O feito de atopármonos fronte a un obxecto cotián nun contexto artístico é algo superado tras a asimilación das prácticas do readymade. O valor simbólico que adquire un obxecto a partir da súa descontextualización –polo feito de perder o seu carácter práctico e funcional– ocupou o pensamento de Carlos Rial dende a presentación dos seus primeiros traballos, nos que a figura humana funcionaba como metáfora da condición humana, das estruturas sociais, desa percepción dirixida que domina o noso xeito de ollar. Se hai algo que caracteriza a súa obra é a ironía, a intención subversiva e desafiante de emprazar ao espectador fronte a algo que lle resulta familiar e que, alterado –sempre dentro da herdanza minimalista que posúen os seus traballos– obrígao a cuestionar cal é a función, non do obxecto que ten perante si, senón de si mesmo como participante activo no contexto no que convive coa obra.
No seu afán por cuestionar a realidade dende a realidade mesma, o artista altera a natureza da escultura. Se ben parte daquela primeira intención subversiva do obxecto que, emprazado nun contexto museístico, adquiría novos significados, o seu traballo enténdese a partir do estudo da sala de exposición. Carlos Rial constrúe espazos, novidosos, intrigantes, ao modificar as coordenadas habituais e implicar ao espectador na loita contra a realidade preconcibida, a que evoca o obxecto cotián. O molde –que non está, pero estivo– suxire o baleiro, o intersticio entre ser e non ser, o paso da realidade ao simulacro –que o artista prefire chamar reflexo– que a suplanta, que a derroca. O proceso é parte fundamental do resultado, o fin último, entendido como o momento no que o obxecto fúndese co transfondo teórico que o artista manexa durante a creación, dende a primeira maqueta ata o encontro entre a peza e o espectador. O acto de esculpir, o manexo dos materiais e a relación espacial que cada unha das súas obras garda coa contorna para a que son creadas, definen o seu discurso entre o conceptual e o obxectual, sempre unido á tradición figurativa que defende dende o principio da súa carreira.
Neste proxecto específico para o Espazo Anexo, Carlos Rial investiga sobre o significado das intervencións site-specific no contexto museístico. O artista intervén no lugar para devolvernos unha realidade alterada, convidándonos a reflexionar a partir de obxectos cotiáns. Cinco desatoadores sobredimensionados aparecen adaptados ao espazo; non só o ocupan, préganse perante el mediante a presión e o baleiro, nun intento de cinguirse ao cubo branco no que, atendendo á súa natureza, non lles correspondería estar.
O cubo branco, como espazo neutro, nace na modernidade para potenciar a autonomía da obra de arte, illándoa do seu contexto, un contexto que non obstante está sempre ateigado de connotacións sociais e ideolóxicas; unha contorna que non é neutra, un cubo branco que non existe como tal. Os obxectos de Carlos Rial fanlle un chisco ao espectador, que percibe o esforzo por adaptalos ao lugar, por estaren dentro. Os conceptos ‘dentro’ e ‘fóra’, que o artista explora noutras pezas, están intimamente ligados ao museo como institución lexitimada para expor arte. O artista utilízaos como punto de partida nunha obra feita-especificamente-para-o-lugar, cuxo discurso se centra nas estruturas de poder institucionais. Paradoxalmente, o elemento elixido perde o seu poder ao musealizarse.
Botellas, chemineas, torres de vixilancia, dados ou peóns, veñen definido a produción artística de Rial dende os seus primeiros traballos. Aqueles obxectos recoñecibles suxerían sempre certa desconfianza pola aparencia que adquirían amoreados, aliñados, enfrontados entre si ou sitos no punto de fuga cara ao que o espectador dirixía a súa ollada. Agora, o que nos incomoda son ventosas; que hai senón ironía na elección? Rial xoga co uso predeterminado e único que entendemos posúen estes obxectos, abríndonos a posibilidade de buscar símiles ou referencias derivadas da elección do motivo (xa disfuncional), cuxa representación (resignificación) se nos ofrece para destruír a idea de escultura estática, illada, para romper a xerarquía piramidal establecida –o noso dominio perante o obxecto– e implicarnos nun xogo de poderes. Explorando as posibilidades e os límites da escultura, convídanos a cuestionar aquilo que queda tras o obxecto, indicios da presenza inmaterial, da realidade que existe tras o acto primeiro de mirar.
Agar Ledo Arias
Comisaria da exposición