rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
DISTINTOS ENFOQUES DUNHA MESMA REALIDADE. Das vangardas históricas á arte actual

DISTINTOS ENFOQUES DUNHA MESMA REALIDADE. Das vangardas históricas á arte actual

Datas: 
18 outubro 2023 - 15 maio 2024
Horario: 
mércores de 19.00 a 20.30
Lugar: 
galería A3, planta baixa

Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: Ana Pereira Molares
Total sesións: 24
Coa colaboración de: Fundación Banc Sabadell
PRAZAS LIMITADAS. Inscrición e matrícula a partir do 15 de setembro
Prezo: 190€ (desconto do 20% para membros da AAM Agrupación Amiga do MARCO e para estudantes, previa acreditación), coa posibilidade de pago fraccionado nos prazos e condicións sinalados na ficha de inscrición.

PRESENTACIÓN

Se partimos dun enfoque meramente clasicista, unha das funcións máis habituais que se lle veu atribuíndo á arte é a representación da realidade, é dicir, do noso mundo circundante; en ocasións buscando reflectir os múltiples aspectos que conforman ese mundo, sempre dende o punto de vista do creador, e noutras traducindo en imaxes recoñecibles e comprensibles as nosas crenzas, medos, ideas ou sentimentos.

Así, dende o momento no que o ser humano comeza a comunicarse co seu ámbito a través da creación de imaxes ata a actualidade, ese creador de formas, mago, sacerdote, ou en último termo, artista, veu desenvolvendo ou abordando unha temática recorrente e de espectro moi amplo, sempre tomando como punto de partida unha realidade da que, por certo, todos formamos parte. Pero a realidade, foi a mesma a través dos tempos e para todos os individuos? É dicir, é única e estática? A resposta é negativa, xa que estamos ante un concepto dinámico que está en constante evolución.

Coa chegada do mundo contemporáneo, no que o esquema do real que nos circunda viuse invadido e trastornado, como en ningún outro momento histórico, coa incorporación de novos fenómenos e elementos, a arte entendida como modo de representación experimenta tamén unha transformación radical, dando cabida a novas preguntas e novas respostas inconcibibles en tempos pasados. Como consecuencia diso, esas imaxes clásicas e doadamente recoñecibles de figuras ou paisaxes que enchen as páxinas da historia da arte ata a chegada do século XX, deron paso a unha nova morfoloxía artística interpretada a través de diferentes prismas, que xa non quere crear imaxes máis ou menos miméticas da realidade exterior, senón máis ben transformalas, dotándoas así dunha vida propia.

Este será o obxectivo do presente curso: analizar os diferentes enfoques creativos que pode recibir unha mesma realidade, sen esquecer en ningún momento que o artista é dono da súa liberdade creativa e que vive inmerso nun determinado contexto, que para ben ou para mal, condiciona a súa creación. Talvez a arte poida conducirnos máis alá das nocións simplistas que dominan a nosa psique e tamén a nosa concepción de nós mesmos e do mundo. O obxectivo fundamental da análise e do pensamento artístico procura poder romper, cando menos durante uns instantes, a monotonía das nosas experiencias cotiás e mundanas, sacarnos da nosa zona de confort e concedernos a oportunidade de transformarnos en seres máis amplos e complexos.

Ana Pereira Molares

CV / NOTA BIO

Ana Pereira Molares é doutora en Historia da Arte, e ao longo da súa carreira profesional compaxinou a docencia cun intenso labor investigador, centrado fundamentalmente na arquitectura galega da Idade Moderna, que tivo o seu froito en numerosas publicacións. Nos últimos anos, esta liña de investigación deu paso a reflexións noutros ámbitos das artes, como a presenza das mulleres na creación artística ao longo da historia. Un claro exemplo é o seu estudo sobre ‘Pintoras viguesas do século XX’, que constituíu o seu discurso de ingreso no Instituto de Estudios Vigueses, como a primeira muller que foi nomeada membro da devandita institución. A estes traballos de carácter docente e editorial únese a súa actividade como relatora, colaboradora de prensa, comisaria de exposicións, e a súa participación en numerosos congresos. Foi profesora responsable do programa de didáctica da Historia da Arte de Caixanova (actualmente Afundación/Abanca), e dende 2003 colabora co MARCO impartindo cursos de Iniciación á Arte Contemporánea para adultos.

Programa e calendario completo: no arquivo dispoñible para descarga.