da cultura popular, cuestións relacionadas coa violencia ou retratos da vida cotiá dos barrios ou os pobos. A través destas producións cinematográficas ofrécense lecturas que axudan ao visitante a comprender mellor o contexto do que xorde e no que se inscribe a produción artística que compón o conxunto da exposición da Bienal.
Actualmente o cinema converteuse nunha ferramenta indispensable para comprender a realidade, e tamén para entender a arte. Moitos artistas utilizan ferramentas cinematográficas ou toman como referencia o cinema. No contexto de Utrópicos, o cinema configúrase como unha sección máis, e este ciclo permite unha aproximación a Centroamérica e o Caribe complementaria coas exposicións.
No MARCO de Vigo, o ciclo desenvólvese do 13 ao 30 de xullo durante tres semanas, de martes a venres, ofrecendo un programa de 12 producións recentes, entre longametraxes de ficción e documentais.
A selección foi realizada por Rogelio Chacón, produtor afincado en España e antigo director do Centro de Produción Cinematográfica de Costa Rica, e Santiago Olmo, comisario da Bienal de Pontevedra, atendendo ao tratamento de temas de actualidade nos documentais, así como á diversidade de perspectivas no ámbito da ficción, no que non é difícil advertir a forza do documental. A conexión coa realidade é o fío condutor que nos permite comprender dende a pantalla como se vive e como se soña nesta parte do mundo.
Katia Lara. QUIÉN DIJO MIEDO. Honduras de un golpe. Honduras, 2009, documental, 108’
Ernesto Doramas. LOS DIOSES ROTOS. Cuba, 2008, ficción, 96’
Katia Paradis. TRES REYES. Belice, 2007, documental, 88’
Rodrigo Rey Rosa. LO QUE SOÑÓ SEBASTIÁN. Guatemala, 2004, ficción, 83'
Arturo Torres. WET BACK. EUA, 2005, documental, 97’
Sami Kafati. NO HAY TIERRA SIN DUEÑO. Honduras, 2002, ficción, 107'
Gerardo Muyshondt/Carlos Moreno. HISTORIA DE UN GOL. El Salvador, 2009, documental, 70'
Julio Hernández. GASOLINA. Guatemala, 2008, ficción, 75'
Francisco Serrano. SEVA VIVE. Puerto Rico, 2008, documental, 90'
Juan Carlos Cremata. PREMIO FLACO. Cuba, 2009, ficción, 95'
Jorge Dalton. ENTRE LOS MUERTOS. El Salvador, 2006, documental, 60'
Ishtar Yasin. EL CAMINO. Costa Rica, 2008, ficción, 91'
O 13 de xuño iníciase o ciclo en Vigo co documental Quién dijo miedo. Honduras de un golpe, dirixido por Katia Lara, que aborda dende a actualidade máis inmediata o proceso do golpe de estado en Honduras, do que se cumpriu un ano o pasado 28 de xuño. A estrea mundial da película tivo lugar o 7 de xuño en Bos Aires. En palabras de Katia Lara, directora do filme:
Ha sido fuerte y doloroso este proceso. Hemos perdido compañeras y compañeros valiosos, el exilio no estaba en nuestro horizonte. Pero también ha sido una tremenda inyección de razones para continuar luchando por la refundación de Honduras a través de una Asamblea Nacional Constituyente, para seguir creyendo en una Latinoamérica unida por la solidaridad y la dignidad.
No hay democracia en un país donde miles de hombres y mujeres elegimos todos los días entre la indefensión y el exilio. Hoy tengo el privilegio y la responsabilidad de contar nuestra historia de resistencia pacífica. La movilización latinoamericana frente a los hechos en Honduras debe crecer y fortalecerse para obligar a los gobiernos del mundo a actuar en consecuencia con el anhelo de sus pueblos en lugar de hacerlo a favor de los intereses imperialistas.
Entre os documentais destaca tamén Wetback, de Arturo Torres, que percorre o itinerario dos emigrantes centroamericanos a través de México ata a fronteira cos Estados Unidos, e que constitúe un extraordinario testemuño do drama humano que viven os emigrantes no seu anhelo por chegar a un paraíso que non o é tanto. Como contrapunto na ficción, El Camino de Ishtar Yasin relata con grande sentido poético o camiño que emprenden dous nenos nicaraguanos en busca da súa nai que emigrou a Costa Rica.
Entre as longametraxes de ficción destaca Lo que soñó Sebastián dirixida polo escritor guatemalteco Rodrigo Rey Rosa, sobre o guión da súa novela homónima. Rei Rosa, que foi secretario de Paul Bowles durante o final da súa vida, inclúe na banda sonora da película algunhas composicións musicais do escritor norteamericano. O filme contou tamén coa colaboración do artista Miquel Barceló.
O cinema na rexión tivo un importante foco de produción en Cuba a través do ICAIC, e da Escuela de San Antonio de los Baños, onde se formaron durante anos moitos cineastas latinoamericanos. Máis recentemente, en Costa Rica e Guatemala xurdiron numerosos proxectos que contaron con coprodución estranxeira, e que formulan un novo horizonte na conciencia cinematográfica da rexión.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
Dossier_Ciclo_de_Cine_Películas.pdf [3] | 573.93 KB |
Enlaces:
[1] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/cabecera_2010_3.jpg
[2] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/home_2010_3.jpg
[3] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/Dossier_Ciclo_de_Cine_Películas.pdf