rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
César Portela, arquitecto

César Portela, arquitecto

Ficha

Datas: 
10 outubro 2003 - 11 xaneiro 2004
Lugar: 
Primeira Planta
Horario: 
martes a domingo (festivos incluídos): 11:00h - 21:00h.
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Susana Cendán

Obras na exposición

Maquetas 17

  • Museo do Mar de Galicia, Vigo
  • Verbum - Casa das Palabras, Vigo (2)
  • Cementerio de Fisterra
  • Estación de autobuses, Córdoba
  • Pavillón España Expo 92, Sevilla
  • Casa Vicente Romo, Cesantes, Redondela
  • Proxecto Auditorio - Pazo de congresos de Beiramar, Vigo (2)
  • Edificio Multiusos de Vilalba, Lugo
  • Illa de San Simón e Santo Antón, Redondela, Pontevedra.
  • Residencia xeriátrica de Barreiro, Vigo
  • Domus - Casa do Home, A Coruña· Pazo de Congresos, A Coruña · Metro de Sevilla (2)
  • Escola de Telecomunicacións, Vigo

Documentais (proxeccións vídeo) 2

  • "César Portela: la arquitectura solidaria"
  • "Gitanos sin romancero"

Esculturas: 2

  • Eduardo Chillida (1)
  • Jorge Oteiza (1)


Instalacións escultóricas: 1

  • Agustín Ibarrola


Audiovisuais (diaporama) 1

Murais 3

  • Reconstrucción de interiores: estudio do arquitecto e sala de materiais

Síntese do proxecto

Dentro da liña de programación do MARCO de Vigo, “César Portela, arquitecto” significa un importante punto de inflexión, xa que por vez primeira unha exposición monográfica se inclúe nas súas exposicións temporais, xeneralmente colectivas e temáticas.

Existe unha boa razón para esta novidade, pois outro dos obxectivos do MARCO é a pluridisciplinariedade, a necesidade de incluir na súa programación disciplinas clave para a estética contemporánea como a arquitectura, o deseño, o cine, os audiovisuais e tantas outras formas de expresión. Como é ben sabido, as exposicións colectivas ou temáticas sobre arquitectura son prácticamente inexistentes.

De ahí que se teña optado por este proxecto, pensado para achegar ó público a figura profesional e artística de César Portela, un dos arquitectos coa traxectoria máis interesante e internacional das últimas décadas en España.

A exposición concíbese como un itinerario por toda a súa obra, desde os primeiros traballos –como as paradigmáticas vivendas dos xitanos de Pontevedra– á Ponte "Azuma" en Xapón, o Proxecto do Bloque nº 14 do Malecón de La Habana ou a Estación de Autobuses de Córdoba, ata chegar ós seus derradeiros proxectos en Galicia: o Verbum–Casa das Palabras en Vigo, o Museo do Mar de Galicia en Vigo –proxectado na súa primeira versión con Aldo Rossi e finalizado por Portela–, o Cemiterio de Fisterra en A Coruña ou o proxecto do futuro Pazo de Congresos de Vigo.

A montaxe da mostra convirte as salas de exposición da primeira planta nun percorrido pola vida e obra do arquitecto, estructurado nos seguintes ámbitos temáticos/cronolóxicos/xeográficos:

1. Reconstrucción de interiores: o estudio do arquitecto
2. Obras en Vigo
3. Reconstrucción de interiores: muestrario dos materiais utilizados na súa obra
4. Obras en Galicia
5. Vivendas unifamiliares
6. Diaporama con imaxes do seu albume privado
7. Obras fóra de Galicia

As construccións de César Portela caracterízanse pola súa esencialidade, por unha especie de vontade de retorno ás orixes, por un neo-minimalismo ornamentado con fragmentos de pizarra como frescos ornamentais ou peles tatuadas que envolven os edificios e, ó mesmo tempo, pola necesidade de crear un orde dentro do contorno natural.

Conscientes de que o protagonista da exposición ten pouco que demostrar, o proxecto expositivo ten un marcado carácter didáctico e comunicativo, e a aprendizaxe da arquitectura a través da súa contemplación prima sobre calquera outro criterio. Para isto concibiuse un percorrido baseado en pautas cronolóxicas e de situación, que se apoia en maquetas, en reproduccións fotográficas dos edificios que forman series de cinco imaxes en distintos formatos, e na reproducción a grande escala de cada un dos edificios máis emblemáticos. As series fotográficas compleméntanse cun espacio destinado a videoproxeccións e unha sala de documentación, na que o visitante poderá obter máis información sobre a obra do arquitecto.

Especialmente novidosa resulta a recreación, dentro das paredes do museo, do estudio do arquitecto, para que os espectadores podan coñecer de primeira man as influencias estéticas, literarias, musicais, cinematográficas ou filosóficas na obra de César Portela ó longo de todos estes anos; ou mesmo as súas coleccións de máscaras e de exvotos mexicanos. Voyeurs e curiosos asomámonos ó seu lugar de creación, que nos desvela o contorno máis íntimo do arquitecto como “creador de mundos”, con toda a responsabilidade que isto implica.

Artistas

César Portela

Nado en Pontevedra en abril de 1937, César Portela ten recollido máis dunha vintena de premios entre os que se contan os seguintes:

  •  1981 Premio Nacional de Urbanismo polo "Plan especial de intervención no Pazo de Oca e no seu     contorno", Pontevedra
  •  1985 Award of The Architectural Institute of Japan pola "Ponte Azuma" sobre o río Uchikawa, Xapón
  •  1997 Premio Internacional de Arquitectura en Piedra polo edificio "Domus", A Coruña
  •  1998-99 Premio Nacional de Arquitectura Española pola "Estación de Autobuses de Córdoba"
  •  2001 Premio de las Artes y de la Ciencia
  •  2002 Premio Europeo "Philippe Rotthier" polo "Cemiterio de Fisterra"
  •  2003 Seleccionado para o European Union Prize for Contemporary Architecture Mies Van Der Rohe Award  polo "Cemiterio de Fisterra"

 

Texto curatorial

Sobre o sentido e o deseño da exposición

A presente exposición, "César Portela, arquitecto", nace dunha doble necesidade que se complementa: por unha parte reivindica-la figura do arquitecto nun contexto urbanisticamente maltratado como o galego, no que nas últimas décadas se construíu atendendo a criterios espontáneos que emerxían das necesidades, da conciencia (ou inconsciencia) e do capricho de calquera, sen aterse a uns dictados urbanísticos rigorosos e respectuosos cun contorno en moitos casos xa irrecuperable; por outra banda, dar a coñecer, de forma retrospectiva, o traballo dun dos arquitectos galegos cunha das traxectorias máis sólidas: César Portela. O exemplo doutros países cun bagaxe histórico máis estable ensinounos que só desde o coñecemento, desde a concienciación, é posible construír un futuro mellor. Isto explica que se concebise con sumo coidado o deseño desta exposición, alonxándonos de esquemas excesivamente técnicos ou pretenciosos, para preferenciar unha proximación cálida, amena e didáctica á obra de César Portela, unha aproximación desde a que sexa posible aprehender a arquitectura tal e como a entendemos os que traballamos neste proxecto, isto é, a arquitectura como percepción de vida.

De tal xeito, dividimos o primeiro andar do MARCO nunha serie de áreas xeográficas independentes -Vigo, Galicia e resto do mundo- para facer máis cómoda a viaxe do espectador polo particular imaxinario de César Portela, desde a certeza de que non só compartirán con él unha serie de construccións diseminadas ó longo e ancho do mundo, senón verdadeiros fragmentos de vida intimamente conectados con determinadas culturas, vivencias, pasións ou sons. Buscamos que o público perciba a arquitectura, o traballo do arquitecto, en toda a súa proximidade e franqueza, palpando a textura dos materiais, diferenciando as súas cores, apreciando a marabillosa humildade e beleza que se agocha, por exemplo, nun modesto fragmento de estuco, ou que ese mesmo espectador se convirta en cómplice do cosmos particular do arquitecto, para o que reproduciremos un pequeno fragmento do seu denso e complexo mundo no Museo.

 

Texto artista

"Ó longo da miña obra coido que fun deixando de lado cuestións banais, formas gratuítas, materiais inútiles, xestos innecesarios, non escoitar falsos cantos de serea, resistir múltiples tentacións, apartar todo aquilo que puidese ser accesorio, desprenderme de todo o que non resista a proba da necesidade, quedar só co esencial, aproximarme ó misterio, procurando a transcendencia da linguaxe cara ó silencio. Un silencio logrado como vontade de disolve-la propia voz individual no vasto territorio anónimo da Arquitectura.

Esta é a arquitectura que me gusta e na que me recoñezo plenamente. Cada vez máis núa, cada vez máis sinxela, cada vez máis transcendente, cada vez máis persoal e á par menos personalista. Máis ligada por secretos lazos á Historia e á Xeografía procurando o encontro coa Cultura e coa vida, máis alá do tempo e do lugar no que se produce."


César Portela

Comisariado

Susana Cendán

Susana Cendán é doutora en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidad Complutense de Madrid. Traballou como coordinadora do Departamento de Educación no Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela), e desenvolveu unha variada actividade na crítica e o comisariado de exposicións. Na actualidade é profesora de Teoría e Historia da Arte na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.