rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
In and Out, 2002. Grafito sobre papel. 120x160 cm. Foto: cortesía do artista
Três unhas negras, 2011. Grafito sobre papel. 100x70 cm. Foto: cortesía do artista
Colecção, 2002. Acrílico e grafito sobre papel. 160x120 cm. Foto: cortesía do artista
Broken Sky, 2011. Grafito sobre papel. 57x56 cm. Foto: cortesía do artista
S/T, 1979. Grafito sobre papel. 70x72 cm. Foto: cortesía do artista
Esplendor nas trevas, 2006. Grafito sobre papel. 120x160 cm. Foto: cortesía do artista
Biología da linha, 2003. Grafito sobre papel. 120x160 cm. Foto: cortesía do artista
S/T, 2014. Grafito sobre papel. 70x100 cm. Foto: cortesía do artista
O outro lado do espelho, 2018. Grafito sobre papel. 70x100 cm. Foto: cortesía do artista
Three to Darkness, 2004. Grafito sobre papel. 120x160 cm. Foto: cortesía do artista
Cosí fan tutte, 2004. Grafito sobre papel.160x120 cm. Foto: cortesía do artista
As faces da lúa, 2003. Acrílico e grafito sobre papel. 120x160 cm. Foto: cortesía do artista

Jorge Martins. Sombras e Paradoxos

File

Dates: 
27 September 2019 - 5 January 2020
Place: 
salas frontais do 1º andar
Hours: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Production: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Coa colaboración de: Fundação Carmona e Costa / MEIAC Museo Extremeño e Iberoamericano de Arte Contemporáneo de Badaxoz / CAMÕES Instituto da Cooperação e da Língua de Portugal.

A partir do 27 de setembro, o MARCO retoma o seu programa expositivo coa inauguración de dúas mostras individuais —Jorge Martins e Eduardo Gruber— nas salas do primeiro andar. Ambas propostas teñen como fío condutor o debuxo e a obra sobre papel, a través de pezas e estéticas moi diferenciadas: o relato de Gruber ao carón da voz poética de Martins.

A exposición JORGE MARTINS. Sombras e paradoxos supón a grande presentación individual que se dedica no noso país a un dos nomes referenciais da plástica portuguesa do último século. Aos seus setenta e nove anos, e en plena actividade creadora, Jorge Martins (Lisboa, 1940), chegou a converterse nun referente interxeracional, profundamente respectado e alleo ao vaivén das modas. A este prestixio e á vixencia do seu traballo moito contribuíu a infatigable investigación de Martins en torno ao debuxo dende as primeiras exposicións; de feito, será cos seus debuxos cos que chegará, xa a finais da década dos setenta, ao Centro Georges Pompidou de París, onde se lle dedicou unha individual. Unha coidada selección dos seus debuxos —xunto aos seus cadernos de apuntamentos, que se amosan en primicia— compoñen esta nueva proposta expositiva do MARCO.

En palabras do comisario, Óscar Antonio Molina, “a exposición concéntrase nesa parte da súa abundante produción, onde a riqueza de rexistros é a nota predominante: dende a xeometría ao xesto expresivo; dende a orde matemática ao enunciado verbal en forma de escritura, letras ou anotacións; dende a silueta á mancha; dende a figuración ao monocromo... Para a mostra do MARCO decantámonos por unha ampla selección de obras en papel e cadernos de traballo, de todas as datas produtivas do artista, evitando dende o principio a idea convencional de retrospectiva, e rexeitando a organización cronolóxica do exposto, ou todo o que conduza a crear a impresión dun falso desenvolvemento lineal en tan longa traxectoria.

Sombras e Paradoxos propón tecer diversos eixes de lectura sobre o seu debuxo, que completan e actualizan a abundante fortuna crítica recibida polo artista ao longo da súa carreira. Así, analizaremos o debuxo como sismógrafo dos estados anímicos, do pulso "vital" e emocional do creador, para comprobar como se combina en boa parte do traballo cun rigor analítico e unha capacidade para a organización dos elementos que compoñen a imaxe no plano de representación moi notables. De igual modo, os aspectos performáticos derivados da execución dos grandes tamaños habituais no artista quen, para bordalos, con frecuencia ha de empregarse como o danzarín, con todo o corpo, terán o seu espazo propio no percorrido. A selección pon tamén de relevo os límites disciplinares do debuxo de Martins en relación coa pintura, a narrativa, a arquitectura, a escenografía e/ou os seus campos expandidos na actualidade. Neste sentido, cómpre salientar as relacións que unha parte do seu mundo gráfico estableceu con outros momentos decisivos da arte durante a modernidade tardía (expresionismo abstracto e informalismo, Abstracción postpictórica, Field Colour Painting, Supports-Surfacces...). Nesta brincadeira, paradoxal e case perversa revisión da tradición canónica tardomoderna retrátase outra asombrosa capacidade máis de Jorge Martins que a nosa exposición quere destacar. Finalmente, a capacidade do seu traballo gráfico para traducir o intanxible —que non inmaterial—, como a luz, o tempo, a linguaxe ou o espazo, ocupará un último apartado nesta análise. Ao respecto, a nosa intención é subliñar como unha das máis notables características na obra de Martins, a súa asombrosa capacidade para poñer en escena, dentro dos límites do papel, dimensións simbólicas, espirituais e metafísicas practicamente inmanexables fóra do plano da imaxe. O título da mostra, suxerido polo propio artista, apunta cara a esta dimensión un tanto insondable da arte dende o seu estadio nuclear: o debuxo.”

Dous aspectos que cómpre salientar da exposición de Jorge Martins no MARCO son, por unha banda, a inclusión dos seus cadernos de apuntamentos, que se mostran en primicia, e nos que o artista anota pensamentos, bosquexos e ideas para debuxos e pinturas. Por outra, a presentación dunha publicación —un libro de artista co que o MARCO inicia unha colección— que recolle, por vez primeira, a súa obra literaria, precisa e poética ao mesmo tempo.

Tanto a exposición coma a publicación contan co patrocinio da Fundação Carmona e Costa, o Instituto Camões, e o MEIAC de Badaxoz, institucións coas que están previstas novas colaboracións para mostrar a obra de artistas de Portugal e Galicia en distintas sedes peninsulares.

Exposición bibliográfica / Documentación

Eduardo Gruber / Jorge Martins
27 setembro 2019 – 5 xaneiro 2020

A partir da inauguración da exposición, a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO presenta unha mostra bibliográfica e documental con selección de catálogos e publicacións de Eduardo Gruber e Jorge Martins. O dossier documental, que reúne enlaces a artigos, audios, vídeos, e outra información sobre os artistas, estará accesible para consulta no propio espazo ou dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais.

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113904

Visitas e obradoiros para escolares

Para grupos de educación Infantil, Secundaria, Bacharelato, e outros centros de formación.

Colabora: Obra Social “la Caixa”
A partir do 15 de outubro de 2019
Lugar: salas de exposición e Laboratorio das Artes (1º andar)
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita no tel. 986 113900/113904

Foto de portada: Jorge Martins. Coleccão, 2002. Acrílico e grafito sobre papel, 160 x 120 cm

CATÁLOGO:

Curatorial text

JORGE MARTINS. Sombras e paradoxos, supón a primeira presentación de grande envergadura que no noso país se dedica a un dos nomes referenciais da plástica portuguesa do último século. Aos seus setenta e oito anos, e en plena actividade creadora, Jorge Martins (Lisboa, 1940), chegou a converterse nun referente dentro do rico panorama creativo actual do país veciño, tanto pola firmeza e independencia do seu compromiso estético —en boa medida indiferente ao vaivén das modas internacionais que década a década van ditando o devir colectivo da creación—, como pola singular posición que Martins ocupa no mapa xeracional. De feito, a atención que o seu traballo suscita entre os novos artistas nos últimos anos é un importante aspecto a ter en conta chegado o momento de valorar a pertinencia dun traballo como o seu, onde unha impecable formalización se combina coa busca continua de novos procesos e solucións á hora de formular as imaxes plásticas.

Sen dúbida, a esta vixencia do traballo e ao prestixio do artista moito contribuíu a infatigable investigación de Martins en torno ao debuxo dende as súas primeiras exposicións, hai agora algo máis de sesenta anos; de feito, será cos seus debuxos cos que chegará, xa a finais da década dos setenta, ao Centro Georges Pompidou de París, onde se lle dedicou unha individual. O debuxo, disciplina antano "secundaria", mesmo subsidiaria, vive no presente un momento feliz, de renovado interese tanto nos aspectos conceptuais que implica como nos procesuais e formais, e na figura de Martins atopa un nome ineludible á hora de recapitular sobre os seus logros e límites históricos durante a segunda metade do século XX, pero tamén en canto á liña de horizonte que a rodea no noso presente estético.

Esta exposición concéntrase exactamente na devandita parte da súa abundante produción, o debuxo, na cal o artista tanto se destaca. Debuxos de gran formato e unha versatilidade asombrosa, onde a abundancia de rexistros é a nota predominante: dende a xeometría ao xesto expresivo; dende a orde matemática ao enunciado verbal en forma de escritura, palabra, letras ou anotacións; dende a silueta á mancha; dende a figura ao monocromo... Martins non se limita a unha fórmula susceptible de multiplicarse ata o infinito por medio de variantes e, fronte ao que adoita ser habitual en creadores da súa idade, onde o territorio xa conquistado se explota ata o esgotamento, o noso protagonista evita en todo momento a repetición dun repertorio recoñecible de xestos, marcas, fórmulas ou iconografía xa establecidas por el mesmo con anterioridade e postas baixo o imperio da sinatura.

Para a mostra do MARCO de Vigo decantámonos por unha ampla selección de obras realizadas en todas as datas produtivas do artista, e a publicación asociada ofrece ao lector unha experiencia máis completa a nivel documental de cada unha das súas etapas. Non obstante, dende o principio evitamos a idea de retrospectiva (queremos mostrar coa nosa exposición o fenomenal momento que vive a obra do artista no presente, cun taller aberto e activo do que están a saír hoxe algúns dos seus mellores traballos), esquivando consecuentemente o carácter de museo-mausoleo derivado deste tipo de revisións. Por iso tamén rexeitamos a organización cronolóxica do exposto, ou todo o que conduza a crear a impresión dun falso desenvolvemento lineal na longa traxectoria de Martins, onde logros pretéritos parecesen conducir de xeito secuencial e un tanto inevitable a outros derivados, causais, que os engloben. Isto non adoita ser así case nunca, e dende logo no caso que vos ocupa suporía unha terxiversación. O noso criterio de selección e o plan expositivo pola contra subliñan como as preocupacións do artista son continuamente renovadas ao longo dos anos, das décadas, de toda a súa traxectoria mesmo crecendo de xeito espiral, digamos, antes que orde sucesiva. Por iso organizamos o percorrido en núcleos temáticos onde a obra actual lanza miradas oblicuas en todas as direccións —o pasado incluído—, para ganduxar secuencias non previsibles, e destacar reflexos e iluminacións transversais no tempo. Polo demais, na selección expositiva predominan os seus debuxos de gran tamaño, e un bo número de inéditos, en case todos os casos escollidos coa intención de mostrar a asombrosa versatilidade da súa sintaxe; a singularidade, riqueza e o refinamento dos seus procesos formativos; e o variado conxunto de intereses icónicos con que se manexa.

A nosa exposición propón uns novidosos eixes de lectura sobre a obra de Martins que completan e actualizan a abundante fortuna crítica recibida polo artista ao longo da súa longa carreira. Así, analizaremos o debuxo como sismógrafo dos estados anímicos, do pulso "vital" e emocional do artista, para comprobar como se combina en boa parte destas obras cun rigor analítico e unha capacidade para a organización dos elementos que compoñen a imaxe no plano de representación moi notables. A este equilibrio entre os momentos "quentes" e os "fríos" dedicará a nosa exposición un apartado. De igual modo, os aspectos performáticos derivados da execución dunhas obras en semellantes tamaños, terán o seu espazo propio no percorrido. A relación do soporte cos propios materiais de debuxo, por un lado, pero por outro co noso propio corpo son factores decisivos na execución física das pezas. Así, o dominio do pulso e o manexo dos eixes pulso-cóbado-ombro-cadeira aparecen ás veces relacionados con aspectos da xestualidade corporal, do desprazamento do corpo (na súa totalidade ou só dalgunhas das súas partes) sobre a superficie do papel, coma se dunha danza ou unha acción se tratase, ata conseguir o ritmo lineal buscado. Outra das seccións da mostra dedicarase a poñer de relevo os límites disciplinares do debuxo en relación coa pintura, a narrativa, a arquitectura, a escenografía e/ou os seus campos expandidos na actualidade. Neste sentido, cómpre salientar as relacións que unha parte deste debuxo estableceu con outros momentos decisivos da arte durante a modernidade tardía, como os Supports-Surfacces franceses, ou os nosos Trama; máis atrás, tamén con aspectos concretos da Abstracción postpictórica, a Field Colour Painting, e mesmo cos grandes logros do expresionismo abstracto, pero subvertendo en todos os casos moitas das premisas canónicas das súas respectivas poéticas e "traducíndoas" aos códigos gráficos debuxísticos. Nesta brincadeira, paradoxal e case perversa relectura da tradición canónica tardomoderna retrátase outra asombrosa capacidade máis do artista que a nosa exposición quere destacar. Por último, a capacidade do debuxo de Jorge Martins para traducir o intanxible —que non inmaterial—, como a luz, o tempo, a linguaxe ou o espazo, ocupará un último apartado na nosa análise. Ao respecto, a nosa intención é subliñar como unha das máis notables características na obra de Martins, a súa asombrosa capacidade para poñer en escena, dentro dos límites da folla de papel, dimensións simbólicas, espirituais e metafísicas practicamente inmanexables fóra do plano da imaxe. O título da mostra, suxerido polo propio artista, Sombras e paradoxos, apunta cara a esta dimensión un tanto insondable da arte dende o seu estadio nuclear: o debuxo.

Series e seccións, pois, que se cruzan e préstanse a examinarse de forma aberta, non lineal, tanto cronolóxica como tematicamente, e que unha selección dos seus cadernos de traballo completarei finalmente, dando a coñecer só unha mostra do inxente labor acumulado ao longo das décadas nos máis de cen carnés que Martins completou con anotacións, reflexións e debuxos. Serán estes os protagonistas dunha publicación específica que prepara o museo, onde o lector poderá internarse no denso e tan elegante mundo intelectual do noso protagonista. Trátase da primeira vez que unha institución recompila e estuda tan valiosos materiais.

Óscar Alonso Molina
Comisario da exposición

Artist's text

TEXTOS DO ARTISTA. Aforismos

Debuxo para comprender o que é debuxar.

O primeiro instante dunha liña xa contén en potencia todo o debuxo.

Liña que fala, cor que canta.

Debuxo como quen escribe aforismos.

O "ataque" do lapis no papel como o ataque do arco no violín.

A arte estaba a conquistar o distante antes das grandes navegacións.

Debuxar é reconstruír o universo.

Sen luz non hai sombra, pero, hai luz sen sombra?

Unha obra está acabada cando é máis verosímil/plausible cá realidade.

Hai debuxos que se fan cos dedos, coa man, o pulso, o brazo e o corpo.

diferentes escalas e expresións.

O debuxo está máis preto das matemáticas cá pintura.

Ah! A rapidez do lapis!

gústame ver a liña saíndo da punta do lapis!

Como autonomizar a liña e ao mesmo tempo obrigala a "mimetizar" algo?

O debuxo, a posibilidade de rematar inacabado.

No debuxo o tempo convértese en espazo.

O debuxo é unha liña melódica.

Despois vén a harmonía e o contrapunto.

Probablemente o que me interesa cando debuxo non sexa o que estou a ver o a reproducir, senón o que está máis aló.

Jorge Martins