Como peche da súa programación 2006, e comezando xa o ano 2007, o Espazo Anexo do MARCO exhibe unha proposta da artista RITA RODRÍGUEZ (A Coruña, 1981), que como todas as presentadas no Anexo foi creada e producida especificamente para este lugar, concibido como sala de proxectos para artistas emerxentes.
O título ...DE DENTRO DE... resume dende o inicio a intención da artista, pois implica a idea de facer do Espazo Anexo unha prolongación da rúa, dos lugares de tránsito, establecendo un diálogo entre o exterior e o interior, e tamén entre os propios espazos interiores. A acción e a percepción do visitante —actos que implican certa temporalidade— configuran e alteran o ámbito expositivo, poboado de mecanismos que de xeito máis ou menos sutil invitan ao espectador a percibir a conexión entre lugares que semellan afastados entre si —o exterior e o interior— e que se atopan no momento en que o espectador e a obra lles permiten existir doutro xeito.
O proxecto baséase en catro instalacións/accións nas que se ofrece ao público a posibilidade de participar, de percibir, e polo tanto de ‘construír’ a obra:
Na zona peonil sita sobre a cuberta da sala de exposicións, cinco micrófonos de condensación recollen os sons xerados a pe de rúa. Os micrófonos están conectados a varios auriculares pendurados do teito no interior da sala, e que se corresponden fisicamente coa situación de cada micro no exterior. Así, as persoas situadas no interior do Anexo escoitan os sons que se están a producir fóra, que ‘pertencen’ ao espazo exterior.
Esta conexión exterior-interior reflíctese tamén nun teclado localizado na mesma zona peonil onde se sitúan os micrófonos. Calquera persoa pode intervir no espazo interior dende a rúa, escribindo palabras ou frases dende este teclado, que se verán reflectidas en tempo real nunha pantalla de texto situada xusto debaixo, no interior da sala, e que se amosa aos viandantes a través da parede de cristal do Anexo. Paradoxalmente, imposible de ver para quen está escribindo. Dado que o teclado permanece aceso día e noite, queda aberto a calquera tipo de ‘contribución’ espontánea, xerando un xogo que pode ser ou non compartido.
En cada un dos baños interiores do Anexo —practicamente idénticos e situados un a carón do outro— instaláronse unha cámara e unha pantalla de proxección que recollen e proxectan, respectivamente, as imaxes do outro baño. Trátase de crear un cruce de impresións, un efecto espello, un xogo de percepción: o que a cámara está a gravar vese no outro baño, pero o espectador non o percibirá a non ser que ‘algo ocorra’ no outro espazo.
Este xogo de percepción e conexión entre espazos interiores está presente tamén noutra intervención que afecta a dous espazos situados nos extremos da sala de exposición: o escuro corredor tras os baños —onde se instalou unha cámara de gravación— e a saliña de proxección no lado oposto, tamén pintada de preto, pero cunha pantalla completamente branca construída a base de xiz desta cor. Sobre esta pantalla proxéctanse en tempo real as imaxes gravadas no corredor situado no outro extremo: preto proxectado sobre preto, que se irá transformando en branco a partir dunha serie de accións iniciadas pola artista o día da inauguración, e que consisten en ir retirando anaco a anaco o xiz branco que conforma a pantalla para realizar debuxos sobre a parede preta da sala-corredor. A partir de aí os visitantes poderán ir collendo xiz e debuxando na parede de xeito que, nun gradual efecto pictórico, a pantalla branca se vai volvendo preta, e o espazo preto se vai transformando en branco mediante as formas e debuxos que cada espectador vai aportando para a construción desta peza.
En todas estas accións ou intervencións ofrécese ao público a posibilidade de interactuar co contorno, moi especialmente naqueles lugares que por familiares ou comúns adoitan pasar desapercibidos: a rúa, os baños, os escaparates e zonas peonís. Trátase de dar e recibir; de dar para percibir, ás veces sen previo aviso, poñendo a proba a sensibilidade ou capacidade de percepción do espectador. Algo, por outra parte, xa presente en anteriores traballos desta artista, nos que investigaba novas combinacións e relacións entre o público/social e o privado/íntimo a través da experiencia do son e da voz humana, e do corpo como vehículo de transmisión.
Se ben todo forma parte do mesmo proceso, estas conexións auditivas, visuais, ou sensoriais entre distintos espazos serven á artista como medio para tentar desfacer a complexa trama do cotiá; para partir dunha experiencia sensorial e chegar a un mellor coñecemento: “conseguir que en medio de ‘o de sempre’ algo escintile un día; evitar a cegueira do cotiá; nisto reside a beleza”.
Como un exercicio analítico e tamén de síntese, a proposta do Espazo Anexo reúne varios riscos distintivos da obra de Rita Rodríguez: a atención ao espazo como punto de partida, como escenario; as contraposicións ou puntos de inflexión entre o estrutural e o orgánico, como metáforas do corpo e das normas e convencións ás que está suxeito; e, sobre todo, a relación coas persoas, cos visitantes, e a súa implicación como parte integrante da obra, como emisores e receptores, como compoñente físico que aporta corporeidade a un espazo aparentemente “baleiro”.