PRÓSPERA, da artista galega Carme Nogueira, enmárcase no conxunto de actividades artísticas e culturais organizadas polo Instituto Cervantes con motivo da celebración do Ano de España en China. En setembro de 2007, o MARCO de Vigo presentou no Instituto Cervantes de Pequín unha proposta de Carme Nogueira que establecía un diálogo entre a cultura chinesa e a española centrado especialmente no crecemento económico e urbano.
O nome do proxecto xoga con varios sentidos do termo: en español, 'Próspera' procede do vocábulo latino prospĕrus, que significa 'favorable, propicio ou venturoso', pero é tamén o nome dun bazar chinés en Vigo, cidade na que traballa e vive a artista.
A obra de Carme Nogueira en Pequín consistía en varias pezas relacionadas, con accións na rúa, unha intervención site-specific na fachada, e unha instalación no interior da sala de exposicións. Un proxecto que agora ten a súa continuidade no Espazo Anexo do MARCO, e que se relaciona coa mirada desta artista sobre o espazo público, sobre o significado do contexto urbano, o seu uso e as súas alteracións, presentes xa en propostas anteriores.
A intervención sobre a fachada do Instituto Cervantes de Pequín atopa o seu paralelo en Vigo mediante unha acción sobre a parede posterior do MARCO, realizada en colaboración coa artista Azucena Vieites. A acción a pé de rúa que tivo lugar en China, co posto de venda/repartición de camisetas serigrafiadas coa palabra 'Próspera', adquire un novo significado pola diferenza de contexto urbano, social, cultural e comercial. E ambas as dúas teñen o seu reflexo no interior do Espazo Anexo, a través de vídeos que serven como documentación destas accións, proxectados sobre unha das paredes interiores e sobre as caixas que conforman a instalación da serie Refuxios.
A intervención de Azucena Vieites —un grafiti coa portada do libro New Feminism (Eds. Marina Gržinić, Rosa Reitsamer. Löcker Verlag, Viena, 2007) deseñada pola propia artista— realizouse sobre a fachada posterior do MARCO antes da inauguración, nunha hora tardía, case na escuridade. Intencionadamente, as artistas reforzan así a idea de actuar á marxe do establecido, e nun lugar pouco transitado. No interior da sala, os audiovisuais que documentan as accións de rúa en Pequín e Vigo se presentan enfrontados para marcar os contrastes entre o día e a noite, entre o espazo comunitario e o conflitivo, como un diálogo entre complementarios. E inclúese tamén unha instalación fotográfica sobre as caixas dos Refuxios, cuxa estrutura está baseada nun hutong, veciñanza tradicional de pequenas casas compartidas que mostra a importancia da vida comunitaria na sociedade chinesa.
Os Refuxios de Carme Nogueira, realizados a partir de caixas de cartón a escala humana, suxiren unha forma de ocupación do espazo que ten que ver coa visión dun contexto arquitectónico e urbanístico, pero tamén coa idea de in-corporación, de facer dese espazo parte do corpo. Refuxios emocionais e case físicos, que nos fan conscientes da precariedade da nosa posición.