“O son ten xogado sempre un importante papel no traballo de Máximo Bartolini, que na exposición HUM rende homenaxe a unha das personalidades máis xeniais e visionarias do século XX: Glenn Gould.
Non obstante, non é tanto a figura do Gould músico a que interesa a Bartolini, como a do artista inconformista, a do home que abandonou unha carreira fulgurante no momento do seu máximo esplendor, illándose totalmente no gran Norte e ‘comunicándose co mundo só a través do estudio de gravación’. Esta foi a forma elixida por Gould para levar a cabo unha rigorosa investigación teórica e especulativa centrada na non-presenza, na transmisión do pensamento como pura voz, mediante a experimentación coas posibilidades que ofrecían os novos medios electrónicos, dende a técnica da montaxe ata a gravación de transmisións radiofónicas.
Os novos procesos tecnolóxicos do estudio de gravación permitiron ao visionario artista canadense facer realidade ese ‘abrazo global máis alá do tempo e do espazo’ do que falaba o seu amigo Marshall McLuhan nun ensaio pioneiro sobre os novos medios electrónicos —Understanding Media: the Extensions of Man— publicado en 1964, o mesmo ano en que Gould deixou os escenarios. Ao mesmo tempo, a tecnoloxía permitiulle levar á práctica a ‘morte do autor’ dos teóricos post-estruturalistas franceses neses mesmos anos, e ‘liberar’ —en palabras de Roland Barthes— o texto/obra da súa asociación tradicional co autor/artista, buscando o seu sentido último no destinatario; noutras palabras: no lector, no oínte.
Nesta exposición, as dúas instalacións de Massimo Bartolini están dedicadas á ‘historia de amor co micrófono’ —tal como foi definida recentemente— de Gould, pero máis en xeral á idea de gravación como presenza e como comunicación a distancia ao mesmo tempo. Están construídas en torno ao poder evocador e suxestivo da voz do músico canadense na segunda gravación das Variacións Goldberg, e no texto radiofónico The Idea of North.
O que Bartolini pon en escena en HUM é unha presenza sen corpo, puro son: o espazo baleiro, transformado nun ambiente sinestésico pintado de cores que se corresponden coas tonalidades de Sol maior —tema dominante nas Variacións Goldberg—, só adquire vida a través do murmurio, dos fonemas sen sentido que marcan o ritmo do fraseo musical. O famoso tarareo de Gould na súa gravación, HUM, de 1981, transfórmase nunha partitura vocal autónoma interpretada polo barítono Nicholas Isherwood: sons puros de grande forza evocadora animan o espazo, fragméntanse e recompóñense en la memoria, na percepción de quen escoita. Mentres tanto, o sorriso estático de Jagannath —a forma de Krishna asociada ao soño e á noite— cos seus grandes ollos abertos, xira hipnoticamente na portada do disco de vinilo, creando así un efecto similar ao que deberon ter as Variacións Goldberg no conde insomne para quen Bach as compuxo.
De forma similar, Singing North, a colaxe composta e interpretada por Nicholas Isherwood a partir do texto orixinal do programa radiofónico de 1967, leva ao extremo a idea de contrapunto desta peza de Gould, deixando que a imaxinación e percepción de cada individuo se despregue fronte a unha parede branca que canta; superficie neutra ideal para recibir as proxeccións do espectador/oínte.
O proceso de gravación, en ausencia da persoa do narrador, permite que a historia se despregue sen caras, sen límites figurativos. A ausencia do suxeito convértese así en premisa de algo que pode ser compartido por todos, facendo posible aquel abrazo co mundo, cunha comunidade global que consiste na coexistencia de voces, capaz de proxectar a quen escoita cara a unha dimensión compartida, libre de compromisos de autoría e autoridade: quizais o Norte, aquel Norte de Gould, coa súa imaxe mítica de utopía e liberdade, que traza o artista como memorando sobre un dos raios do gran mapa verde”.
Anna Cestelli Guidi
[Comisaria da exposición]