rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Aberto por obras. Procesar

Aberto por obras. Procesar

Ficha

Datas: 
14 outubro 2005 - 22 xaneiro 2006
Lugar: 
Espazo Anexo
Horario: 
martes a sábado (festivos incluídos), de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00. Domingos, de 11:00 a 14:00
Produción: 
Esta exposición é un proxecto dun grupo de investigación vencellado á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo, en colaboración co MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Departamento de Exposicións do MARCO

Obras en exposición

Ademais das obras en exposición (pinturas, instalacións, fotografías), o proxecto inclúe unha serie de accións a desenvolver polos artistas participantes (performances, intervencións) no propio Espazo Anexo, entre os días 20 de outubro e 27 de novembro de 2005.

Calendario de accións

  • Loreto Blanco. Poner en luz [Poñer en luz], 2005
    xoves 20 e 27 de outubro; xoves 3, 10 e 17 de novembro, ás 18.30
  • Jesús Hernández. Busco Dulcineas, 2005
    venres 21 de outubro; venres 11, 18 e 25 de novembro, ás 18.30
    domingo 23 de outubro; domingos 6, 13, 20 e 27 de novembro, ás 12.00
  • Juan Carlos Meana. Confidencias del deseo [Confidencias do desexo], 2005
    sábado 22 de outubro; sábado 12 de novembro, ás 19.30

Síntese do proxecto

“ABERTO POR OBRAS. Procesar” ten como punto de partida o labor de investigación sobre os procesos de creación artística por parte dun grupo de traballo vencellado á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, con diferentes aplicacións e particularidades, tanto na reflexión sobre a actividade creadora como na práctica de taller.

O proxecto a desenvolver no Espazo Anexo ten dous eixos de actuación: por unha banda, a apertura da creación individual cara ao colectivo, centrándose nun diálogo que permita múltiples e variadas intervencións de cada un dos artistas. Por outra, a apertura do espazo de taller (creación) ao espazo da exposición (difusión), fomentando a interconexión entre ámbalas dúas funcións. En consecuencia, a idea consiste máis nun proxecto de traballo que no plantexamento habitual dunha exposición.

Como reflexión sobre a propia actividade creadora, tómase como pretexto e punto de partida o mito de Acteon e Diana (Metamorfose de Ovidio), e desenvólvense varios dos aspectos que nel aparecen –desexos, medos, seducións, castigos, invisibilidades, frustracións, impotencias– para establecer un recorrido por diferentes procesos de creación.

O Espazo Anexo convértese así nun ámbito de experimentación aberto e activo, onde, partindo das obras expostas inicialmente, ten lugar un proceso de traballo no que os artistas dialogan e experimentan co propio espazo e cos visitantes, xerando novos resultados, nunha transformación continua do proxecto expositivo. Isto supón unha nova relación co espectador, ao que se lle ofrece un lugar aberto no que a experiencia creativa se modifica cada día.

Queda por saber en que medida esta interacción co público afectará ou condicionará o proceso e os seus resultados. Os participantes pretenden que toda interacción se aborde de xeito construtivo, asimilando a riqueza de ideas que este aspecto poida aportar. Algo, por outra banda, que os artistas realizan a diario nos seus respectivos talleres ou lugares de traballo: recoller as influencias que proveñen do exterior e deixalas peneirar pola sensibilidade e o pensamento de cada quen.

Como resultado final deste proceso, as salas do Espazo Anexo, transformado por un tempo nun lugar “aberto por obras”, volverán a acoller a disposición das obras como espazo expositivo.

Artistas

    Fruela Alonso
    Itziar Ezquieta
    Jesús Hernández
    Jesús Pata
    Juan Carlos Meana
    Loreto Blanco

Texto artista

Selección de textos dos artistas participantes

"Tómase como punto de partida a idea que subxace no libro de Pierre Klossowski El baño de Diana, e no propio mito de Diana, onde o mesmo que se conta é o que se deixa ver, pero para levarnos sempre máis aló (...) Pasando ao outro lado atópase o desvelamento, xa non da imaxe en si, nin do que a imaxe pretende dicir como tal, senón da imaxe máis alá de si mesma, da imaxe que se pensa a si mesma (...); metáfora, símbolo, alegoría, chámese como se queira, da idea inalcanzable da idea-imaxe-pensamento ao que o artista intenta achegarse, que se nega a presentarse, a facerse visible-palpable (...)

Un dos cadros está formado por dúas pezas que se superpoñen, separadas entre si por uns 50/70 cm., e separadas ao mesmo tempo da parede por uns 15/20 cm. A idea é a de que as dúas partes (a fronte e o dorso) formen parte do cadro, e á vez xa non se saiba dicir cal é cal... Cada unha das pezas está pintada deixando traspasar a pintura, e cando se colocan na parede se ve o anverso e o reverso (ao achegarse por detrás). Alén da idea de paisaxe, é un intento de reflexión en torno á propia obra, en torno ao cadro, que se fai autorreferencial. Outro cadro está composto por un bastidor con tea polos dous lados, suxeito á parede por un dos seus cantos; así, ambas caras están pintadas, cun dos cantos cara ao lugar que normalmente ocuparía o espectador.

O que xa perdín é a razón pola que quería facer estas paisaxes que se dilúen nunha forma sen perfiles definidos. Se cadra pola propia dificultade de definir as liñas dunha paisaxe, das liñas que en realidade non hai; pola dificultade de definir o lugar onde comeza e remata unha mancha que define unha forma nunha paisaxe, e pola dificultade de aclarar o lugar onde as cousas comezan e rematan".

Fruela Alonso


‘¿En que parte do noso corpo situamos as nosas contencións, os nosos medos, as nosas culpas?'

"A miña proposta xorde a partir deste interrogante, unha pregunta que require contemplación propia, dende unha ollada cuns ollos que teñen que penetrar o puramente superficial, físico, externo, para se internar na verdade agochada que contén a cada quen. A partir desta pregunta presento tres imaxes dun traballo persoal, realizado dende as respostas ofrecidas na miña intimidade. Estas imaxes son impresións dixitais sobre tea e bastidor e fan referencia específica ao lugar onde se sitúan as contencións, os medos, as culpas.

Ademais deste traballo, presento unha proposta de interacción co público, que se realizará en cinco xoves consecutivos dende fins de outubro. Neste caso, a pregunta enunciada máis enriba diríxese aos espectadores e posibles participantes cun sentido específico: pedirlles unha reflexión sobre as súas propias contencións e a súa posible localización, o lugar onde se localizan no seu corpo. A continuación realizarase unha fotografía dixital desas partes do corpo, e tras un traballo de manipulación por computadora, estas imaxes iranse imprimindo e incluíndo no espazo expositivo. O traballo coas fotografías realizarase na mesma sala, nos días previamente anunciados para esta actividade".

Loreto Blanco


O (non) LUGAR DESEXO

"O lugar do (non) desexo, unha zona indescifrable para a que ninguén ten resposta coherente, un lugar que sempre se nos escapa, que sempre se atopa en fuga. Encontrarnos e desencontrarnos cada vez que tratamos de acharlle, ou sequera conferirlle arbitrariamente, un sentido. Sempre provisional, sempre insatisfactorio, sempre inencontrable. A peza que se presenta concíbese como proxecto aberto e inconcluso, en relación con ese espazo incoherente que constitúe o desexo. Conformar un lugar de ausencias, de reflexos e de retratos, de posibilidades na busca do outro, do ser amado, do ausente por excelencia; apoderándose del sen tocalo, achegándose a el dende unha ollada distanciada."

‘Desexo, que é algo que se experimenta necesariamente en función do outro, xa que logo forzosamente o desexo é o desexo do que non se ten (Platón, O banquete). O desexo vívese en estado de ansiedade'

Itziar Ezquieta


"O traballo que se presenta fai unha pescuda sobre as posibilidades do desexo, un dos temas que aparece no mito do cal parte a exposición, e pretende colocar o espectador fronte a algúns dos interrogantes que dende a vivencia máis inmediata pode presentar a idea de desexo. Sendo o desexo algo que circula nos actos da nosa vida, as obras pretenden remitirnos a ese momento no que nos interrogamos sobre eles e sobre a acción mesma de desexar.

Os espellos que aparecen nas dúas obras son espazos abertos para a interrogación das nosas propias querenzas, tanto na súa versión escultórica na obra El olvido de los deseos [O esquecemento dos desexos], coma na acción Confidencias del deseo [Confidencias do desexo], que presenta unha pescuda cara atrás cunha clara intención de establecer relacións entre o presente e o pasado dos desexos."

Juan Carlos Meana



"A primeira das dúas pezas que presento no Espazo Anexo -Sin título (a partir del mito de Diana y Acteón), 2005 [Sen título (a partir do mito de Diana e Acteón), 2005]- tenta xerar unha reflexión en torno ao concepto de imaxe (representación) en tanto que forma simbólica de coñecemento e identidade. O punto de partida é o mito. A ansia de coñecemento supón a derrota de Acteón. Descubre a deusa e, tentando aprehender a súa imaxe, descóbrese tamén a si mesmo. O seu castigo: a imposibilidade de expresalo. A toma de conciencia do seu ser temporal. A morte. A derrota. A mesma coa que o espectador se atopará cando tente verse reflectido nos fragmentos de espellos, ou nunha pantalla na que xamais se verá reflectido frontalmente, mentres a súa sombra se proxecta fronte a el sobre a parede da sala."

"Na segunda obra -Retratos: naturalezas muertas, 2005 [Retratos: naturezas mortas, 2005]- entendo os dous conceptos como equivalentes; como pegadas dunha identidade; como reflexos. Forma-corpo-tempo. Imaxes. En esencia encarnación poética (plástica) dunha mesma pregunta e tema constante en todo o meu traballo plástico e teórico. Este caso tenta ser un esforzo de concreción e contextualización. Nace en diálogo directo coa proposta anterior. En certa medida son complementarias. O seu título podería ter sido "o ser e o tempo".

Jesús Pata

Comisariado

Departamento de Exposicións do MARCO