Comisariado: Alicia Fernández e Miguel Fernández-Cid
Coa colaboración da: Deputación de Pontevedra
Froito da colaboración entre o MARCO e a Sala Rekalde, Bilbao (Deputación Foral de Bizkaia) para a itinerancia e coprodución de exposicións, o 13 de maio chega a Vigo As sete xanelas, que reúne boa parte do traballo de Idoia Montón (Donostia, 1969) dende 1990 ata a actualidade: pinturas, debuxos e colaxes procedentes de coleccións privadas e institucionais, como o Museo de Bellas Artes de Bilbao e o Museo San Telmo, Donostia.
O título “as sete xanelas” quere expresar –tanto literal como metaforicamente– as diferentes formas de conxugar as relacións entre o dentro e o fóra, o marco e o van, ou a rúa e o cuarto. O uso da xanela é un elemento reiterado ao longo de toda a súa traxectoria como medio para ver a realidade, a paisaxe ou a vida. Sublíñase a importancia do punto de vista, dunha mirada que nunca é normativa, directa ou centrada, senón lateral, múltiple e fragmentaria; así como a persistencia dos espellos e a imaxe reflectida.
A obra que Idoia Montón desenvolveu durante as tres últimas décadas entre Euskadi e Cataluña caracterízase por unha marcada coherencia, grazas á súa radical heteroxeneidade. Montón concibe a pintura como un proceso aberto e soberano, atento ao achado e ao xogo do azar, no que o único que se mantén constante é unha idea organizadora de forma ou estrutura.
O proxecto ten como obxectivo revisar a traxectoria da artista e presentar as claves que estruturan o seu traballo. Pero non se trata dunha mostra retrospectiva ordenada de xeito cronolóxico, senón concibida a través dunha serie de núcleos temáticos, formais e contextuais. Seguindo esta secuencia, a mostra organízase en catro ámbitos: Un cuarto propio, Guerra, Barna, e Cos ollos abertos.
Idoia Montón traballa na procura do sentido da pintura dende o común para indagar na realidade e no mundo no que vivimos. As súas pinturas e debuxos constrúense a partir dun catálogo de imaxes do cotián.
Dende a liberdade, o rigor e a autocrítica, para expresarse con voz propia, realiza un traballo artístico a xeito de relato. Tomando como arranque o ámbito literario, fábulas e metáforas ou escenarios de ficción, contrapón conceptos entre o particular e o colectivo, facendo uso dos medios expresivos que reforzan a mensaxe. A obra de Idoia Montón comeza no taller como un xogo coas formas e os materiais que, en certo momento, empeza a cristalizar e se ha revelar como unha obra. O taller é un laboratorio onde ensaiar diferentes experimentos que poidan facer que un medio tan historicamente saturado como a pintura volva falarnos en presente. “Quero que a miña pintura sexa un espello onde [o público] se contemple; trátase de entrar e de atopar a súa vida reflectida”.
No taller os elementos organízanse sobre un plano que a propia artista chamou “enigmático” e que reclama constantemente solucións. A partir dese plano van xurdindo ideas, formas e forzas. “O cadro maniféstase entón –escribe a artista– como un espazo aberto, sometido a un proceso no que calquera forma se pode acabar revelando. Podería tratarse da emerxencia da guerra, como dunha fantasmagoría, no incerto espazo en perpetua remodelación dunha capital occidental…”
Montón entende a arte como unha forma de resistencia fronte á violencia, como un intento de actuar sobre a realidade. A función da arte é o seu poder de transformación, sinalou a propia artista. De aí o profundo arraigamento da súa obra coa experiencia e a vida en común, e de aí tamén esa firme desconfianza fronte ás convencións e as fórmulas que ao longo dos anos a levou a buscar un novo punto de partida mediante a exploración de diferentes rexistros pictóricos: da colaxe bidimensional ao realismo, pasando do maxicismo á crítica política, do realismo ao barroco.
Dossier documental
Paralelamente á exposición, a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO preparou un dossier documental, que reúne enlaces a artigos e información complementaria sobre a artista, accesible para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais.
Obradoiros infantís
Colabora: Obra Social “la Caixa”
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Programa gratuíto, previa inscrición no tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 ou no correo-e recepcion.marco@gmail.com
Información e visitas guiadas
O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:
Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113908
Rutas interactivas a través da App Vigo
O novo sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.