FESTA ANIVERSARIO 12XMARCO
O 13 de novembro o MARCO cumpre doce anos dende a súa inauguración en 2002, e ofrece unha programación específica para esta fin de semana (venres 14, sábado 15 e domingo 16), con ampliación de horarios e actividades para distintos públicos: Maratón ArtFutura, talleres infantís, visitas guiadas ás exposicións temporais, postais de artistas a disposición dos visitantes, e un Especial Aniversario para a noite do sábado no restaurante Miguel Oliveira.
PROGRAMACIÓN E ACTIVIDADES
Maratón ArtFutura / Especial 12º Aniversario MARCO
Proxección en continuidade do programa audiovisual desta edición
Horario: venres de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00; sábado de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 01.00; domingo de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00
Lugar: salón de actos
Produción: ArtFutura
Baixo o título ‘A Promesa Dixital’, o programa deste ano presenta en exclusiva o documental do mesmo nome (coproducido por Bun Media, TVE e TV3), sobre a evolución da cultura dixital e o seu paralelismo co desenvolvemento de ArtFutura a través das súas 25 edicións. The Creators Project, con propostas de artistas como Ai Weiwei e Olafur Eliasson, únese ás novas seccións Artworks e Feeding the Web, xunto a as xa clásicas 3D ArtFutura Show, Futura Graphics, e a retrospectiva 25 x 3D. En total, seis horas de proxeccións coas últimas achegas no campo da creatividade dixital.
+ INFO en www.marcovigo.com y en www.artfutura.org
CALENDARIO E HORARIOS PROXECCIÓNS
HORARIOS |
VENRES 14 nov |
SÁBADO 15 nov |
DOMINGO 16 nov |
De 11.00 a 14.30 |
Programa A Programa C Eclectic Method (Jonny Wilson) (32’) |
Programa B Programa A A Promesa Dixital (70’) |
Programa A Programa C Eclectic Method (Jonny Wilson) (32’) |
De 17.00 a 21.00 |
Programa B 3D Artfutura Show (55’) Programa A A Promesa Dixital (70’) |
Programa C Eclectic Method (Jonny Wilson) (32’) Programa B 3D Artfutura Show (55’) |
Programa B 3D Artfutura Show (55’) Programa A A Promesa Dixital (70’) |
De 21.00 a 01.00 |
|
Programa A A Promesa Dixital (70’) Programa B 3D Artfutura Show (55’) |
|
‘CÓNTAME UN NÚMERO'
Obradoiros infantís para público familiar
Para nenos/as a partir de 3 anos sós ou acompañados de persoas adultas
Horario: sábado e domingo de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00
Lugar: Laboratorio das Artes (1º andar)
Entrada libre e gratuíta ata completar aforo
Nestes meses, o programa educativo do MARCO desenvólvese en torno á exposición de IGNACIO URIARTE, ‘Uns e ceros’, sacando partido dos contidos da mostra e das súas posibilidades didácticas. Mediante divertidos crebacabezas matemáticos, repeticións e combinacións de números e letras, exemplos de escritura a man e a máquina, xogos de situación no espazo, e experimentos de percepción baseados en contrastes binarios (luz-sombra, branco-negro, positivo-negativo), falamos do modo de traballo do artista e tamén, do potencial creativo dos espazos cotiáns.
Para a celebración desta fin de semana, amplíase o horario dos talleres para familias, con propostas relacionadas con distintas obras da exposición. Os adultos acompañantes poderán participar das actividades conxuntamente no taller do Laboratorio dás Artes, ou dedicar esas horas a visitar as exposicións ou gozar da programación especial ArtFutura no salón de actos.
RESTAURANTE MIGUEL OLIVEIRA
Proposta Especial Aniversario
Horario: sábado a partir das 20.00
Lugar: MARCO, planta baixa
O restaurante Miguel Oliveira súmase á celebración do 12º Aniversario do MARCO con propostas mmoi especiais para os seus clientes: servizo de coctelería, copas e snacks, intervencións escénicas a cargo de Nelson Quinteiro, e un concerto do grupo The Pretty Shirts.
Nelson Quinteiro
#HABITANTE
Proxecto multidisciplinar de encontro co espectador en intervención escénica
Horario: sábado de 21.00 a 01.30
Lugar: Restaurante Miguel Oliveira
O proxecto #habitante baséase na creación de diversos espazos escénicos. Nel, invítase o espectador a facer un percorrido polo espazo do restaurante en conversación co artista-intérprete, debatendo sobre expectativas, ideas preconcibidas e conclusións sobre cada lugar. A partir de aí, ao chou, o espectador escollerá un número que se corresponderá cunha das múltiples micro-pezas escénicas asignadas a cada espazo en particular. As visitas, logo de cita, serán individualizadas ou en grupos moi reducidos, cunha duración de 5-10 minutos por visitante.
Concerto
THE PRETTY SHIRTS
Rock & Roll / Garage Band
Miguel Lomba (vocalista), Miguel Castro (guitarra e coros), M. Pacheco (baixo) e Manuel González (batería e coros)
Horario: sábado de 23.00 a 00.30
Lugar: Restaurante Miguel Oliveira
The Pretty Shirts é hoxe unha banda renovada e desbordante de novos proxectos. Un son madurado durante dous anos a base de ensaios e concertos por Galicia e Portugal, ademais do seu primeiro EP de intenso rock&roll e garage rock.
Servizo de coctelería, copas e snacks
Horario: sábado a partir das 20.00
Ademais deste Especial Aniversario o sábado pola noite, durante a fin de semana o restaurante Miguel Oliveira permanecerá aberto ao público durante o día, con servizo de restaurante e cafetería o venres de 11.00 a 21.00 e o sábado de 11.00 a 20.00.
VISITAS GUIADAS
Percorridos polas exposicións temporais do MARCO, guiados polos monitores de sala
Horario: venres e domingo ás 12.30, 17.30 e 19.00 / Sábado ás 12.30, 17.30, 19.00, 21.00, 23.00 e 00.00
Lugar: salas de exposición da planta baixa e do 1º andar
SCORE. O espazo entre imaxe e son
Comisarias: Sarra Brill e Anna Cestelli Guidi
Lugar: salas de exposición da planta baixa
Un proxecto expositivo que xoga con diferentes significados do termo score como medio para navegar a través dunha serie de obras de cine, vídeo, e instalacións.
IGNACIO URIARTE. Uns e ceros
Comisario: Juan Canela
Lugar: salas de exposición do 1º andar
Uns e ceros toma o seu título da obra do mesmo nome: unha serie de follas A4 sobre as cales uns e ceros escríbense de xeito aleatorio con diferentes modelos de máquina de escribir, intentando emular a linguaxe dixital.
ARTISTAS
4º Proxecto de visibilización das obras das alumnas da Facultade de Belas Artes e de Ciencias Sociais e Comunicación, Universidade de Vigo
Exhibición de postais, a disposición do público, das obras participantes neste proxecto
Comisarias: Almudena Fernández Fariña e Mar Caldas
Lugar: vestíbulo principal
Datas: a partir do mércores 12 de novembro
Organiza: Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo
O proxecto ARTISTAS é unha iniciativa destinada a apoiar ás mulleres que desexan comezar a súa andaina no campo da arte, facilitando a súa incorporación ao espazo artístico profesional, buscando novas redes de difusión, promovendo e dando visibilidade aos seus traballos. O proxecto consolídase nesta 4ª edición dando un paso máis cara aos seus obxectivos. As obras, seleccionadas a través de convocatoria pública, reprodúcense nunha ampla edición de postais que o público pode levar de balde, colocadas en expositores sitos nos centros dos tres campus da Universidade de Vigo ademais do MARCO e o CGAC.