rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Doppelgänger. O dobre da realidade

Doppelgänger. O dobre da realidade

Ficha

Datas: 
6 xullo 2007 - 7 outubro 2007
Lugar: 
Primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Montserrat Albores Gleason

Obras en exposición

DOPPELGÄNGER. O dobre da realidade foi o proxecto gañador da primeira edición do Premio MARCO para novos comisarios. Unha exposición colectiva comisariada por Montserrat Albores Gleason que trata sobre o problema que entraña o rexistro da realidade dende diferentes puntos de vista, e da substitución do acontecemento "real" mediante a multiplicación ou deformación dun evento, as súas revisións ou, por exemplo, as reescrituras. A mostra inclúe un total de 12 obras entre proxeccións, videoproyeccións, instalacións, pintura, esculturas e gravados.

O Premio MARCO para novos comisarios

En xullo de 2006 convocouse a primeira edición do Premio MARCO para novos comisarios, unha iniciativa da Fundación MARCO para apoiar o labor e potenciar a formación de novos profesionais no ámbito do comisariado e xestión de exposicións. O obxecto da convocatoria, con vocación de continuidade e periodicidade anual, era a realización dun proxecto expositivo destinado ás salas da primeira planta. Unha proposta de Montserrat Albores Gleason -comisaria independente nacida en México en 1974- foi o proxecto gañador, o que agora presentamos coincidindo coa convocatoria da segunda edición.

Un xurado composto por Eva González-Sancho, directora do FRAC Bourgogne, Francia; Juan de Nieves, director artístico do EACC, Espai d'Art Contemporani de Castelló; Javier Pérez Buján, director da Fundación Laxeiro, Vigo; Miguel Wandschneider, comisario de Culturgest Lisboa, Portugal; e Iñaki Martínez Antelo, director do MARCO, elixiu esta proposta de entre un total de 48 proxectos recibidos.

Síntese do proxecto

Doppelgänger é un vocábulo alemán que se refire ao dobre fantasmagórico dunha persoa viva. O termo provén de doppel, que significa “dobre”, e gänger, traducida como “andante”, e utilízase para designar a calquera dobre dunha persoa, comunmente en referencia ao “xemelgo diabólico” ou ao fenómeno da bilocación.

DOPPELGÄNGER. O dobre da realidade é unha mostra colectiva que fala do problema da representación e de determinados sistemas cos que se pode incidir na realidade; sistemas que propoñen xogos de equivalencias —como a multiplicación ou deformación dun evento, as súas revisións ou, por exemplo, as reescrituras— que veñen a substituír o acontecemento. Como na idea de Borges do mapa urbano, que acontece cando realizando o plano dunha cidade recreas a cidade coas súas dimensións exactas?

As obras reunidas nesta exposición tratan das múltiples reescrituras dunha realidade que vai perdendo a súa referencia primeira. O Krapp de Samuel Beckett reescríbese no cuarto de lectura de Pablo Sigg, representación teatral silenciosa que atopa un contrapunto na escenografía recreada de Javier Téllez a partir do Edipo Rey de Sófocles, unha adaptación libre do mito clásico que se converte en referencia evidente pero non única. Nas derivacións xorden xogos de equivalencias, deformacións, multiplicacións, condensacións de aquel primeiro feito e, ao tempo, novos vínculos que se arquivan na memoria da peza resultante. Francis Alÿs reactiva unha ficción para producir unha realidade, recreando unha acción xa realizada nas rúas de México. Elin Wikström constrúe, a partir dun feito real, unha sucesión de realidades que van esvaecendo aquela primeira referencia no proceso da repetición. A repetición dun acto sérvelle a Luc Tuymans como punto de partida para repensar unha circunstancia cotiá acontecida na vida do escritor holandés J. van Oudshoorn; un nome propio que —xunto ao de Pier Paolo Pasolini, que evoca Pierre Huyghe na súa revisión de Uccellacci e uccellini, e ao tándem Jean Luc Godard e Anne-Marie Miéville do que bebe a peza da artista Kerry Tribe— asociamos a obras de referencia xa provistas de novos significados e reconvertidas en proceso e fonte. José Carlos Martinat recupera a tradición oral inca sobre un feito acaecido no século XVI, e Ady Carrión resume, na dobre proxección dunha nogueira gravada en dous tempos, a condensación dun proceso fragmentado e reunificado no tempo da exposición.

Os artistas seleccionados debuxan, coas súas pezas, conxuntos de derivacións interrelacionadas, de citas, como aquelas sobre as que detidamente reflexionaba Walter Benjamin, tras apuntalas nos cadernos de tapas negras. Citas que se duplican, mesturan, reescriben e contaminan, como exemplos dos encontros entre ficcións e realidades que percorremos na exposición, onde as referencias se entrecruzan, onde se unen os eventos “que comezan no límite doutros eventos”, como sinala a comisaria da mostra.

Artistas

    Ady Carrión
    Elin Wikström
    Francis Alÿs
    Javier Téllez
    José Carlos Martinat
    Kerry Tribe
    Luc Tuymans
    Pablo Sigg
    Pierre Huyghe

Texto curatorial

“No detalle do seu comportamento consciente, o 'primitivo',
o home arcaico, non coñece ningún acto que non fora
planeado e vivido anteriormente por outro, outro que non era un
home. O que el fai, xa se fixo. A súa vida é a repetición
ininterrompida de xestos inaugurados por outros”.

Mircea Eliade, El mito del eterno retorno

“O dobre ao cal nos referimos aquí non busca a unión co seu outro, nin se vive carente pola súa fragmentación. É un dobre que sitúa o seu devir na capacidade de multiplicación, por tanto non fala de dualidades, nin é aquel dos opostos. É un dobre que reescribe constantemente a súa réplica, e que neste labor substitúe e deforma aquel que parecera o seu orixinal. Non se sabe nin dobre nin orixe, mora nesta ambigüidade reaparecendo nos eventos anteriores a si e nos cales el mesmo se rexenera. Na súa repetición, este dobre deixa de ser el e regresa o seu operar, incansablemente, a un momento mítico primordial; recorda unha realidade a-histórica onde se rompe a secuencia lineal, cuestionando o noso vínculo coa historia. Volveuse partitura e ao mesmo tempo a deformación desta. Xorde da xeración de sistemas de equivalencias que, máis que traducir a realidade, a deforman e a substitúen.

DOPPELGÄNGER. O dobre da realidade xorde do interese por revisar prácticas que se enlazan á existencia de eventos preexistentes, substituíndo o problema da creación de imaxes illadas por aquel da creación de cadeas ou rutas de eventos onde as partes se corresponden entre elas. Esta exposición é a unión de eventos que comezan no límite doutros eventos. Pretende presentar unha ruta transitable onde idealmente aparecerán os momentos arquetípicos aos cales decidimos regresar e onde o obxecto existe en tanto outro foi. Pasar do mito do inca aos milleiros de textos producidos pola rede. De Tebas a unha vila pantasma en Aspen. De Krapp oíndo e gravando fitas, á graficación inaudible do texto, e despois a un tapir de plástico amarelo. De Uccellacci e Uccellini á súa recreación. De mercar na rúa de Palma unha pistola a mercar na rúa de Palma outra pistola. De Camille Virollaud a Audrey Wollen. Da postal de J. van Oudshoorn a La Correspondance, e desta á súa maqueta e aos seus planos. Da toma dunha nogueira a outra. Da narración de Herr Weimar á de Elin Wikström. Ou sexa, regresar de 2007 á versión inglesa de 1958, da versión francesa de 1959 a 1958, da versión alemá de 1969 a 1958. Regresar de aproximadamente 430 a.C. a Austria en 1856, e de aí de regreso a 2006. De 2002 aos doce movementos de 1978. Dos suburbios romanos de 1993 aos suburbios romanos de 1966. De Berlín en 1905 a 1985, de aí á maqueta de 1986. Do inverno de 2007 á primavera de 2006. Do primeiro encontro do mito en 1955 ao século XVI e de aí á tradición oral do XVIII. De horas despois do 4 de novembro de 1999 ao 4 de novembro á unha da tarde. De 2007 a Münster en 1997; de Estocolmo en 1998 a Berlín en 1997 outra vez, e de aí a Vigo no presente ano”.

Montserrat Albores Gleason
Comisaria da exposición

Comisariado

Montserrat Albores Gleason

Montserrat Albores Gleason, comisaria independente nacida en México en 1974, é autora de varios proxectos expositivos en galerías e museos de México e dos Estados Unidos. Foi directora da Galería OMR (Cidade de México) entre os anos 2003 e 2004, onde comisariou as mostras dedicadas a Thomas Glassford, Carla Arocha, Cisco Jiménez ou Pablo Vargas Lugo, entre outras. Entre 1999 e 2000 dirixiu a Acceso A Gallery (Cidade de México), onde foi comisaria das exposicións dedicadas a Santiago Sierra ou Brooks Brothers. Organizou varias mostras no Museo Rufino Tamayo de México, onde tamén traballou como comisaria, e participou na Documenta_11 de Kassel (2002) como convidada aos simposios de novos críticos sobre a devandita exposición internacional.