rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
BOSCO CARIDE. Indicios

BOSCO CARIDE. Indicios

Ficha

Datas: 
21 marzo 2024 - 17 novembro 2024
Lugar: 
Salas frontais e Galería B3, 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Jaume Vidal Oliveras

A exposición de Bosco Caride (Vigo, 1963) xira ao redor de un só e único motivo: estados atmosféricos ou gasosos (nubes, fume, vapores...) que se presentan sen ningunha referencia espacial ou contexto. Para o artista, este tema é unha afirmación da pintura e relaciónase coa grande tradición da paisaxe. Turner, Constable, por citar os pioneiros, que ao igual que xeracións posteriores e os impresionistas, inspiráronse nas nubes e descubriron nelas unha dimensión plástica. En efecto, Bosco Caride traballa coidadosamente estes “estados atmosféricos ou gasosos” en tanto que composición, veladuras, cor... á fin e ao cabo, como especulación formal ou pictórica, que é un dos aspectos máis sobresaíntes da súa obra.

Non obstante, o título da exposición, Indicios, literalmente “sinal de algo”, “índice”, introduce a idea de “algo” máis ca un simple formalismo ou unha expresión abstracta. Este algo non é visible e está oculto no cadro –ou fóra del–, pero é a causa real do “fume”, que non é outra que a explosión, o drama, o conflito, a contaminación... En definitiva, existe unha dimensión simbólica, talvez política, que dá sentido e sobrevoa a obra de Bosco Caride.

A de Caride é unha obra aberta que posúe moitos niveis de lectura porque os seus “efectos atmosféricos ou gasosos”, como a noite ou as néboas do norte para os románticos, non son unha ausencia, senón unha produción de sentido: é o mundo da suxestión ou a chave da imaxinación. Pero por riba de todo, por esta mesma razón, Bosco Caride responde á idea da arte como contemplación. El identifícase cunha tradición contemporánea que, aínda que con diferentes sensibilidades, entende a pintura como reflexión, un espazo de silencio, un dialogo cara a cara coa obra de arte.

INFORMACIÓN XERAL / DOCUMENTACIÓN / ACTIVIDADES

Catálogo

Con motivo desta mostra, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, editará unha publicación que, xunto a imaxes das obras en exposición, incluirá textos do comisario, de Ignacio Pérez-Jofre, do director do MARCO e do artista.

Programación para escolares

Colabora: Fundación “la Caixa”
Ata o 14 de xuño de 2024
Horario: de martes a venres de de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com

Obradoiros infantís

Colabora: Fundación “la Caixa”
Ata o 25 de maio de 2024
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 200 / Correo-e: recepcion@marcovigo.com

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.

Rutas interactivas a través da App Vigo

O sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.

Artistas

Bosco Caride


Bosco Caride
(Vigo, 1963) é licenciado en Belas Artes pola Universidad de Salamanca. As súas exposicións individuais dos últimos anos inclúen El ojo de la caja mágica. Galería Trinta (Santiago de Compostela, 2016); Dry Vans. Galería Líliput (Vigo, 2013); Paisajes Construidos. Galería Rayuela (Madrid, 2011); Refugios. Galería PM8 (Vigo, 2010); Refugios. Galería Trinta (Santiago de Compostela, 2008); Recuerdos de mi ciudad. Galería PM8 (Vigo, 2007) / Centro Cultural Diputación de Ourense (2006); e varias mostras individuais en Galería Ad-Hoc (Vigo) entre 1999 e 1991.

Participou en numerosas mostras colectivas, como Galicia Futura. Museo Centro Gaiás (Santiago de Compostela 2021); A propósito do debuxo. Centro Torrente Ballester (Ferrol 2015); Coma na casa. Relatos creativos sobre o fogar expandido. Pazo de Tor (Monforte de Lemos, Lugo, 2015); O bosquexo do mundo. Fundación Seoane (A Coruña, 2014); Afluentes. A figuración na arte galega desde os anos setenta. Centro Cultural Novacaixagalicia, Vigo / Centro Torrente Ballester, Ferrol / Fundación Novacaixagalicia, Santiago de Compostela (2013); O bosquexo do mundo. MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela (2013); Start. Galería Liliput (Vigo, 2012); Arquitectura como utopía, ruina y abstracción. Centro Torrente Ballestser (Ferrol, 2012); Galería Rayuela (Madrid, 2012); Radiador. Nueva figuración en Galicia. Fundación Laxeiro (Vigo, 2012); Art Madrid. Galería Rayuela (Madrid, 2012); Coordenadas. Caixanova (Vigo, 2012); Panorama. Galería Rayuela (Madrid, 2011); Espacio Atlántico. Galería PM8 (Vigo, 2011); El hombre y su entorno. Galería Rayuela (Madrid, 2011); Abreveverba. Kiosco Alfonso (A Coruña, 2011); Art Madrid. Galería Trinta (Madrid, 2011); Abreveverba. Casa das Artes (Vigo, 2010); Paisajes Artificiales. Galería May Moré (Madrid, 2010); Vigo é cor. Centro Cultural Caixanova (Vigo, 2010); Galería la Máquina (Sevilla, 2010); Art Madrid. Galería Trinta (Madrid, 2010); Espacio Atlántico. Galería Trinta (Vigo, 2010); Teleprompter. Centro Torrente Ballester (Ferrol, 2009); Novamente. Centro Cultural Deputación de Ourense (Ourense, 2008); Uno más uno, multitud. Doméstico 08 (Madrid, 2008); Fragmentos del Todo. Arte Español Actual de la Colección MACUF. Instituto Cervantes (Sofía, Bulgaria, 2008); Paperback. MARCO, Museo de Arte Contemporáneo, Vigo / Fundación Luis Seoane, A Coruña (2007); Pintura mutante. MARCO, Museo de Arte Contemporánea (Vigo, 2006); Encontro-Feira Proxecto Edición. Pazo da Cultura (Pontevedra, 2006); IX Mostra Unión Fenosa (A Coruña, 2006); V Bienal de Artes Plásticas Rafael Botí (Córdoba, 2006); Premio de pintura COAAT Principado de Asturias (Xixón, 2006), entre outras.

Entre os premios e distinciones, cóntanse o 3º Premio IX Mostra Unión Fenosa (2006); Premio Adquisición Exposición Internacional de Artes Plásticas, Valdepeñas (2007, 2005); Bolsa Intervención Artística na Natureza, Covelo, Pontevedra (2001); Premio Adquisición 1ª Bienal de Pintura de Ourense, Premio Prego de Oliver (1995); Mención do Xurado XXI Bienal de Arte, Pontevedra (1990); 2º Premio Certame de Pintura Concello de Cambre, A Coruña (1989); e Beca VIII Bienal Internacional de Arte de Pontevedra, Novos Valores (1989). A súa obra está presente en museos e coleccións como Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa, A Coruña; Colección ABANCA, Vigo; Deputación de Pontevedra; Deputación de Ourense; Concello de Cambre, A Coruña; e Museo Provincial de Ourense.

+INFO en https://boscocaride.com

Texto curatorial

“O proxecto que Bosco Caride presenta no MARCO de Vigo significa un cambio de orientación con respecto aos seus primeiros traballos ao mesmo tempo que a culminación duns intereses que iluminaron toda a súa traxectoria. Trátase dunha obra baseada nos matices de cor, pero que expresa tamén fondos contidos, que se entende como un espazo de meditación, o que a vincula a toda unha tradición contemporánea que vai do romanticismo aos monocromos de Mark Rothko.

Dende os seus inicios, o traballo de Bosco Caride soubo conciliar nunha fecunda síntese dualidades ou contrarios. Binomios que a historia da arte tratou habitualmente como incompatibles ou enfrontados: fotografía/pintura, forma/contido, beleza/sinistro, representación/abstracción...

Fotografía/pintura

Nas series realizadas na década de 2000, ‘Paisaxes construídas’ ou ‘Recordos da miña cidade’, Bosco Caride traballaba con óleos, acuarelas e grafitos, paisaxes e elementos urbanos inspirados en fotografías. Eran visións residuais e deshumanizadas, contaminadas polo desasosego, un pouco ao xeito do cineasta Michelangelo Antonioni. No seu momento, foron cualificadas, dun modo un tanto precipitado, de pop ou hiperrealistas. Non obstante, o interese destas series radicaba no modo en que o artista transformaba a fotografía en pintura.

No caso da obra que nos ocupa, ‘Indicios’, o procedemento é o contrario: case se diría que a pintura se converte en fotografía en virtude da mestría con que utiliza o aerógrafo. Efectivamente, este instrumento, unido ao emprego de papel fotográfico e aluminio como soportes, introducen unha ambigüidade intencionada entre imaxe fotográfica e pictórica.

Beleza/sinistro

Bosco Caride busca a beleza plástica. É un pintor que traballa e coida a forma e que entende a arte como o lugar da utopía. Pero nas súas obras hai tamén unha dimensión inquietante que se albisca polo reverso do cadro. O belo e o sinistro fúndense no seu traballo porque dende o romanticismo a condición da beleza moderna é a escuridade. Un horror velado, agochado tras as capas de pintura que envolven as súas paisaxes. Este xogo de veladuras e transparencias de Bosco Caride deixa presentir unha dimensión sinistra á que nunca se alude explicitamente, pero que está aí, sempre presente. Unha inquietude que tamén se manifestaba, aínda que de diferente xeito, nas desacougantes paisaxes urbanas antes mencionadas.

Representación/abstracción

As nubes son formas abstractas? Éo o fume? Os impresionistas, preocupados por transmitir directamente a experiencia visual, dirixíronse a estes motivos especialmente intanxibles, fugaces, como os reflexos da auga, a humidade do aire, a reflexión da luz nas superficies.. 

A pintura de Bosco Caride recupera esta problemática: os seus cadros de nubes ou fume, sen ningunha referencia espacial, motivo corpóreo ou horizonte, son representacións de fenómenos naturais? ou, pola contra, son formas abstractas? A audacia de Bosco Caride é manter este xogo entre a mímese e a abstracción, que tamén aparecía noutras etapas do artista, como no caso da serie ‘Refuxios’ (2008), na que recorría constantemente a estruturas modulares e fachadas en retícula coma se se tratase dun cadro de Mondrian.”

                                                                                          Jaume Vidal Oliveras, comisario da exposición

Jaume Vidal Oliveras é historiador e crítico de arte. Na actualidade é profesor de Arte Contemporánea na Universitat Autònoma de Barcelona, e colabora habitualmente como crítico de arte en El Cultural, entre outras publicacións.