rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Francisco Leiro


Francisco Leiro está considerado como un dos artistas máis representativos do panorama artístico actual. Nacido en 1957 en Cambados, Pontevedra, na actualidade vive e traballa entre Nova York, Madrid e Galicia.

Fillo e neto de artesáns ebanistas, dende moi temperá idade coñeceu de preto o traballo en madeira. Xunto á súa faceta autodidacta, a mediados dos setenta fórmase na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela, que completa con estudos na Escuela de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid. A súa obra como escultor combina a utilización de materiais clásicos como o granito e a madeira con outros de orixe sintética como resinas, fibra de vidro, vinilo, ou poliéster.

A súa traxectoria artística comeza na década dos setenta, coa súa primeira exposición na Sociedad Cultural de Cambados en 1975. En 1983 é convidado a participar na última das exposicións do grupo Atlántica, que se propuxo como unha iniciativa de renovación das artes plásticas galegas. En 1985 representa a España na Bienal de São Paulo, Brasil, e viaxa a Grecia e México para estudar in situ a escultura arcaica. En 1987 trasládase a vivir a Nova York grazas á concesión dunha bolsa Fullbright, e pouco despois empeza a traballar coa galería Marlborough. Dende entón a súa obra exhíbese regularmente nas diversas sedes desta galería así como en museos nacionais e internacionais.

A súa traxectoria inclúe un amplo programa de exposicións individuais e colectivas, entre as que cabe destacar: Leiro (CAC, Málaga, 2017), Os traballos e os días (Abanca, Pontevedra, 2016), Purgatorio (Galería Marlborough, Madrid, 2014), Human Resources (Marlborough Gallery, Nova York, 2013), Francisco Leiro. Celebrando o Códice Calixtino (Palacete das Medonza, Pontevedra, 2010), El Jardín de las Delicias. O Romeral de San Marcos (Segovia, 2007), Compaña (Galería Marlborough, Madrid, 2006), Diálogos de Silencio (Dag Hammarskjold Plaza, Nova York, 2005), Caracteres (Instituto Cervantes, Nova York, 2005), Leiro (Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid, 2004) ou a mostra itinerante organizada por SEACEX en 2003 e 2004 (Galería Nacional de Arte Estranxeira de Sofía -Bulgaria- e Museo Nacional de Bellas Artes de Santiago de Chile). Na súa faceta de escultor no espazo público, dende finais dos anos oitenta recibiu encargos de intervencións en distintos lugares de Galicia (Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña), Cantabria, Madrid, e Francia.

A súa obra está presente en museos e coleccións públicas e privadas, como Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela; CAAM Centro Atlántico de Arte Moderno, Las Palmas de Gran Canaria; Centro de Arte Caja de Burgos; CGAC Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago de Compostela; Colección Abanca, A Coruña; Colección Afundación, Vigo; Colección Unión Fenosa, Madrid; Fundación Coca-Cola, Madrid; Fundació la Caixa, Barcelona; Fundación Telefónica, Madrid; MACBA Museo de Arte Contemporáneo, Barcelona; Museo de Arte Contemporáneo Patio Herreriano, Valladolid; Centro Cultural São Lourenço, Almancil, Portugal; Grounds for Sculpture, New Jersey, Estados Unidos; Museo Marugame Hirai, Kagawe, Xapón; Stedelijk Museum, Ámsterdam, Holanda; Akron Art Museum, Ohio, Estados Unidos.

Entre os premios e distincións recibidos cóntanse a Medalla de ouro de Galicia (2016), Premio Nacional da Cultura Galega (2008), Medalla a las Bellas Artes da CEOE (2003), e Medalla Castelao, Xunta de Galicia (2000). En febreiro de 2022 é nomeado membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando.