rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Inauguración + visita guiada BOSCO CARIDE / xoves 21 de marzo ás 19.00

Inauguración + visita guiada BOSCO CARIDE / xoves 21 de marzo ás 19.00

Datas: 
21 marzo 2024
Lugar: 
MARCO. Salas frontais e Galería B3, 1º andar
Horario: 
19.00

Con motivo da inauguración da exposición de BOSCO CARIDE. Indicios, convidámosvos a unha visita guiada polo propio artista e o comisario da exposición, Jaume Vidal Oliveras, este XOVES 21 de marzo ás 19.00, nas salas do 1º andar (frontais e Galería B3).

Bosco Caride (Vigo, 1963) é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca. A exposición Indicios, producida polo MARCO, reúne unha selección do seu traballo máis recente; pinturas ao óleo sobre distintos soportes, realizadas entre 2022 e a actualidade. O título elixido é revelador das intencións do artista: obras que nos falan do que non representan, ao xeito dun artista-cronista que selecciona fragmentos da realidade, proxectados a través da pintura, que acaban conformando unha perspectiva do tempo que vivimos.

As Nubes invaden toda a superficie pictórica, e a elección dese encadre –en ausencia dun horizonte e de calquera outra localización ou referencia espacial– elimina toda posibilidade de identificación ou procedencia (¿explosión, contaminación, incendio...?) facendo patente esa dualidade entre a beleza plástica e unha presenza desacougante. Bosco Caride traballa dende a incerteza, a través dun proceso no que a propia pintura se vai revelando paso a paso; un diálogo entre abstracción e figuración, no que a forma resultante vai xurdindo a partir do propio proceso pictórico.

+ INFO: https://boscocaride.com/