rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
DIM 2009: Museos e Turismo

DIM 2009: Museos e Turismo

Datas: 
15 maio 2009 - 17 maio 2009

Festa DIM
Actividades para públicos de todas as idades
15, 16 e 17 de maio de 2009
ENTRADA LIBRE E GRATUÍTA

Como cada ano por estas datas, o MARCO súmase á celebración do Día Internacional do Museo (18 de maio) e invita a toda a cidadanía a participar nas actividades na Festa DIM 2009, que baixo o lema ‘Museos e turismo', quere poñer de relevo o papel que os museos poden desempeñar no fomento do turismo cultural sostible.

Por primeira vez, as salas de exposición do 1º andar ábrense ao público infantil e adulto para un percorrido ‘turístico' de obradoiros e actividades, que se completa con visitas guiadas á exposición de SANTIAGO SIERRA (planta baixa) e de MANUEL EIRÍS (Espazo Anexo e Rúa Palma nº 9, no casco vello).

PRIMEIRO ANDAR
‘VIAXAR E CONSTRUÍR'. Itinerario artístico-cultural
Actividades relacionadas co turismo cultural sostible, para público infantil e adulto
Lugar: salas de exposición do 1º andar
Horario: venres de 18.00 a 20.00; sábado e domingo de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00

O MARCO invita a todos os seus visitantes a internarse nunha viaxe artístico-cultural a través de dous itinerarios: ‘o local' e ‘o global'. Unha serie de pegadas sobre as paredes guíannos polas salas de exposición e van sinalando as paradas do noso percorrido: xogos de interpretación, bancos de monumentos, crebacabezas de imaxes, creación de carteis... Unha vez finalizado, o pasaporte turístico DIM servirá como testemuño da viaxe realizada. Para esta ocasión especial, cóntase coa colaboración da ONG ‘Educación sen fronteiras', cunha actividade titulada ‘Educando na arte de viaxar', centrada na recreación de elementos artísticos de países nos que esta ONG desenvolve o seu labor, como Nicaragua, Guatemala, O Salvador, República Dominicana, Perú e Bolivia.

PLANTA BAIXA
Exposición SANTIAGO SIERRA
Horario: venres, sábado e domingo de 11.00 a 21.00
Visitas guiadas ás 12.30, 13.30, 18.30 e 19.30

Instalación de 54 tetrápodos de cemento para dique
Lugar: salas de exposición da planta baixa

As salas do que fóra antigo cárcere vense totalmente transformadas a través da instalación de Santiago Sierra, resultado dunha ‘acción laboral' consistente na instalación de 54 tetrápodos de cemento para dique por parte dun equipo de operarios, con instrucións precisas de non recoller nin limpar os restos do traballo. A combinación de formas xeométricas e a contratación de traballadores serven de exemplo do minimalismo e a connotación social que posúen todas as obras deste artista. Tanto a propia forma dos tetrápodos como a súa disposición en liñas converxentes actúan como reflexo da estrutura panóptica do edificio.

Epílogo sobre a sensibilidade policial
Cesión do espazo expositivo á autoridade para o anuncio e mostra de decomisos
Lugar: salón de actos

O epílogo titulado "Cesión do espazo expositivo á autoridade para o anuncio e mostra de decomisos" está tamén en relación co pasado do MARCO como cárcere e xulgados de Vigo. Nesta proposta de Santiago Sierra, o museo cede o espazo do salón de actos á Policía Nacional para anunciar e amosar os alixos incautados durante un periodo de un ano. Con isto o artista quere recoñecer a sensibilidade policial ao clasificar e exhibir os obxectos decomisados do mesmo modo que nos museos se mostran as obras habitualmente nos espazos expositivos. Estas presentacións serán fotografadas polo artista, e con elas fará un arquivo da actividade policial durante un ano na nosa cidade.

ESPAZO ANEXO / RÚA PALMA
Exposición MANUEL EIRÍS
Visitas guiadas ao Espazo Anezo e á Rúa Palma, nº 9, 2º
Horario Espazo Anexo: venres, sábado e domingo de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00
Horario: venres de 17.00 a 21.00, sábado e domingo de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00
Visitas guiadas ás 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00

Os desocultamentos -resultado da acción de restarlle capas a unha parede, levados a cabo na casa abandonada- son o punto de partida desta exposición, situada en dous lugares da cidade: o propio Espazo Anexo do MARCO, e unha vivenda deshabitada en Rúa Palma, 9, 2º, no Casco Vello de Vigo. Na vivenda atópase a orixe do proceso. No Espazo Anexo móstrase a documentación e o resultado da acción. O percorrido entre as dúas sedes vincula o museo coa vivenda e permite ao visitante coñecer as dúas fases do proceso, establecendo un diálogo entre o lugar de exhibición (a sala de proxectos) e o seu contorno (a cidade).