rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Inauguración + visita guiada CONCHA MARTÍNEZ BARRETO

Inauguración + visita guiada CONCHA MARTÍNEZ BARRETO

Datas: 
14 xullo 2023
Lugar: 
Salas do 1º andar (Galería B1 e sala perimetral)
Horario: 
19.00


Con motivo da inauguración da exposición de CONCHA MARTÍNEZ BARRETO. Cando remata o día, convidámosvos a unha visita guiada pola propia artista e o director do MARCO, o venres 14 de xullo ás 19.00, nas salas do 1º andar (Galería B1 e sala perimetral).

A obra de Concha Martínez Barreto (Fuente Álamo, Murcia, 1978) supón unha intensa reflexión sobre a fraxilidade da memoria, e á vez sobre a propia identidade, as conexións interxeracionais, a morte e o esquecemento. A través de diferentes técnicas e medios, indaga no pasado, non como intento de reconstrución imposible do perdido ou como un árido traballo de catalogación, senón como unha tarefa que dá conta precisamente da dificultade de toda rememoración, da importancia de mostrar os fragmentos, as pegadas que deixa o tempo.

Cando remata o día é un proxecto sobre a textura do tempo e a súa circularidade no que, a partir dalgunhas imaxes xerminais como o paso dos días, os xogos ou a busca de refuxio, a artista constrúe un universo que intenta reflectir a profundidade do presente. O día que remata do título non remite, pois, á idea de final, senón á apertura dun tempo nocturno no que volven moitas cousas: o pasado, a infancia, os soños, os pesadelos, o oculto. Este proxecto concibido para o MARCO é o máis ambicioso na traxectoria de Martínez Barreto e está articulado, como é habitual nas súas exposicións, a través de traballos pictóricos, fotográficos e escultóricos. En canto á pintura –parte esencial da súa obra– preséntanse obras de nova produción que serven como unha especie de fío condutor entre todas as pezas.

En palabras da artista: “A infancia, o paso do tempo, as ilusións, os medos; todo nelas –mesmo as súas incongruencias, os corpos estrañamente reconstruídos… en definitiva, o que non encaixa– remite a unha poética na que o tempo non remata, senón que retorna e se reactiva de xeito constante”.

www.conchamartinezbarreto.com