Cara a FÓRA, cara ADENTRO. OBRADOIROS INFANTÍS DE VERÁN
Para participantes de 6 a 12 anos
GRATUÍTO, PREVIA INSCRICIÓN
Listas abertas para cada sesión ata completar aforo (máximo 15 participantes por sesión)
Inscricións:
Tel. 986 113900 ext. 100 / email recepcion.marco@gmail.com / ou persoalmente en taquilla MARCO
Horario taquilla: martes a sábados de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00; domingos de 11.00 a 14.30
Máximo inscrición 2 participantes por adulto
Normas de acceso e medidas sanitarias:
- Uso obrigatorio de máscara
- Distancia mínima interpersoal
- Desinfección de materiais e uso de xel hidroalcohólico
- Prohibición de consumir alimentos e bebidas durante o obradoiro
Colabora:
Durante este mes de xullo, o MARCO ofrece un programa especial de obradoiros de verán dirixidos a público infantil de entre 6 e 12 anos. A proposta está deseñada tendo moi en conta as normas e medidas sanitarias de seguridade e protección post Covid-19. As actividades, que terán lugar ao aire libre (praza peonil posterior) complétanse con percorridos específicos por espazos interiores e polas exposicións de Manuel Colmeiro e Yolanda Herranz.
Se ben cada sesión é independiente, o programa e contidos articúlanse ao redor de catro fíos temáticos: espazos exteriores/interiores, retratos/autorretratos, obxectos animados, e relatos/comunicación.
Unha forma diferente de compartir experiencias nesta nova etapa… Non esquezas reservar a túa praza!
AVANCE CALENDARIO SESIÓNS (dúas primeiras semanas)
SESIÓN 1 / Mércores 8 xullo
Espazos exteriores/interiores
Ref. Chans e paredes. Estrutura, apariencia e formas xeométricas no espazo.
Resumo: a partir da observación da pedra do chan no patio posterior, e de elementos arquitectónicos da contorna, definimos formas xeométricas e cambiamos a súa apariencia a través da color. A actividade continúa nol interior do edificio, experimentando con formas e estruturas similares.
SESIÓN 2 / Xoves 9 xullo
Retratos/autorretratos
Ref. Pegadas de persoas en espazos interiores/exteriores. Exposición Yolanda Herranz.
Resumo: moitas veces, a presenza das persoas faise evidente a través da súa ausencia: pegadas, restos de roupa, envases baleiros… son sinais de que alguén estivo aí. Nesta sesión pensamos en signos de actividade humana en espazos interiores e exteriores, e dámoslle forma plástica.
SESIÓN 3 / Venres 10 xullo
Relatos/comunicación
Ref. Contacontos: “As luces que se acenden e se apagan”
Resumo: a partir dunha sesión de contacontos teatralizada, baseada no libro As luces que se acenden e se apagan, de Ramón Trigo (Editorial Kalandraka), a relatora introdúcenos nun mundo creativo que nos convida a reflexionar sobre nós, os nosos soños e desexos, e a superación de medos e obstáculos.
SESIÓN 4 / Martes 14 xullo
Obxectos animados
Ref. A cada quen a súa máscara
Resumo: as máscaras son hoxe algo moi presente no noso día a día… para que serven?, que nos poden contar? Neste obradoiro creamos un baile de máscaras ‘tuneadas’ polos participantes, que son a un tempo expresión individual e coreografía de grupo.
SESIÓN 5 / Mércores 15 xullo
Espazos exteriores/interiores
Ref. Paisaxes que soan. Exposición Manuel Colmeiro
Resumo: Esta actividade toma como punto de partida imaxes das paisaxes de Colmeiro presentes na exposición, para imaxinar e recrear os sons, olores e texturas presentes nese lugar. Un xogo no que entran en acción todos os sentidos, e que comeza no exterior para percorrer a continuación as salas do 1º andar.
SESIÓN 6 / Xoves 16 xullo
Retratos/autorretratos
Ref. O autorretrato como reflexo. Retratos de luz. Exposición Yolanda Herranz.
Resumo: a partir da serie Autorretratos, de Yolanda Herranz, nesta sesión exploraremos a idea do retrato a través da luz. Materiais específicos e transparencias axudarannos a crear a nosa propia galería visual.
SESIÓN 7 / Venres 17 xullo
Relatos/comunicación
Ref. Historias sen imaxes
Resumo: hoxe en día, as nosas ferramentas de comunicación están centradas na imaxe. Hoxe experimentaremos outras formas de comunicarnos, antes da existencia de móbiles e pantallas electrónicas. Centrámonos especialmente na palabra e xogamos coa expresión escrita (cartas en forma de cadáveres exquisitos) e oral (teléfonos en forma de fíos e vasos de iogur).
SESIÓN 8 / Martes 21 xullo
Obxectos animados
Ref. Figuras disparatadas. Fotomontaxes.
Resumo: falamos do surrealismo na historia da arte, das figuras inspiradas nos soños e no subconsciente, e do disparate ou a imaxinación como fonte de creatividade. A partir de recortes de revistas ilustradas, ideamos as nosas propias figuras e composicións, combinámolas mediante a técnica da colaxe, e creamos fotomontaxes xogando cos efectos tridimensional e bidimensional.
SESIÓN 9 / Mércores 22 xullo
Espazos exteriores/interiores
Ref. A visión espacial. Percorridos nun plano.
Resumo: a Covid-19 está cambiando a nosa forma de camiñar e de circular polos espazos interiores e exteriores. Nesta actividade ensaiamos distintos percorridos polo interior do edificio do Museo e pola súa contorna, e axudados polo son experimentamos movementos e pequenas coreografías de grupo. A continuación, trasladamos esas rutas a un plano, identificando as distintas direccións con cores diferentes.
SESIÓN 10 / Xoves 23 xullo
Retratos/autorretratos
Ref. Retratos víricos. Formas orgánicas e xeométricas.
Resumo: con que figura identificamos a Covid-19? Se ese virus tivera un rostro, como sería?; como se representan os virus nas publicacións científicas, e como se ven a través do microscopio? Na sesión de hoxe crearemos o noso particular retrato deste virus, superpoñendo formas orgánicas e xeométricas.
SESIÓN 11 / Venres 24 xullo
Relatos/comunicación
Ref. Relatos cruzados.
Resumo: a partir do xogo das palabras cruzadas, ideamos pequenas historias que conteñan esas palabras atopadas. Compartimos os nosos relatos e cruzamos palabras entre participantes, combinando distintos personaxes, argumentos e desenlaces. Creamos entre todos un relato de maior tamaño que trasladamos á parede como mural colectivo.
SESIÓN 12 / Martes 28 xullo
Obxectos animados
Ref. Fractais. A incrible xeometría da natureza.
Resumo: tanto se observamos a natureza en detalle como no seu conxunto, é realmente incrible a variedade de formas que se multiplican ata o infinito. Nesta sesión utilizaremos exemplos extraídos do natural (follas, froitas, minerais, animais, flores, cunchas…) para intentar plasmar algunhas destas infinitas posibilidades mediante técnicas de estampación.
SESIÓN 13 / Mércores 29 xullo
Espazos exteriores/interiores
Ref. Paisaxe continua sobre pedras.
Resumo: as pedras forman parte das nosas paisaxes cotiás. Nesta ocasión serán as paisaxes as que estean contidas nas pedras. O interesante será que cada unha terá continuidade na seguinte, de modo que iremos construíndo un escenario natural a base de liñas e cor. Cal será o resultado?
SESIÓN 14 / Xoves 30 xullo
Retratos/autorretratos
Ref. Personaxes anónimos e retratos colectivos.
Resumo: construímos figuras humanas e animais a partir de simples arames; fíos metálicos que suxiren formas e movementos, aos que imos engadindo pasta de modelar e plastilina. O resultado serán pequenas figuras con distintas actitudes e movementos, algunhas flexibles e outras estáticas, que iremos colocando sobre unha maqueta a escala, ensaiando distintas poses e movementos conxelados, a modo de ‘Mannequin Challenge’.
SESIÓN 15 / Venres 31 xullo
Relatos/comunicación
Ref. O meu diario.
Resumo: algunha vez tiveches o teu propio diario? Pode ser un instrumento moi útil como memoria, testemuña ou simple diversión. Podes combinar escritura, debuxos, obxectos atopados, e todo tipo de elementos que para ti teñan un valor. Na derradeira sesión crearemos a primeira páxina do teu diario, a portada, mediante unha técnica tan divertida e suxestiva como o marmolado, ao xeito dos vellos cadernos...