“Esta exposición ten que ver cunha forma de entender a pintura baseada na transformación do xénero pictórico. A tese principal parte da constatación de que a pintura deixou de ocupar unha posición central, sólida, na arte contemporánea, sendo desprazada por outras disciplinas máis recentes como a videoarte, a fotografía, a instalación, etc. Mudou vulnerable, fráxil; pero este cuestionamento, lonxe de debilitala, foi para a práctica pictórica un estímulo de cambio e desenvolvemento.
Dende hai aproximadamente un século, a pintura ten sido declarada morta en diferentes momentos e por diversos motivos: por ilusionista, por estar asociada a un sistema de mercado, por non ser soporte de ideas senón tan só ofrecer sensacións... Na pasada década, tras a eclosión das transvangardas pictóricas dos anos oitenta, rexurdiron tales proposicións. Un dos argumentos que contra a pintura se teñen esgrimido é o da súa excesiva carga cultural. Segundo este pensamento, ao provir dunha situación de primacía na xerarquía das artes, non é quen de descargarse das connotacións que tal posición implicaba: autoridade, propiedade; e esta situación delimitaría un campo estético definido, pechado, que semella impor uns límites formais e conceptuais. Estes transmitiríanse de xeito inconsciente e insidioso: sen nos decatar, pintariamos con recursos e estéticas herdadas, o que priva ao medio de capacidade de sorpresa, de posibilidades de renovación. Sendo tal argumentación de orde cultural, e non referíndose ás condicións materiais do pictórico, invalídase no momento en que a pintura se desprende desas connotacións. Para iso, o artista actual ha ser quen de desmontar esa xerarquía, traballando coa pintura nun plano de igualdade cos demais recursos artísticos. Por iso é tan importante o modelo do artista multimedia: porque desfai a estrutura dos xéneros artísticos e a súa potencial xerarquización.
A pintura é, pois, axeitada no momento en que a consideramos un medio máis, non un fin en si mesma. Os artistas que participan nesta exposición non toman a pintura como motivo central do seu pensamento creativo, non traballan nunha esfera do estritamente pictórico, non defenden unha esencialidade do xénero (de feito, a maioría deles traballan simultaneamente noutros territorios da arte). Son artistas que usan a pintura, como a fotografía ou o vídeo, cunha finalidade determinada e en función das súas calidades físicas, visuais e culturais. Por iso, non se trata aquí dun problema de técnicas ou formatos, senón de actitude.
O problema dos medios relaciónase con outro dos cuestionamentos que de xeito recorrente se lle veñen facendo á pintura: critícaselle polo seu estatismo, a súa configuración estable, a súa fisicidade. Segundo esta visión, eses caracteres inherentes á pintura a incapacitan como vehículo de aspectos da realidade contemporánea vencellados ao fragmentario, o cambiante, o virtual, como os medios electrónicos ou as redes de información. A miña proposta rexeita esta polarización dual de conceptos estéticos –material contra virtual, inmediato contra mediado, estático contra temporal– con que de cote se sentencia a un ou outro xénero artístico.
Do mesmo xeito que un filme pode transmitir sensacións de estatismo e materialidade –pensemos, por exemplo, nas calidades matéricas e o tempo contemplativo do cine de Tarkovsky– tamén un medio estático e material, como a pintura, pode ser usado para aludir a realidades fugaces e inmateriais. Así, a pintura que aquí se expón non se presenta coma unha alternativa aos medios tecnolóxicos ou ás artes temporais, senón que dialoga con estas e con aqueles, integrándose con todos eles nun espazo interpenetrado de relacións culturais.
Neste sentido, esta exposición pretende, tamén, contribuír á creación dun panorama normalizado, no que a pintura se entende coma unha opción estética e técnica máis dentro dos recursos da arte contemporánea. É por mor disto que a exposición se cingue estritamente ao xénero pictórico (se ben entendendo este no sentido ampliado en que o coloca a contemporaneidade), evitando o recurso habitual de modernizar unha exposición de pintura introducindo algo de vídeo, un pouco de instalación, moita fotografía.
A obra créase, así, nunha transacción, un intercambio coa contorna artística e cultural; non é unha obra ensimesmada, silenciosa, senón máis ben extravertida, ás veces ruidosa. O deseño, a ilustración, a publicidade, a televisión, a fotografía, o cine, a instalación, a arquitectura, etc. están implicitamente presentes nesta exposición, tanto como o propio medio pictórico o está de xeito explícito.
Como consecuencia disto, a heteroxeneidade, a hibridación, a mestura, sendo ideas, actitudes e prácticas culturais características da actualidade, están tamén presentes nesta pintura. Os estilos xustapóñense e superpóñense libremente, as imaxes son axeitadas, manipuladas e devoltas á esfera do público, os conceptos son reutilizados, reciclados, nese proceso continuo de postprodución que describe Nicolas Bourriaud.
Este xeito de entender o pictórico inscríbese nun novo modelo de dinámica artística que propoño, baseado na idea de mutación. A mutación é un proceso azaroso de transformación xenética, que posibilita a evolución das especies grazas á súa adaptación ao medio. A dinámica de avance vangardista chega á súa fin na posmodernidade, momento en que é negada a posibilidade de progreso na arte. Por contraste con este pensamento, a metáfora dunha arte mutante afirma a posibilidade de cambio; pero non un cambio autónomo, de signo idealista e utópico, como o que aparece implícito no proxecto das vangardas, senón unha evolución vencellada á transformación inevitable da sociedade. A pintura, como ente mutante, desenvolve estratexias de adaptación a un contexto igualmente dinámico e é quen, ao mesmo tempo, de cooperar na transformación deste escenario.”