rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Andrea Costas Lago


Andrea Costas Lago
(Vigo, 1978) é artista visual, profesora de fotografía na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo, e na escola de deseño Aula D. Desenvolve o seu labor creativo utilizando diversas linguaxes como instalación, vídeo ou performance, aínda que é máis coñecida polo seu traballo fotográfico. A súa persoal narrativa adoita tratar temas tan cotiáns como universais dende unha perspectiva emocional e psicolóxica.

Actualmente, combina a súa traxectoria artística e docente coa investigación e preparación da súa tese de doutoramento, sobre “Aleitamento materno en fotógrafas do século XXI”. A intención do traballo é reflexionar acerca das representacións que diversas autoras de todo o mundo fan sobre a súa propia maternidade e lactación utilizando a fotografía como medio principal de expresión, iluminando imaxinarios artísticos dende a experiencia persoal.

Andrea Costas Lago estivo presente en numerosas exposicións colectivas, como Cruzamentos na arte galega da Colección CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea. Santiago de Compostela, 2022); A paisaxe e a súa pegada (Casa do Cabildo, Santiago de Compostela, 2019); Alén dos Xéneros. Prácticas artísticas feministas en Galicia (MARCO Vigo e Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela, 2017); Alivio (Alterarte, Ourense, 2011); Mapas creativos. Nuevos nombres en el arte gallego (Galería Orígenes, La Habana, 2008); Marxes e mapas. A creación de xénero en Galicia (Auditorio de Galicia, Compostela, 2008); La jeune création photographique en Galice (Espace Bonefoy Toulouse, 2007); A boa vida (CGAC, Santiago de Compostela, 2006); O Feito Fotográfico (MARCO, Vigo, 2004).

Así mesmo a súa obra foi adquirida en concurso público polo CGAC (2020) e premiada en certames como Artes Plásticas Ourense (Deputación de Ourense, 2007), Injuve (2002) ou Novos Valores (Deputación de Pontevedra, 2001). Ademais dos libros de fotografía Formas de ser (CEF, 2002) e Persoal e transferíbel (CEF, 2006), tamén é co-autora xunto a Yolanda Castaño do libro Cociñando ao pé da letra (Galaxia, 2011), unha publicación finalista dos premios Gourmand World Cookbook Awards 2012 como mellor libro de fotografía de cociña en España, e un dos catro mellores do mundo.