A primeira estrofa da Internacional, o histórico himno de loita polos dereitos da clase obreira, di: "Arriba, parias da terra; en pé, famélica lexión...". Durante máis dun século ese canto concitou as esperanzas e anhelos de quen, por sufriren as inxustizas dun cruel sistema económico, propuxéronse cambialo politicamente malia os esforzos e penalidades que por iso deberon sufrir. Fronte ó individualismo e maila depredación egoísta do capitalismo liberal, os “internacionalistas" predicaban a solidariedade e mailo destino social dos beneficios xerados polo traballo. Dende o principio da súa universalista canción, animaban ós máis pobres e desherdados da terra, a todos e de todo o mundo (aínda que implicitamente aludisen ós obreiros da industria, por teren máis fácil acceso á “toma de conciencia”) a levantarse da súa prostración para acada-los seus obxectivos. O bordón do himno exhortaba á unión para así acada-lo éxito na batalla ideolóxica, “de clases”, que os asoballados habían emprender contra o capital na procura doutro modelo político e económico: “Agrupémonos todos na loita final e álcense os pobos con valor pola Internacional”.
Como declaración "socialista", trala irrupción dos réximes comunistas cos que supostamente se accedera ó prometido polo himno, A Internacional quedou referido case en exclusiva a esta clase de circunstancia e situación política, ata o punto de que os diversos partidos socialistas pouco a pouco foron abandonando a súa música e maila súa letra. Por iso, unha vez esboroados os estados comunistas, únicos que seguían a entoalo malia exercer exactamente o contrario do que nel se predica, o himno pasou ó cuarto trasteiro das arengas musicais políticas arrombadas, xunto ó Cara al Sol, Bandiera Rossa e tantas outras. Aínda que o proxecto político dos "internacionalistas" quedou postergado, nas sociedades postindustriais de Occidente xa non existe aquela evidente lexión de famélicos parias. Sono, en todo caso, os emigrantes de países empobrecidos pola mala descolonización e mailos réximes dictatoriais, e, sobre todo, sono aqueles que viven dentro deses países. Nas sociedades do Primeiro Mundo, preténdese un pouco máis de respecto, posto que este "capitalismo de rostro humano" non soporta ben a proximidade da miseria e maila desgracia. A súa inmediatez crea mala conciencia, aínda que non se se atopa noutro continente.
Algunhas metas de igualdade perseguidas polos “internacionalistas” parecen terse acadado, paradoxicamente, baixo o paroxismo da globalizada sociedade de consumo actual. Pero é só unha máscara que uni-forma colectivamente ó tempo que de-forma ó individuo, que iguala a pel ó tempo que converte a ideoloxía en grotesco aceno. Pero ¿quere isto dicir que a xente xa non precisa xuntarse en grandes concentracións para acadar un fin que lles reporte maior felicidade, lograr un obxectivo que lles transcenda ou esquecer outro tipo de miserias menos visibles, polo menos por un momento? e aínda ¿que non prefira dedica-los seus esforzos de grupo a tarefas intranscendentes no colectivo pero satisfactorias no individual? De feito, a xente non fai senón aglutinarse en masas, pero non para librar loitas épicas, aínda que tamén se fose preciso, senón, en todo caso, para esquecer conflictos cotiáns. O mundo do espectáculo, da moda impositiva, da corrección política, do consumo compulsivo, do relativismo moral e mais do simulacro fantasioso ¿non oculta ou sublima unha anemia psíquica e unha anorexia vital que afecta tamén a lexións de individuos?
Esta exposición achégase ós fillos, netos e bisnetos (alimentados, aínda que quizais non ben nutridos) de quen, tempo atrás, entoaron con fe e convicción cancións utópicas de igualdade, xustiza e liberdade, e propón que o espectador se pregunte a si mesmo onde van ou en que se transforman algúns soños políticos e sociais. Introdúcese a exposición cun arrepiante documento realizado por Jerôme Lefdup, entre o testemuño histórico, a creación artística e o comentario irónico, co que, como un vendaval, fai repaso indiscriminado -e visualmente moi plástico- dos diferentes tipos de multitudes e xentíos que converteron o século XX na época do individuo como ser masificado e da masa como entidade individualizada. Amósanse certos comportamentos actuais de grupos de xentes, uns para amosar como se ananizaron e deformaron os soños igualitaristas dende Lenin ata Disney (Sylvie Blocher), outros para se amosaren remotos e irrecoñecibles como membros de “politburós” que, dende o mercado e maila empresa internacionalmente global, dirixen o mundo cara á uniformidade (Andreas Gursky), outros, pola contra, para tomaren singularidade adiantándose o personaxe ata acada-lo primeiro plano pero repetindo unha mesma frase, orgullosa e heroica, pero aprendida (Joâo Onofre) ou para adiantándose o visitante da exposición ata un micrófono recibi-lo aplauso indiscriminado dun público inerte (Hiroyuki Matsukage), outros para, diluíndose voluntariamente nos demais, lograr unha mínima victoria sobre o Natural (Zhang Huan) ou o Artificial (Spencer Tunick), e outros, facéndoo involuntariamente, lograr que a victoria sexa para o mercado do lecer globalizado (Massimo Vitali), outros para, ante preparativos gastronómicos, repetir xestos que perderon significado pero posibilitan participar dunha comuñón transitoriamente liberadora (Marcos López, Adi Nes), e outros para preguntarse onde hai que ir para asistir ou tomar parte no seguinte espectáculo, cultural ou político, (Mira Bernabeu), xunto ó peche do ciclo con outra imaxe “disney” posta en paralelo con outra proclama igualitarista (“o traballo faravos libres”), a que cruelmente recibía en Auschwitz a milleiros de persoas que ían morrer polos delirios doutro totalitarismo (Claude Levêque), para desembocar nun tipo de agrupación “post-mortem” (João Tabarra). Non faltan quen nestas circunstancias, aínda agrupados, séntense descolocados ou negados (Olivo Barbieri, Eva Bensasson).
Dende a industria do entretemento ironízase sobre os soños e mailos monstros do século XX; mediante grupos de xente hierática ou desenfreada, plásmase o rostro novo de vellas estratexias alienadoras; e, sen embargo, individuo a individuo, facendo forza en grupo, segue a ser posible entoar un canto -oral e repetitivo, ou corporal e silencioso- para cambia-la realidade.