rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
DIM 2023 no MARCO

DIM 2023 no MARCO

Datas: 
11 maio 2023 - 20 maio 2023

Nesta edición 2023, o MARCO celebra o Día Internacional dos Museos (18 de maio) cun completo programa de actividades para distintos públicos e para todas as idades, que se desenvolverán o martes 16 ao sábado 20 de maio.

#DIM2023 #MuseosSostibilidadeBenestar @ICOMOfficiel

https://imd.icom.museum/es/el-dia-internacional-de-los-museos-2023-se-centrara-en-la-sostenibilidad-y-el-bienestar

DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS 2023

“Museos, sostibilidade e benestar”

O Consello Internacional de Museos (ICOM) creou o Día Internacional dos Museos en 1977 para sensibilizar o público sobre o papel dos museos no desenvolvemento da sociedade.

Dende entón, cada 18 de maio miles de museos de países e territorios en todo o mundo celebran este día en torno ao tema elixido polo ICOM para cada edición.

O lema deste ano céntrase no potencial transformador que teñen os museos para o desenvolvemento sostible e o benestar. Os museos poden contribuír de moitas maneiras á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible: dende o apoio á acción climática e o fomento da inclusión, ata a loita contra o illamento social e a mellora da saúde mental. Como se destaca na Resolución do ICOM "Sobre a sostibilidade e a aplicación da Axenda 2030, Transformar o noso mundo" (Kioto, 2019), todos os museos teñen un papel que desempeñar na configuración e a creación de futuros sostibles, e poden facelo a través de programas educativos, exposicións, actividades de divulgación comunitaria e investigación.

PROGRAMACIÓN

CASAS DE CARTÓN

Taller de material reciclado
Un proxecto de Ignacio Pérez-Jofre promovido por Emaús e Provivienda

Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Datas: do 18 de maio ao 8 de xuño
Lugar: Galería B3, 1º andar
Gratuíto. Prazas limitadas ata completar capacidade
Para público en xeral: calquera persoa, colectivo ou asociación, individualmente ou en grupo

Previa inscrición en participa@emaus.com
Xoves e venres, de 18,00 a 20,00

Conducidos por Ignacio Pérez-Jofre, coa colaboración de Julio Catalán, Álex Fuertes, Gloria Lorenzo, Marta Regojo

Para grupos de escolares a partir de 3 anos: de martes a venres, de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00.
Previa cita en comunicacion@marcovigo.com
Conducidos por persoal Didáctica MARCO

CASAS DE CARTÓN sitúase no propio núcleo do lema elixido polo ICOM para esta edición 2023: “Museos, sostibilidade e benestar”: polo material elixido, polos seus contidos e connotacións simbólicas, polos seus obxectivos e metodoloxía.  

Dirixido polo artista e profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Pérez-Jofre para Emaús e Provivienda, é un proxecto de creación colectiva no que, a través dunha serie de talleres nos que participan persoas interesadas, colectivos, asociacións e grupos de escolares, construiremos casas a partir de pezas de cartón, coas que posteriormente montaremos unha grande instalación na rúa. Con CASAS DE CARTÓN pretendemos incentivar unha reflexión sobre as implicacións metafóricas derivadas da unión dun material (o cartón) e un motivo (a casa), e a capacidade de xerar un pensamento visual crítico sobre urbanismo, arquitectura, desigualdade e exclusión residencial.

LUZ NA ESCURIDADE. Fotografías dende o cárcere

Por primeira vez, persoas internas no Centro Penitenciario A Lama mostran a súa vida cotiá a través das súas propias fotografías.

Resultado do proxecto “Fotografía en curso”, no contexto do Plan Proxecta (Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, AGADIC, CGAI)

Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, en colaboración coa EPAPU Nelson Mandela, C.P. A Lama
Lugar: MARCO, Galería B3, 1º andar
Do 11 ao 18 de maio de 2023
Para público en xeral
Para grupos de escolares a partir de 4º ESO, Bacharelato e FP
Venres 12 e martes 16 de maio, de 10.00 a 11.30 (1ª quenda) e de 11.30 a 13.00 (2ª quenda)
Previa cita en comunicacion@marcovigo.com
Conducidos por persoal Didáctica MARCO

O proxecto LUZ NA ESCURIDADE nace froito do traballo do alumnado da EPAPU Nelson Mandela ao longo do curso 2021/22, no contexto do programa Fotografía en curso (Plan Proxecta). A través de diferentes propostas temáticas (espazos baleiros, dende a xanela, retratos, diarios de luz) foron elaborando un proxecto fotográfico formado por 35 composicións, entendidas como un todo, cun total de 102 imaxes seleccionadas entre máis de 900.

O proxecto complétase coa iniciativa BIBLIOTECAS HUMANAS: historias de vida en primeira persoa, que se desenvolve na mesma sala o 11 e o 18 de maio, coincidindo co Día Internacional dos Museos.

BIBLIOTECAS HUMANAS. Historias de vida en primeira persoa

Cinco persoas do alumnado da EPAPU Nelson Mandela, internas no Centro Penitenciario da Lama, e do CIS Centro de Inserción Social de Vigo, comparten con nós unha parte das súas historias vitais, dende perspectivas distintas á norma. Da soidade da cela, onde flúen os recordos, á posibilidade de establecer unha conversa coas persoas participantes, coas imaxes do proxecto “Luz na escuridade” como pano de fondo.

Aberto ao público en xeral, e especialmente: escolares a partir de 4º ESO, Bacharelato e FP, estudantes universitarios, asociacións, grupos e colectivos interesados.

Datas e horarios: xoves 11 e 18 de maio = 3 sesións ás 10.30, 11.30 e 12.30
Previa reserva en centro.documentacion@marcovigo.com

Que é unha Biblioteca Humana

O concepto de Biblioteca Humana (Human Library) foi creado no ano 2000 en Copenhague por Ronni Abergel coa intención de rematar cos prexuízos e estereotipos. Os nosos libros son persoas que comparten as súas historias a través de conversas cara a cara cos lectores. A nosa é unha biblioteca de empatía onde teremos a posibilidade de mergullarnos na experiencia doutra persoa e chegar a comprender o porqué dos seus feitos sen ter, por iso, que xustificalos. En todos os casos o obxectivo é ser lido polo maior número de persoas coa finalidade de formar individuos máis comprensivos e empáticos ou, o que é o mesmo, para ter un mundo mellor.

CONCERTOS DIDÁCTICOS PARA PÚBLICO FAMILIAR

Un percorrido sonoro e visual polas salas da exposición “Laxeiro e a arte da súa época”, conducido por profesorado da EMM Escola Municipal de Música, e persoal de Didáctica do MARCO

Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Data: martes 16 de maio
Lugar: salas frontais, 1º andar
Horario: 3 pases = ás 17.00, 18.00 e 19.00
Para: menores acompañados de persoas adultas [idade recomendada: a partir de 6 anos]
Gratuíto, ata completar capacidade
Máximo 100 asistentes por pase
Previa reserva praza en recepcion.marco@gmail.com

En colaboración cun grupo de profesorado da EMM Escola Municipal de Música de Vigo, e partindo da mostra "LAXEIRO e a arte da súa época", poñemos en práctica un experimento pictórico-musical no que público infantil e adulto poderá gozar conxuntamente da pintura e das experiencias xeradas polos músicos e os seus instrumentos nas propias salas de exposición.

Música e pintura teñen moitos aspectos en común: a súa forma ou estructura, a cor e o timbre, o silencio e o baleiro, o acento e o ritmo, a harmonía e a proporción... Tamén, o oído e a vista son sentidos que actúan de xeito colaborativo e complementan a interpretación dos diversos estímulos. A que che soa este cadro? Podes ver a música? Como soan as cores? Que formas teñen os sons?... son algunhas das preguntas que formularemos durante esta visita tan especial.

“UNHA NOITE NO TRASMUNDO”

Espectáculo de títeres con Guy Bobillo (Títeres Natuacasa)

Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Datas: mércores 17 de maio (Día das Letras Galegas) e sábado 20 de maio
Lugar: salón de actos
Horario: ás 12.00
Para público familiar: nen@s a partir de 3 anos acompañados de persoas adultas
Gratuíto, ata completar capacidade
Previa reserva praza en recepcion.marco@gmail.com

Concibido como homenaxe á vida e obra de Laxeiro, esta viaxe onírica chea de aventuras está conducida por Guy Bobillo, un verdadeiro experto en espectáculos infantís que combinan a diversión con múltiples claves de coñecemento da historia da arte. Nesta ocasión, o rico universo de Laxeiro cobra vida para explicarse a si mesmo a través da mirada infantil de “Pepiño”, e doutros personaxes presentes nos cadros do artista... con algún xesto para o noso convidado máis especial, un “don Paco” protagonista do Día dás Letras 2023.

“MALETA FUNDACIÓN 30 Km/s”

Exposición bibliográfica

Organiza: Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO
Datas: do 18 de maio ao 28 de xullo
Lugar: Biblioteca-Centro de Documentación
Horario: martes, mércores e xoves, de 11.00 a 14.15 e de 17.00 a 20.00 / venres, de 11.00 a 14.15
Para: público en xeral

En decembro pasado chegou ao porto de Vigo o veleiro “A Baleine” (da asociación Mégafaune) tras unha travesía dende o seu lugar de orixe –Douarnenez, na Fisterra francesa– e traendo a bordo a “Maleta Fundación 30 Km/s”, que contiña un conxunto de publicacións doadas e enviadas por Esteban B. Chassaigne para a Biblioteca-Centro de documentación do MARCO.

Con ocasión do Día Internacional dos Museos, e en liña co lema de “sostibilidade” deste ano 2023, a Biblioteca do MARCO organiza unha mostra destas edicións, que se exhibirán ao público a partir do 18 de maio, acompañadas de fotografías e documentación. Alén do carácter poético da iniciativa, a idea é fomentar unha reflexión sobre a xestión dos recursos fósiles e os seus límites, e o renacemento de transportes con enerxías verdadeiramente renovables, como o vento.

PRESENTACIÓN PUBLICACIÓN

Cartas en torno a Manolo Millares y Pablo Palazuelo. Una correspondencia (2018-2022) entre Alfonso de la Torre y Joan Gómez Alemany [EdictOràlia]

Con proxección das videocreacións “Millares 1970”, de Manolo Millares, e “Millares 1972-2022”, de Joan Gómez Alemany
Presenta: Paco Yáñez
Interveñen: Joan Gómez Alemany, Alfonso de la Torre, Josep Lluís Galiana
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, en colaboración con EdictOràlia
Data: xoves 18 de maio
Lugar: Galería A3, planta baixa
Horario: ás 19.00
Para público en xeral
Entrada libre e gratuíta ata completar capacidade

Este libro singular dentro da teoría da arte e a crítica literaria é o froito de máis de catro anos de traballo. Foi escrito conxuntamente por Alfonso de la Torre (Madrid, 1960), quen é un dos críticos e comisarios de arte máis reputados internacionalmente (grande especialista dos artistas Manolo Millares e Pablo Palazuelo, autor dos seus Catálogos Razoados) e Joan Gómez Alemany (Valencia, 1990), artista interdisciplinar de nova xeración (residente entre España e Austria, cuxa música e traballos visuais presentáronse en prestixiosos festivais e museos por toda Europa).

Unha das peculiaridades do volume, dedicado principalmente aos pintores Manolo Millares (Las Palmas de Gran Canaria, 1926-Madrid, 1972), de quen en 2022 se cumpren 50 anos da súa morte, e Pablo Palazuelo (Madrid, 1915-2007), é como, en vez de recorrer a un formato académico, explicativo e pouco orixinal, se foi creando a partir dunha extensa e meditada correspondencia entre os seus autores.

+ INFO e sinopse en: https://www.edictoralia.com/cartas-en-torno-a-manolo-millares-pablo-palazuelo-y-otros-una-correspondencia-2018-2022-entre-alfonso-de-la-torre-y-joan-gomez-alemany/

FESTIVAL Sinsal Primavera

Angélica Salvi + Ece Canli
Superorganismus + Ivankovà

Organiza: Sinsalaudio, en colaboración co MARCO
Datas: venres 19 e sábado 20 de mayo
Lugar: Galería A3, planta baixa
Para: público en xeral
Entradas á venda en https://festival.sins.al/es/festival/sinsal-primavera-2023

PROGRAMA

Venres 19 maio
Angélica Salvi (20.30)
Ece Canli (21.30)

Sábado 20 maio
Superorganismus (20.30)
Ivankovà (21.30)

Volve o SINSAL Primavera ao MARCO, coincidindo coa semana do Día Internacional dos Museos, cunha programación conformada por cinco proxectos de vangarda, liderados por mulleres chegadas de distintos puntos da Península Ibérica, Suíza e Turquía. Propostas singulares e únicas, vencelladas á experimentación e á creación contemporánea, de difícil clasificación e, polo tanto, pouco habituais na programación dirixida ao público en xeral. Así, Angélica Salvi, Ece Canli, Superorganismus –proxecto musical de Tramontana e Luz González–, Ivankovà e Ana Lúa Caiano conforman o cartel desta edición.

#BiblioMARCO

Sesión Club Lectura Virtual

Organiza: Biblioteca-Centro de documentación do MARCO
Data: xoves 18 de maio
Lugar: MARCOteca, 1º andar
Para: participantes Club de Lectura
Lectura: Catherine Meurisse. La levedad

O Club de Lectura #BiblioMARCO está concibido como espazo de encontro e intercambio de experiencias para persoas interesadas nas artes en xeral. Coincidindo co 18 de maio, terá lugar unha das sesións do Club de Lectura #BiblioMARCO na súa modalidade virtual. A organización deste grupo telemático, nun principio derivado das restricións sanitarias, revelouse como unha oportunidade que abría novas vías de participación e accesibilidade, pois permite sumar persoas interesadas dende lugares máis afastados, e superar limitacións físicas, mellorando as oportunidades de acceso á cultura, e promovendo así o lema do DIM nesta edición: “Museos, sostibilidade e benestar”.

LASAL BOOKS

Descontos especiais no DIM

Con ocasión do Día Internacional dos Museos (xoves 18 de maio), a tenda-libraría LASAL BOOKS, situada no vestíbulo do MARCO, súmase á celebración ofrecendo un desconto do 5% en todas as compras realizadas este día, tanto en tenda coma na súa web www.lasalbooks.com.

Ademais dunha coidada selección de libros de arte, arquitectura, fotografía, obxectos de deseño, e ilustración, LASAL BOOKS dispón de todas as publicacións e catálogos do MARCO, así como edición de series limitadas de artistas participantes nas exposicións do Museo, como Andrea Costas Lago, Din Matamoro, Manuel Quintana Martelo, Celeste Garrido, e Yolanda Herranz Estévez.

Horario apertura: martes a sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00