Hai na traxectoria de Diego Santomé (Vigo, 1966) unha actitude perante a obra de arte que nos obriga a replanearmos o sentido de moitos dos discursos artísticos do noso tempo. Todo no seu pensamento e accións xira ao redor de preguntas como: para que serve a arte? a quen chega a arte contemporánea? en que consiste ser artista? ou cal é a función que a arte pode ou debe desempeñar na sociedade de hoxe?
Dende un principio, cando se planea a posibilidade de realización dun proxecto para o Espazo Anexo do MARCO, o artista toma a decisión de traspasar as marxes habituais do espazo e tempo expositivos, de ir máis aló e desenvolver unha obra en proceso con varias fases consecutivas, baseándose nunha reflexión sobre a relación entre arte e vida, en como un artista pode partir de la realidade social máis inmediata para dar sentido ás súas obras.
O eixo do proxecto, ou máis ben o seu punto de partida, é a realización de accións cun beneficio social concreto e con consecuencias directas sobre persoas e colectivos. Para isto destinou unha parte dos recursos previstos para a produción da exposición á mellora de aspectos materiais na vida de varias persoas. Individuos con nomes e apelidos para cuxa localización e colaboración contou co asesoramento de distintas entidades, principalmente o equipo multidisciplinar do Departamento de Benestar Social do Concello de Vigo. O contacto directo e continuado cos protagonistas favoreceu un achegamento e familiaridade que está moi lonxe de calquera indiscreción ou paternalismo, riscos inevitablemente latentes nun proxecto desta natureza.
A partir destas reflexións sobre a función da arte e do artista, e coas accións desenvolvidas nas vivendas dos protagonistas como materia prima, Diego Santomé constrúe o relato cinematográfico titulado TRABALLOS TEMPORAIS, que se exhibe na sala do Espazo Anexo.
Todo o proxecto se levou a cabo coa rutina temporal dun traballo de campo: reunións con asistentes sociais, visitas aos domicilios e sedes, entrevistas, planificación de tarefas, etc. E sempre na compaña da súa cámara mini DV de alta definición. A fase de traballo nas vivendas, que se prolongou durante varios meses, íase entretecendo co traballo de gravación e pos-produción das imaxes. A mostra no Anexo conforma a segunda etapa do proxecto, que concluirá coa publicación dun catálogo que inclúa, ademais de textos sobre Diego Santomé e da copia do filme en dvd, unha serie de debuxos realizados polo artista ao longo de todo o proceso, apuntes en papel que completan as secuencias deste relato en imaxes.
O título TRABALLOS TEMPORAIS leva implícitos varios aspectos chave que son comúns a toda a obra de Santomé: por unha banda, a idea do artista como obreiro, como traballador autónomo –a rutina cotiá, o espertador que soa, o desprazamento ao lugar de traballo– e tamén o convencemento de que a arte a facemos entre todos (artistas, xestores, espectadores) e do museo como produtor de cultura. Por outra banda –como ben sinala Javier Pérez Buján no texto que prepara para o catálogo, do que a continuación ofrecemos un parágrafo– o sentido do tempo, verdadeiro protagonista da exposición e do relato cinematográfico, coa rutina diaria como articuladora da estrutura temporal da narración, composta basicamente de cinco xornadas laborais:
“Diego Santomé optou polo camiño máis difícil, pero tamén o máis lúcido, isto é, realizar as accións, contribuír a mellorar a vida dalgunhas persoas e, con ese motivo, realizar unha peza que transcende o contido das accións en si. Fálanos delas, pero tamén as utiliza como material para algo máis complexo: para transformar o espazo físico da exposición nunha sala de cine onde a única posta en escena é a creación das condicións óptimas de proxección para contemplar o tempo. O tempo do proxecto, o tempo do artista, o tempo da cámara, o tempo do que olla… o tempo que escorrega entre os nosos dedos e que Diego Santomé captura, acouta, resitúa e ‘esculpe’, como dicía Tarkovski, un dos seus cineastas de referencia.” [Javier Buján, para o catálogo da mostra de Diego Santomé no Espazo Anexo do MARCO]
En aparencia, historias ‘reais’ próximas ao xénero documental, que se articulan nun tempo e lugar determinados. E nembargante, nada máis lonxe da realidade. Dende o primeiro fotograma comeza un fascinante xogo entre realidade e ficción, composto por ‘ficcións de realidades’ habitadas, producidas e construídas polo artista, no que todo o que estamos a ver –cada secuencia medida, cada fotograma– forma parte do relato que el elixiu contarnos. De momento, o que se nos ofrece é un espazo convertido en sala de cine e un filme de 50 minutos que condensa toda a súa experiencia creativa dos últimos meses. Unha experiencia, unha percepción da non-realidade, unha ‘habitación dos desexos’ –así se titulaba a peza nun primeiro momento– da que todos, en especial os espectadores, somos protagonistas.