“Cando se inventou a fotografía, ninguén podía imaxinar o pouco que encaixaría o seu futuro dentro de esquemas e definicións. Non obstante, o seu destino xa estaba salpicado de achegas, non só no campo da tecnoloxía —o factor máis previsible— senón tamén no seu desfrute, na súa linguaxe e no seu valor. A natureza mesma da fotografía implica certa dose de ambigüidade que fai difícil encaixar unha imaxe nun contexto definido. Unha fotografía pode nacer cunha función moi precisa, para despois adquirir novas connotacións.
Un excelente exemplo desa metamorfose que a fotografía leva no seu ADN é a obra de Virxilio Vieitez. Un fotógrafo que sabía, ou mellor dito sentía, que era o mellor no seu oficio, pero que non se consideraba a si mesmo como autor, e que dende logo non imaxinaba que, despois de cincuenta anos, se recoñecería na súa produción o valor ‘autorial’ e artístico que o situou nunha encrucillada de xéneros e saberes.
Virxilio Vieitez sempre realizou as súas fotografías por encarga, percorrendo Terra de Montes ao longo e ancho para fotografar os seus clientes a domicilio. A súa obra reúne todas as características do fotógrafo rural que documentaba acontecementos e momentos vitais das persoas e familias da zona —dende bautizos ata vodas, primeiras comuñóns ou funerais— pero, a diferenza doutros, tiña un talento especial para conferir solemnidade a cada un dos retratos que realizaba. O seu estilo era inconfundible. Posuía unha capacidade e unha intuición extraordinarias á hora de formular a posta en escena, na que incluía obxectos e suxería poses que ás veces rozaban o surrealismo pero que, malia iso, se convertían logo en fragmentos de verdade, fortemente enlazados coa súa contorna.
O seu papel de fotógrafo de pobo naqueles tempos —de finais dos anos cincuenta aos setenta— gozaba de gran prestixio e encaixaba perfectamente no carácter dun personaxe especial como Vieitez: intelixente, rápido, competente, instintivo e consciente das súas facultades. Daba ordes aos seus modelos cunha firmeza que non admitía discusión e cunha lucidez que garantía o resultado. ‘Eu estudaba a papeleta e, cando premía o disparador, iso era o tiro seguro’. Virxilio Vieitez non desperdiciaba un disparo, era un profesional máis que fiable, unha aposta segura para os seus paisanos da provincia de Pontevedra.
Dos primeiros retratos de estudio —segundo ditaban os costumes da época— aos que ambientaba ao aire libre, os seus preferidos; das reportaxes de cerimonias ás fotos de tamaño carné para o DNI, así como os retratos para enviar aos moitos familiares emigrados: o conxunto das súas imaxes ofrece hoxe un excelente testemuño etnográfico, que se converte en memoria dun pobo e dunha época.
O arquivo de Virxilio Vieitez conforma un importante patrimonio cultural conservado en Soutelo de Montes (Pontevedra), o pobo onde o fotógrafo naceu en 1930, onde morreu en 2008 e onde traballou case toda a súa vida. A súa filla, Keta Vieitez, foi a primeira en comprender o incalculable valor histórico e artístico do material fotográfico do seu pai, que expuxo por primeira vez nunha mostra autoproducida e presentada en 1997 nun espazo improvisado de Soutelo. Dende entón sucedéronse outras exposicións que se centraron sobre unha primeira lectura do material máis accesible.
Nesta ocasión —na que se pretende realizar unha mostra rica en material inédito— a investigación foi máis profunda e extensa: Keta Vieitez, que custodia con paixón o arquivo, puxo á nosa disposición negativos, documentos, impresións orixinais, obxectos e memorabilia. Esta análise dos testemuños de toda unha vida permitiu reconstruír unha traxectoria verdadeiramente única, exemplar por un lado, e moi humana por outro. As salas biográficas representan, polo tanto, un elemento fundamental dun discurso expositivo, que, coas súas ‘probas concretas’, quere salientar as nosas premisas e reflexións sobre a natureza metamórfica da fotografía.
Como comisaria, foi un privilexio poder entrar en contacto co material orixinal dun fotógrafo cuxa cifra estilística deixou a súa pegada, con razón e con forza, na historia do retrato fotográfico, e se che crava na memoria visual pola súa elegancia formal, que fai que cada fotografía de Vieitez sexa intensa, nítida e potente”.
Enrica Viganò
Comisaria da exposición