Tras unha intensa actividade na década dos cincuenta e nos primeiros anos da década dos sesenta arredor das agrupacións fotográficas das cidades galegas, o dinamismo da fotografía non profesional esmorece notablemente ata practicamente desaparecer na mesma década dos sesenta. A fotografía galega, agás algún caso moi puntual, permanece á marxe do movemento xurdido na década dos setenta en torno a revista Nueva Lente e que supuxo a renovación do panorama fotográfico español.
Nos primeiros anos da década dos oitenta a actividade fotográfica non profesional manifestábase en esporádicas exposicións de fotografía nas diferentes cidades, de xeito que comezan a verse fotografías que responden a unha realidade moi diferente da das agrupacións fotográficas nas décadas anteriores. Cómpre lembrar tamén que socialmente a fotografía merece escasa consideración dende unha perspectiva cultural e nula dende unha perspectiva artística. O panorama artístico desa época está dominado practicamente pola escultura e a pintura, non tendo cabida en absoluto a fotografía.
Este é o contexto no que aparece a Fotobienal de Vigo e o que leva a proclamar na presentación da súa primeira edición que “As motivacións que lle serven de guieiro son a avaliación da fotografía como feito cultural” propóndose “rachar a situación de ghetto na que se acha, dentro do campo cultural dentro da propia Galiza”.
A Fotobienal de Vigo intenta dende o primeiro momento romper a dinámica localista que existía daquela. Outro dos obxectivos fundamentais da primeira edición foi a fotografía histórica galega. Pretendíase que esta I Fotobienal fose unha chamada de atención sobre a importancia da fotografía histórica, para desa forma deter o proceso de destrucción do noso patrimonio fotográfico facendo fincapé en que coa súa perda estaba a esvaerse a nosa memoria visual colectiva.
Na segunda edición a Fotobienal adquire unha dimensión internacional, programando exposicións monográficas de autores recoñecidos mundialmente como William Klein ou Martin Parr e iniciando o proxecto Vigovisións. A partir deste momento a Fotobienal de Vigo, coordinada polo Centro de Estudos Fotográficos, marcarase como obxectivos:
1. A recuperación, estudio e difusión da fotografía histórica galega. Realízanse exposicións monográficas de autores como Ksado, José Suárez, Pacheco, Llanos, Virxilio Vieitez, Arquivo Massó... Nalgún caso, como no de Vieitez, trátase de artistas totalmente descoñecidos ata ese momento. A Fotobienal converteuse no punto de referencia da recuperación histórica da fotografía galega.
2. A dinamización, dentro das nosas posibilidades, da fotografía contemporánea galega. No proxecto internacional Vigovisións sempre era incluído un fotógrafo galego, creouse a sección Bolsas dedicada en exclusiva a fotógrafos galegos e posteriormente a sección Novas Creacións tamén dedicada integramente á fotografía galega contemporánea, ademais de seren incluídos traballos realizados por autores galegos noutras exposicións.
3. Facer a Galiza, e dunha forma moi especial a cidade de Vigo, partícipe do debate da fotogafía contemporánea universal. A exposición central, sección constante a partir da III Fotobienal, amosa o traballo de artistas contemporáneos procedentes de distintos países que estaban a presentar propostas innovadoras no panorama fotográfico internacional. Era usual nestas exposicións a presencia de autores que ata aquel momento non tiñan exposto en España e que nalgúns casos tardaron anos en facelo. Cómpre lembrar tamén exposicións monográficas de autores que malia estar xa recoñecidos como parte da historia da fotografía mundial tampouco foran mostrados nos circuitos españois. Realizáronse oito edicións do proxecto Vigovisións, no que se convertía a cidade de Vigo no escenario de traballo dos fotógrafos máis relevantes do panorama internacional do momento.
En xaneiro de 1985 comeza a programación da Sala dos Peiraos que a razón dunha exposición mensual mantería a súa actividade durante 6 anos coordinada polo Centro de Estudos Fotográficos e presentando nese período un total de 56 exposicións. A programación da Sala dos Peiraos baseábase na pluralidade de concepcións, nuns momentos en que gran parte da programación fotográfica do Estado español adoecía dun forte uniformismo. Por ela pasaron os fotógrafos máis relevantes neses anos como Joan Fontcuberta, Cristina García Rodero, Manel Esclusa, Gabriel Cualladó, Toni Catany, América Sánchez ou Daniel Canogar. Fotógrafos doutros países como Paul Graham, Max Pam, Joel Meyerowitz, Sebastião Salgado, Arno Fischer ou Brian Griffin e tamén tiveron cabida na sala clásicos da fotografía universal como Manuel Álvarez Bravo ou Bill Brandt.
No que se refire a Galiza, organizáronse quince exposicións colectivas de fotógrafos galegos, ademais doutras nas que participaban a carón de fotógrafos doutros países. A importancia que para o CEF sempre tivo o feito de dar a coñecer novos fotógrafos, levounos a presentar todos os anos, baixo o título Hoxe Mesmo, os traballos de fotógrafos galegos que ata daquela non tiñan sido expostos. Cómpre lembrar tamén que no referente á fotografía histórica se presentaron exposicións como En Vigo nos cincuenta, que presentaba o traballo realizado polos membros da Agrupación Fotográfica Galega na década dos cincuenta ou o traballo de Manuel Ferrol, Raniero Fernández ou Ramón Caamaño.
Como consecuencia desta actividade fotográfica do Concello de Vigo desde o ano 1984 ata o ano 2000 configurouse unha colección fotográfica da que Vigovisións constitúe soamente unha parte.
Outra parte importante, numericamente equivalente a Vigovisións, está integrada por diferentes fotos que se foron adquirindo en función dos recursos económicos disponibles en cada exposición. Por esta causa non é unha colección constituída a partir duns conceptos determinados, senón que é un conxunto de fotografías que describen a relación da cidade de Vigo coa fotografía e dun xeito moi particular coa fotografía contemporánea do período citado anteriormente. As diferentes circunstancias e orzamentos determinaron que as compras variasen numericamente dunhas exposicións a outras. Malia estes condicionantes, dentro da colección atópanse nomes da categoría de Álvarez Bravo, William Klein, William Eggleston, ou Mario Giacomelli.