DIN MATAMORO. A mirada acesa
Ficha
Para a súa primeira exposición no MARCO, Din Matamoro (Vigo, 1958) toma como punto de partida unha célebre premisa de Kandinsky: “O branco é un silencio profundo, absoluto, cheo de posibilidades”. Esta mostra reúne unha selección da súa obra dos últimos anos, centrada no estudo da cor, acompañada doutras pezas de épocas anteriores que, como todo o traballo deste artista, implica un ensaio sobre a percepción, os seus mecanismos e emocións.
Din Matamoro pinta cadros en aparencia monocromos e faino lentamente, aplicando con coidado sucesivas capas de materia. Se cadra por iso, os percibimos densos pero nunca estáticos. Quen se detén ante eles, quen os observa con curiosidade, quen lles dedica tempo, sente como asoman formas e cores, agochadas tras a última capa, tras a pel da pintura. Os cadros desvelan o que sucede dentro, a pintura como materia viva, lento misterio, espazo interior de rumores. O ollo que interroga, a pintura que seduce e dialoga.
Din Matamoro vive entre imaxes: as que debuxa con inusual voracidade, as que atopa nos obxectos cotiáns, as que constrúe, as que escribe, as que pinta. Non hai descanso nin tempo de azar, todo é un proceso, un preparar o momento, con ollo atento, sagaz, xeneroso. Mente e taller a enfervecer sempre, pero unha certeza firme –insubornable– do destino elixido, da actitude, do rigor, do pulso. Di dubidar de todo o que rodea a pintura, de como se percibe, pero sabe sempre que a luz está no interior do cadro e remata por se amosar.
Os cadros de Din Matamoro, só en aparencia nus, teñen o seu lugar nunha pintura atemporal e contemporánea, que marcou épocas e novos modos de mirala, de entendela. Pintura de tacto, de equilibrio, pero tamén de aparición, de desvelamento; pintura para pasear por ela, para conversar. Pintura viva.
Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto
Documentación
A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO preparou un dossier documental, que reúne ligazóns a artigos e información complementaria sobre o artista, accesibles para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais
Programación para escolares
Colabora: Obra Social “la Caixa”
A partir do 14 de setembro de 2021
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita nos tel. 986 113900 Ext. 100/ 986 113908
Obradoiros de verán para público infantil
Colabora: Obra Social “la Caixa”
Do 29 de xuño ao 29 de xullo de 2021
Horario: de martes a venres de 12.00 a 14.00 / Previa reserva nos tel. 986 113900 Ext. 100/ 986 113908
Información e visitas guiadas
O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:
Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113904
Rutas interactivas a través da App Vigo
Ademais das visitas guiadas, o novo sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.
Artistas
Din Matamoro
Din Matamoro nace en Vigo en 1958, é licenciado en Belas Artes, en pintura e gravado calcográfico pola Universidad Complutense de Madrid. Participou nos Obradoiros de Arte Actual con Antonio Saura no Círculo de Bellas Artes de Madrid, nas dúas primeiras Muestras de Arte Joven e en numerosas colectivas nos anos oitenta como Circulando no Círculo de Bellas Artes, Punto, Periferias e Acta 88, entre outras. Obtivo a Bolsa Colmeiro con Berta Cáccamo e Antonio Murado, foi bolseiro polo comité conxunto Hispano Norteamericano, coa bolsa Fullbright, Nova York (1988-89), así como a bolsa da Real Academia de Belas Artes de España en Roma, 1990-91, e a bolsa Banesto. Obtivo o segundo premio na Bienal de Pontevedra no ano 1990.
É membro da Real Academia Galega de Bellas Artes, dende o 2015.
As súas primeiras individuais foron na galería Oliva Mara en Madrid, na galería Abel Lepina en Vigo, e participou no primeiro happening de ‘Baiona Horizonte Atlántico’ con Carlos Oroza, na finca O Toutizal, en Baiona. Expuxo a obra de Nova York e Roma na galería Antonio Machón de Madrid, e na Casa da Parra de Santiago de Compostela. Boa parte das súas exposicións individuais tiveron lugar na galería Trinta, Santiago de Compostela, e tamén en galería Seiquer, Madrid; galería Marisa Marimón, Ourense; galería Masha Prieto, Madrid; galería Fernando Silió, Santander; galería Alebús, Elche; e na galería SCQ, Santiago de Compostela; galería Atlántica, A Coruña; galería Álvarez, Oporto; galería Dos Coimbras, Braga; ou galería VGO, Vigo, entre outras.
No 2005 o CGAC Centro Galego de Arte Contemporánea organizou unha exposición individual de Din Matamoro co título Imágenes Mentales, que posteriormente viaxou ao Museo de Arte Contemporánea CAMeC La Spezia, en Liguria, Italia. A partir de entón tivo tres individuais na galería La Caja China de Sevilla, participou en mostras colectivas no CGAC, e na exposición Entre el Cielo y la Tierra. Doce miradas al Greco 400 años después, no Museo Nacional de Escultura de Valladolid e na Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. Tamén formou parte de dúas mostras colectivas no MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo: Pintura Mutante, comisariada por Ignacio Pérez-Jofre en 2007, e O bosquexo do mundo, comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González Alegre en 2013. Participou en feiras de Arte Contemporánea como ARCO, Estampa, ou Just Madrid. Recentemente expuxo en dúas ocasións na galería Trinta, e na galería Combustión Espontánea de Madrid, cunha colectiva e unha individual.
En xuño de 2021 o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo dedícalle a exposición A mirada acesa, como un percorrido polo seu traballo máis recente.
Texto artista
“Pinto con luz natural, unha luz que se despraza e cambia. A miña obra pictórica tamén o fai, transfórmase diante de quen a contempla.
Hai tempo que comecei dende o branco, do espertar da luz, da cor, para alcanzar o inmaterial. Ao principio descartei a materia, quedei quieto ante a pantalla e co tempo decateime de que non hai máis satisfacción no resultado que pintar con pintura e o seu espesor. A pintura sempre dá seguridade en todos os sentidos. Pintar é un acto físico, unha batalla coa materia, nun soporte que debe ser transformado para que xurdan con naturalidade as imaxes. É construír unha pel enriba da armazón do lenzo.
Co paso do tempo traballado, apareceu a cor, formas sintetizadas na obra. Pero a miña intención era que os cadros fosen etéreos como o esquecemento. Así que fun descubrindo que xurdían cambios na miña percepción ante as obras, na intensidade cromática, había vida nelas mentres as observaba.
Dende o interior da pintura, a luz e a cor movíanse na retina coa súa inmaterialidade ou evanescencia. Esta sensación víaa ás veces, cando chegaba ao estudio descoidado e percibía que eses cadros que rematara cambiaban de tal maneira que os vía coma se fose a primeira vez. Na sala de exposicións ás veces non recoñecía algunhas das miñas pinturas, era coma se se vestisen para a ocasión, o meu cerebro tiña que volver comprender, as pezas esixían que me parase ante elas para que se mostrasen ante min.
Estas pinturas que presento piden que o espectador se deteña a contemplalas e é daquela, cando no seu cerebro se producen os cambios necesarios para percibilas.
Traballo con cores luminosas en expansión, cunha mesma gama cromática e xeralmente cálidas, sen límites, nin liñas, nin pinceladas ou xestos. Extensións difusas que fan flotar a cor en espazos que semellan brancos, pero non o son. As cores aliméntanse da mirada do espectador, que descobre matices que non existen, ou que están ocultos e saen ao seu encontro, é coma se quen mira completase a obra. Podemos dicir que son pinturas vivas, non están conxeladas no tempo, como un xesto, unha pincelada curta ou longa que remata nalgún lugar do cadro, ou unha representación estática, abstracta ou figurativa.
Por outra banda, está o debuxo. Para min é unha ferramenta fundamental, o debuxo está na mente, na mirada dos días, nos papeis, nos cadernos, nos libros que me serven como un exercicio pictórico de pinceladas, unha obsesión para non perder a axilidade da man, o xogo e a sorpresa, ou como investigación para posibles cambios na representación. Debuxo todos os días coa mirada e a man, co xiro do pulso, a través do cotián.
Utilizo a liña curva e ela devólveme imaxes vividas. Observo a rama de inverno, o sendeiro que debuxa, o horizonte e a onda, a nube e a árbore, os animais ou o corpo humano. Sorpréndome na rutina da cociña, ao pelar un allo, unha cebola, unha pataca..., ao cociñar un ovo. O meu cerebro recoñece formas ou perfís azarosos que me devolven ao debuxo e rexistro a través da fotografía.
Unha constante na miña vida é o esquecemento e a incerteza que provoca. Coa obra Mitad de la Memoria quixen reflectir esta idea. Unha peza obsesiva e eterna que presento a través de vinte e un tomos dunha enciclopedia. Compendio do coñecemento, da memoria colectiva na que borrei parte da información a través da miña linguaxe, cambiando unha información prosaica por outra etérea, de espazo, de esquecemento, de incerteza futura; nalgunhas páxinas o ser humano aparece como unha pegada, ou pasaxeiro da memoria.
Ademais da obra pictórica, hai tamén papeis e debuxos, outros libros de exercicios de memoria e esquecemento, síntese e liberdade en proceso sempre ao longo destes anos.”
Din Matamoro