rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Yolanda Herranz. Somos el destello de una mirada (I), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz. Somos el destello de una mirada (I), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz. Somos una duda permanente (III), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz. Somos una duda permanente (III), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz. Somos la llama que abrasa (VII), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz. Somos la llama que abrasa (VII), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz Somos una prolongada espera (VIII), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz Somos una prolongada espera (VIII), 2020. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz. Querer tenerte Saber quererme, 2005. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz. Querer tenerte Saber quererme, 2005. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz.Tener lo que quieres Querer lo que tienes, 2005. Foto: cortesía da artista
Yolanda Herranz.Tener lo que quieres Querer lo que tienes, 2005. Foto: cortesía da artista

Yolanda Herranz Pascual...NO, AÚN NO...

Ficha

Fechas: 
6 marzo 2020 - 14 junio 2020
Lugar: 
MARCO, sala de proxectos, 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Producción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / Coa colaboración de: Deputación de Pontevedra

Con ...NO, AÚN NO..., de Yolanda Herranz, o MARCO dá visibilidade a unha artista máis ocupada en animar e facer posibles proxectos colectivos e presentacións de grupo ca en resaltar o seu traballo individual, dunha sorprendente coherencia.

A proposta céntrase nas obras nas que xoga co sentido e forza dos conceptos, co poder da mensaxe, da intención. A palabra convértese en dimensión e enerxía escultórica. Arrinca coa serie “El mí y el tú”, do seu proxecto Distancias y abismos (2004-7), no que a rotundidade da mensaxe únese a unha refinada claridade visual: todo está pensado, medido. Nada sobra e a sucesión de mensaxes crea un ritmo de secuencias, ecos e sentidos. O xeito de resolver a obra ten algo de baixorrelevo, de relato obxectivo: non se trata dun poético “vivir nos pronomes” senón de afirmar ou denunciar situacións. Parten da reflexión privada mais convértense en voz pública, colectiva, lenda. Xunto a elas, a versión XVI de Destierros (proxecto aberto en 2003) evoca ausencias e reclama presenzas. Materiais e cores, aplicadas dun xeito uniforme, adquiren un carácter simbólico, insistindo no ton máxico do conxunto. A idea dos pasos perdidos, do camiñar errante, da busca de destino, da soidade no grupo... da identidade.

A exposición prosegue con obras producidas para esta ocasión: SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí parte dunha acción do mesmo título (realizada en 2015) na cal se recitan dúas series de 690 palabras que empezan por A, en feminino e plural, por orde alfabética, recollidas do dicionario de RAE, referidas unhas ao ser e outras ao estar das mulleres. En vez de documentar a acción con fotografías, Yolanda Herranz prolóngaa levando a palabra á parede, en vinilo vermello sangue: como conxunto e na súa disposición ten algo de manifesto, e é natural recibila como o paso do individual ao ton coral. Un labirinto de texto en vinilo ouro, ...NO, AÚN NO..., atrapa a mirada do espectador na súa lectura infinita, modular, reiterada, a xeito de voz que se confunde e multiplica nos seus ecos.

Esta obra dá paso ao traballo máis novidoso. Cando moitos seguen hoxe a vía social e vindicativa aberta no seu momento por artistas como Yolanda Herranz, ela céntrase na identidade persoal, cunha obra poética, íntima, drástica. Une textos e unha serie de once autorretratos indagatorios. Fronte ao retrato como a mirada recoñecida e compracente do outro, o autorretrato como pregunta inqueda, mirada tensa, interior: se un intenta perdurar no tempo o outro pregunta pola perda do presente e cuestiona ou afirma a identidade. El arte sana / El arte cura (Autorretratos) é a resposta da artista a unha situación persoal de extremo desacougo, cando percibe que o que quere desaparece: a arte sérvelle para formular preguntas que lle permiten entender ou polo menos convivir con esa realidade esquiva.

Comisariado e publicación

A exposición, producida polo MARCO, foi comisariada por Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto. Co gallo da mesma editarase unha publicación sobre a obra El arte sana / El arte cura (Autorretratos).

Agradecementos

Un agradecemento especial a Arancha Aguete de Pazos, Rosalía González Pousa, Wedyla Rodrigues de Alcántara e Ruth Rodríguez Gonzalo, estudantes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo), pola súa colaboración no proceso de montaxe da exposición. 

Exposición bibliográfica / Documentación

A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO presenta unha mostra bibliográfica e documental con selección de catálogos e publicacións relacionadas coa artista. O dossier documental, que reúne enlaces a artigos e información complementaria, está accesible para consulta no propio espacio ou dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Noticias e Exposicións/Actuais.

Visitas e obradoiros para escolares

Para grupos de educación Infantil, Secundaria, Bacharelato, e outros centros de formación.
Colabora: Obra Social “la Caixa”
A partir do 17 de marzo de 2020
Lugar: salas de exposición e Laboratorio das Artes
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita no tel. 986 113900/113904

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113904

Fotografía miniatura: Somos una prolongada espera (VIII), 2016-20. Texto e fotografía enmarcada, 90x90 cm

Síntesis del proyecto

A miña esfera de interese vital e profesional é a Escultura e os meus núcleos de creación e investigación artística céntranse en: Texto, Corpo, Xénero, Identidade e Existencia.

Traballo con toda a potencialidade poética da linguaxe. As miñas propostas inclúen o espectador e xuntan referencias pictóricas, obxectuais e escultóricas dende unha obra envorcada sobre a palabra.

A creación supón, para min, como artista, unha busca constante da propia identidade a través da obra, que se enmarca en diferentes problemáticas do humano.

A nosa formulación de creación vai percorrendo diferentes lugares onde habita a identidade, asumindo, esta problemática, a busca do ser dende ángulos de entrada e posicionamentos distintos. Estes tránsitos, sempre diversos, potencian a comprensión dun mundo de relacións complexas.

As miñas obras propóñense para que dende o concepto, a emoción e a utopía enuncien espazos de pensamento:

  • Son enigmas que permiten transcender o materialismo e a natureza do obxecto e a definición do escrito, son referencias veladas ao humano, que aluden ao espiritual.
  • Tratan de acoutar un lugar dual de ambigüidade e definen un espazo implicado xerando un campo de máxima abertura para a reflexión.
  • Son unha visión persoal do mundo, do outro, visto a través de min; é unha visión que pretende ser rigorosa, lúcida e severa, e que opera nun campo de xogo atravesado por unha dirección con dous sentidos: ironía e paradoxo.
  • A súa mensaxe é o resultante da oscilación entre tres territorios: o poético, o conceptual e o crítico.

A escultura é a linguaxe no que sitúo o meu traballo artístico, e é quizais —entre todos os territorios de creación tradicionais— a que máis fonda transformación sofre durante a época contemporánea, aínda que o punto álxido desta radical transformación se produciu a partir de mediados dos 60 a través de movementos vanguardistas como o minimal, o povera, o Land Art e sobre todo o máis radical: a arte conceptual, que postulaba a desmaterialización da obra e a preponderancia da idea fronte á materialización.

A escultura hoxe conta pouco como procedemento e moito como acontecemento.

A arte é unha arma moi poderosa. Como artista formúlome a responsabilidade que implica ter nas mans ese poder. A arte é un medio de transformación do “eu” e do “outro.

Dende formulacións que abordan como núcleo central as cuestións de identidade e xénero, considero a escultura como unha ponte entre o eu e o mundo con incidencia directa no social.

A miña obra xorde dun espazo de cuestionamiento no que se asume a oscilación entre dúas posicións:

  • O meu compromiso coa vida (como ser humano e como muller) 
  • A busca da coherencia comigo mesma (como muller e como artista).

Concibo a “creación” como un nexo dobre e indivisible que xunta “pensamento” e “acción”.

As miñas obras son unha ponte entre o “eu” e o “mundo” visto a través do social. Nelas dáse unha implicación total de min mesma e reflicten o posicionamento vital e conceptual que asumo coa realidade na que estou inmersa.

O título da exposición:

…NO, AÚN NO…

Define un vínculo que posúe a máxima abertura: é un nexo onde o antes e o despois se descoñecen.

É o lector-espectador quen ao proxectarse nas ausencias, completa coas súas experiencias eses baleiros.

…NO, AÚN NO… contén unha dobre negación que opera como afirmación dunha acción contida.

A partícula Aún retén o tempo e os puntos suspensivos (...) do inicio e do final  (...) dilatan e deteñen a oración.

…NO, AÚN NO…

Implica: prego, súplica, pregaria…

Rogo persistente... Pregaria infinita

O meu traballo artístico centra a súa reflexión no espazo definido polas contradicións orixinadas na busca da “identidade”.

Na primeira sala preséntanse varias obras enmarcadas no proxecto “Distancias e Abismos” que foi presentado no ano 2007 nunha grande exposición: Pese al Paso del Tiempo, en Salamanca (en cinco salas) xusto cando cumprín 50 anos. As obras do proxecto “Distancias e Abismos” abordan a relación, sempre conflitiva, entre o Mí e o Tú, na busca e a construción da propia autonomía.

E Na parede frontal estará unha obra de extenso formato realizado en vinilo vermello sangue, titulada

SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí.

Nesta obra o material central é a palabra, e está conformada por 1.380 termos:

  • ESTAMOS: (690 palabras en feminino e en plural, articuladas por orde alfabética).

10 bloques con 69 palabras cada un.

  • SOMOS: (690 palabras en feminino e en plural, articuladas por orde alfabética).

10 bloques con 69 palabras cada un.

Algunhas cuestións referidas ao texto que configura a performance:

Os 690 termos relacionados coa palabra ESTAMOS e os 690 termos relacionados coa palabra SOMOS, foron seleccionados de entre as 12.012 palabras que contén o dicionario da RAE, comezando pola letra “A”.

A letra “A” é a que inclúe e define, na lingua española, o xénero feminino (nos finais das palabras).

Neste texto cada palabra comeza coa letra A en maiúscula, e todos (os 1.380 termos) finalizan en feminino plural.

SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí foi tamén a miña primeira performance e configurábase como unha oración, unha recitación sonora na que:

  • A declamación instituíase en pregaria e en afirmación,
  • A desmaterialización confirmábase en vontade,
  • A procesión convertíase en manifestación.

Nela, o sucesivo encadeamento da pronunciación dos vocábulos conformaba a nosa ladaíña... Como nun mantra, a sonoridade da verbalización esvaecía a súa materialidade, disolvía os significados e revelábase en enerxía, nesta acción.

Cando a obra se fai instalación, na súa materialización, encárnase en vinilo vermello sangue e formalízase en dúas partes, que teñen que verse á vez (a unha fronte á outra).

O Proxecto SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí, é unha obra que é texto que é unha obra:

É palabra, no texto escrito.

É texto, no seu rexistro no libro.

É debuxo, na súa incursión sobre o papel.

É pintura, na súa irrupción sobre a parede.

É escultura, na súa intervención sobre a arquitectura.

É instalación, na súa integración sobre o muro.

É acción, na súa declamación e representación durante a performance.

SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí é definición... oración, recitación, ladaíña... palabra, silencio...

Perseguimos a aprehensión do significado do que non se pode definir; aínda que na obra o intentamos a través das numerosas voces que se pronuncian…

SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí é discurso... enunciación, pronunciación, manifestación... texto, desmaterialización...

Este proxecto logrou concretar unha das miñas proposicións esenciais para as obras, que é alcanzar o máximo de significación co mínimo de encarnación e de presenza.

No centro da primeira sala presentamos unha instalación escultórica de chan realizada especificamente para esta exposición. A obra leva por título: Desterros XVI, mide 17 metros e está conformada por máis de 200 elementos que interveñen dialogando coa arquitectura e o lugar. O proxecto “Desterros” centra a súa reflexión en conceptos vinculados co ser errante, o tránsito sen destino, o abandono, o afastamento, a soidade, a ausencia, a perda…

No inicio da segunda sala aparece a obra titulada: …No, Aún No…, realizada en vinilo ouro, e que dá título a esta mostra. Foi concibida como un labirinto concéntrico e circular, que obrigaba o espectador a realizar un percorrido visual continuo. A recitación do escrito acolle cada lector na rede das nosas interdependencias emocionais. Así, a repetición incansable e a circularidade inesgotable do texto suscitan que a súplica persevere... en oración perpetua…

“…No …Aún…  No me dejes… No …Aún… No…”

Desamores e Abandonos

A segunda sala articúlase a través de 11 dípticos enmarcados no proxecto: “El Arte Sana / El Arte Cura” Serie: “Autorretratos”. Estas obras foron realizadas especificamente para esta exposición no MARCO.

Son once autorretratos enlazados con textos que prometen unha introspección nas zonas sombrías.

Nas siluetas discernimos rostros perplexos e imprecisos... innombrables, nos que a propia autora se recoñece.

O autorretrato ten moito de radiografía do espírito que nos axuda desvelar e a pensar sobre o si mesmo... sobre nós mesmos.

Nestas radiografías, resoan ecos e negacións que acollen un verde (esperanza) escuro: nos abocan a vernos como somos:

Negruras tatuadas na alma