A Colección DKV comezou a xerarse coa adquisición dunha trintena de pezas de artistas vinculados á Comunidade Valenciana, seleccionadas coa vontade de humanizar a través da arte os espazos comúns do Hospital Marina Salud de Dénia (Alacante). En pouco máis dun lustro, a Colección DKV desbordou con creces ese obxectivo inicial e incorporou aos seus fondos máis medio millar de obras duns douscentos artistas de todo o Estado. Con especial énfase na produción emerxente e nas propostas máis innovadoras e experimentais, a colección recibiu importantes recoñecementos, caso do Premio A da Fundación ARCO ao mellor proxecto de coleccionismo corporativo.
O compromiso de DKV Seguros coa arte contemporánea como motor de creatividade traduciuse na configuración dun enteiro programa de responsabilidade corporativa cultural: ARTERIA DKV. Nos últimos anos este programa incidiu, por unha parte, en iniciativas que buscan estender o vínculo coa arte contemporánea a múltiples sectores sociais, con proxectos para os máis novos, propostas que asocian cultura e diversidade funcional, e mediante a programación de exposicións temporais para segmentos de público non especializados.
Por outra parte, dende un punto de vista máis específico do estímulo á creación, e aínda que a compra de obra segue constituíndo unha vía perfectamente válida para apoiar o traballo dos nosos artistas, ARTERIA DKV foi orientándose progresivamente cara a outros modelos de colaboración, que buscan sinerxías máis frutíferas entre creador e colección, e tamén con institucións museísticas e expositivas. O programa resultante de produción de obra, convocatoria de bolsas e premios de adquisición non só responde de xeito máis eficaz ás necesidades dos artistas, senón que encaixa mellor coa natureza procesual e co tipo de traballo por proxectos que caracteriza unha boa parte da produción contemporánea. A presente exposición aspira a ordenar esta multiplicidade de medidas de ARTERIA DKV e a trasladar ao visitante unha impresión global deste programa de apoio, configurando ao mesmo tempo unha mirada panorámica á creación emerxente española.
Un primeiro grupo de obras presentes na mostra caracterízanse pola súa vinculación co proxecto cuidArt, que se desenvolve no Hospital Marina Salud de Dénia, o espazo no que xurdiu a Colección DKV. O Hospital de Dénia foi construíndo un proxecto integral de intervención artística, que constitúe hoxe unha proposta única en todo o sistema sanitario estatal e inclúe entre as súas accións instalacións escultóricas, pezas da colección en espazos de salas de espera, intervencións murais en espazos pediátricos, no hospital de día oncolóxico e de nefroloxía, así como en salas de urxencias e espazos en proxecto. Existe igualmente un completo programa de actividades e obradoiros para pacientes que comprende dende arteterapia ata musicoterapia e actividades clown. Ademais, o hospital conta co seu propio espazo expositivo onde se realizan proxectos intimamente ligados a temas de arte e saúde. O hospital organiza tamén residencias de artistas, ben a petición de diferentes institucións e organismos, ben a iniciativa do propio programa cuidArt.
É esta multiplicidade de accións complementarias entre si a que permite desenvolver en Dénia proxectos diferentes e inéditos de produción e exhibición de obra, representados na exposición a través dunha selección de tres obras especialmente significativas. Banquete caníbal, de Rosalía Banet, foi unha das primeiras instalacións concibidas ex profeso para o hospital, e durante a súa preparación a artista contou coa colaboración de dietistas, pediatras, endócrinos e internistas. Pola súa parte, Panorama de bienes y servicios é o resultado dun traballo desenvolvido durante varios anos no hospital por Mira Bernabeu, unha análise fotográfica a longo prazo sobre as implicacións ideolóxicas do espazo sanitario. Por último, Alex Francés exhibe o resultado dunha recente residencia no Hospital de Dénia: La casa del cuerpo, peza resultante da colaboración con múltiples servizos do centro, preséntase por vez primeira ao público.
Un segundo conxunto de obras na exposición ilustra a aposta de ARTERIA DKV por poñer en marcha bolsas de produción para novos artistas, sempre en colaboración con outros axentes artísticos. LABoral Centro de Arte y Creación Industrial, Es Baluard Museu d'Art Modern i Contemporani de Palma e a publicación dixital MAKMA son as entidades coas que DKV Seguros organizou nos últimos anos convocatorias asociadas aos ámbitos da tecnoloxía, o audiovisual e a ilustración, respectivamente.
Nesta exposición faise fincapé nos traballos resultado da colaboración con LABoral, a Beca de producción DKV Seguros – Álvarez Margaride, en parte debido a que se trata da convocatoria máis consolidada, camiño xa da súa cuarta edición, pero tamén pola especial complexidade das obras e a extraordinaria oportunidade que os espazos do MARCO ofrecen para presentalas ao público. Os traballos de Karlos Gil, David Ferrando e Martín Freire propóñense como instalacións inmersivas de grandes dimensións, que traballan dende a hibridación de formatos e cun importante compoñente de innovación técnica.
En terceiro lugar, o visitante atopará nos espazos da planta baixa do museo unha serie de obras que proceden de colaboracións entre DKV Seguros e múltiples actores do sistema artístico. Non se trata de bolsas en sentido estrito, senón de premios de adquisición e patrocinios de produción, resultado do traballo conxunto con feiras de arte, centros expositivos, galerías e fundacións. Na súa pluralidade, todas estas iniciativas non só fan posible a realización de traballos de enorme valía e a continuidade do labor creativo dos seus autores, senón que recoñecen o papel desenvolvido polas citadas institucións.
Entre as obras seleccionadas, atópanse as pezas de Alicia Kopf e Núria Güell, dúas artistas cunha traxectoria ascendente, galardoadas nas últimas edicións dos Premios do Gremi de Galeries d'Art de Catalunya coa distinción á mellor exposición en galería. Así mesmo, exhíbese o traballo que Eulàlia Valldosera, unha das artistas máis recoñecidas do noso país, realizou en 2014 para a mostra Perfect Lovers. Arte en tiempos del sida, en colaboración coa Fundación Artaids.
Consecuentemente co seu foco na produción de obra como estratexia de apoio á creación, Producións e procesos na Colección DKV preséntase vinculada a unha convocatoria para o desenvolvemento de intervencións específicas para os espazos do MARCO de Vigo. Os traballos de Patricia Dauder e Misha Bies Golas que poden contemplarse na mostra foron seleccionados por un xurado de especialistas entre as 142 propostas recibidas.
O proxecto de Misha Bies Golas incide no seu interese polas conexións entre literatura, arte e apropiación, e aproveita as posibilidades outorgadas pola bolsa para explorar o carácter procesual da obra artística. Pola súa banda, o caso de Patricia Dauder resulta significativo do tipo de relación que o proxecto artístico de DKV Seguros trata de establecer cos artistas. Ela e moitos outros dos autores na exposición colaboraron en máis dunha ocasión con ARTERIA DKV, xa sexa coa presenza da súa obra na Colección DKV, xa sexa a través da súa participación nas distintas bolsas ou mediante a preparación de intervencións site-specific ou de proxectos expositivos.
A continuidade no tempo da relación permite a ARTERIA DKV situarse máis aló do simple coleccionismo obxectual para se achegar a un modelo de mecenado contemporáneo, no que a compañía participa no crecemento persoal, profesional e creativo dos nosos artistas. Iso significa, dalgún modo, ser parte do proceso de elaboración do imaxinario cultural que estes creadores, os máis relevantes da escena actual, están a elaborar día a día. En última instancia supón a profunda convicción dunha enorme responsabilidade coa nosa sociedade, dun compromiso inquebrantable, a través da arte, co noso presente e o noso futuro.
Alicia Ventura
Comisaria da exposición