rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

IDOIA MONTÓN. As sete xanelas

Ficha

Datas: 
13 maio 2022 - 4 setembro 2022
Lugar: 
Galería e sala perimetral B1, primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 y de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
Sala Rekalde (Bilbao, Diputación Foral de Bizkaia) / MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

Comisariado: Alicia Fernández e Miguel Fernández-Cid

Coa colaboración da: Deputación de Pontevedra

Froito da colaboración entre o MARCO e a Sala Rekalde, Bilbao (Deputación Foral de Bizkaia) para a itinerancia e coprodución de exposicións, o 13 de maio chega a Vigo As sete xanelas, que reúne boa parte do traballo de Idoia Montón (Donostia, 1969) dende 1990 ata a actualidade: pinturas, debuxos e colaxes procedentes de coleccións privadas e institucionais, como o Museo de Bellas Artes de Bilbao e o Museo San Telmo, Donostia.

O título “as sete xanelas” quere expresar –tanto literal como metaforicamente– as diferentes formas de conxugar as relacións entre o dentro e o fóra, o marco e o van, ou a rúa e o cuarto. O uso da xanela é un elemento reiterado ao longo de toda a súa traxectoria como medio para ver a realidade, a paisaxe ou a vida. Sublíñase a importancia do punto de vista, dunha mirada que nunca é normativa, directa ou centrada, senón lateral, múltiple e fragmentaria; así como a persistencia dos espellos e a imaxe reflectida.

A obra que Idoia Montón desenvolveu durante as tres últimas décadas entre Euskadi e Cataluña caracterízase por unha marcada coherencia, grazas á súa radical heteroxeneidade. Montón concibe a pintura como un proceso aberto e soberano, atento ao achado e ao xogo do azar, no que o único que se mantén constante é unha idea organizadora de forma ou estrutura.

O proxecto ten como obxectivo revisar a traxectoria da artista e presentar as claves que estruturan o seu traballo. Pero non se trata dunha mostra retrospectiva ordenada de xeito cronolóxico, senón concibida a través dunha serie de núcleos temáticos, formais e contextuais. Seguindo esta secuencia, a mostra organízase en catro ámbitos: Un cuarto propio, Guerra, Barna, e Cos ollos abertos.

Idoia Montón traballa na procura do sentido da pintura dende o común para indagar na realidade e no mundo no que vivimos. As súas pinturas e debuxos constrúense a partir dun catálogo de imaxes do cotián.

Dende a liberdade, o rigor e a autocrítica, para expresarse con voz propia, realiza un traballo artístico a xeito de relato. Tomando como arranque o ámbito literario, fábulas e metáforas ou escenarios de ficción, contrapón conceptos entre o particular e o colectivo, facendo uso dos medios expresivos que reforzan a mensaxe. A obra de Idoia Montón comeza no taller como un xogo coas formas e os materiais que, en certo momento, empeza a cristalizar e se ha revelar como unha obra. O taller é un laboratorio onde ensaiar diferentes experimentos que poidan facer que un medio tan historicamente saturado como a pintura volva falarnos en presente. “Quero que a miña pintura sexa un espello onde [o público] se contemple; trátase de entrar e de atopar a súa vida reflectida”.

No taller os elementos organízanse sobre un plano que a propia artista chamou “enigmático” e que reclama constantemente solucións. A partir dese plano van xurdindo ideas, formas e forzas. “O cadro maniféstase entón –escribe a artista– como un espazo aberto, sometido a un proceso no que calquera forma se pode acabar revelando. Podería tratarse da emerxencia da guerra, como dunha fantasmagoría, no incerto espazo en perpetua remodelación dunha capital occidental…”

Montón entende a arte como unha forma de resistencia fronte á violencia, como un intento de actuar sobre a realidade. A función da arte é o seu poder de transformación, sinalou a propia artista. De aí o profundo arraigamento da súa obra coa experiencia e a vida en común, e de aí tamén esa firme desconfianza fronte ás convencións e as fórmulas que ao longo dos anos a levou a buscar un novo punto de partida mediante a exploración de diferentes rexistros pictóricos: da colaxe bidimensional ao realismo, pasando do maxicismo á crítica política, do realismo ao barroco. 

Dossier documental

Paralelamente á exposición, a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO preparou un dossier documental, que reúne enlaces a artigos e información complementaria sobre a artista, accesible para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais.

Obradoiros infantís

Colabora: Obra Social “la Caixa”

Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Programa gratuíto, previa inscrición no tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 ou no correo-e recepcion.marco@gmail.com

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113908

Rutas interactivas a través da App Vigo

O novo sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.

 

Síntese do proxecto

PERCORRIDO POLA EXPOSICIÓN 

Seguindo unha secuencia cronolóxica non estrita, matizada por asociacións anacrónicas, a mostra organízase en catro ámbitos: Un cuarto propio, Guerra, Barna, e Cos ollos abertos.

Un cuarto propio recolle obras realizadas en Euskadi antes da súa marcha a Barcelona, entre as que se atopan os seus primeiros experimentos escultóricos, así como varios dos seus papeis recortados. Estes traballos caracterízanse por unha inusitada idea do espazo e polas tensións que emerxen, paradoxalmente, dende a máis estrita planitude. Ademais, as obras mostran certo contido narrativo ou alegórico que, aínda que diluído e matizado, non desaparecerá xa da súa obra. Aquí atopamos tamén un grupo de pinturas que abordan a experiencia cotiá da artista e que dotan dun novo sentido ao termo “realismo”: vistas dos lugares que habita, bodegóns compostos polos obxectos que a rodean e retratos de persoas próximas. Trátase en todo caso dun realismo peneirado pola memoria e a imaxinación; de aí as presenzas inquietantes que interrompen as escenas. Así mesmo, destacan tamén dende o comezo os tropos clásicos do autorretrato no taller e do cadro dentro do cadro.

A mostra continúa con Guerra, un ciclo de obras que, mediante unha revisión da historia da pintura e unha nova aproximación á colaxe, manifestan a inquietude de Montón pola representación do poder e a violencia. Trátase dunha serie heteroxénea de traballos que incorpora todo tipo de materiais sobre o soporte pictórico: dende fotografías a paletas, pasando por roupa e cerámica, pero que tamén inclúe composicións únicas como Púber (2015), formada exclusivamente por obxectos atopados. A “guerra” do título fai referencia tanto á guerra de Siria como á violencia que o capital exerce sobre os corpos e sobre o mundo ao longo da historia.

En Barna atopamos constantes referencias a un contexto artístico e social concreto no que destacan dúas cuestións: por unha banda, a resposta da artista á negación ou sospeita sobre a actualidade da pintura, e por outra, as reflexións sobre a longa crise na que se ve envolta a cidade onde reside. Destaca aquí outro grupo de traballos que sobresaen tanto polo seu carácter sintético coma polo seu silencio. Obras que ofrecen unha visión fragmentada das cousas, e nas que vela a imaxe ata o punto de facela case irrecoñecible.

Cos ollos abertos reúne dous corpos de obra diferentes. Por un lado, unha serie de cidades biomórficas, case monstruosas, onde se confunden planos e direccións e tamén se esvaen os límites entre o vivo e o morto, o animal e o mecánico, o real e a súa alucinación. Máquinas tentaculares que non só dan conta dunha visión aterradora do espazo público, senón que reúnen de forma paradigmática tres motivos centrais na obra a artista: a cidade, o animal e a noite.

Finalmente, este cuarto ámbito inclúe unha serie iniciada no ano 2019 durante unha residencia no Kurdistán iraquí promovida por Moving Artists.

O sacrificio ou a ofrenda relaciona obras capitais da rexión –como os primeiros templos kurdos ou a Leoa ferida– con elementos decorativos cotiáns, como plásticos e téxtiles ornamentados, co fin de dar corpo a unha idea tan paradoxal como radical: unha sociedade non se mantén unida grazas ás súas actividades produtivas e funcionais, senón que o que a fai tremer de entusiasmo son aqueloutras, como as festas ou os xogos, que supoñen un descontrol absoluto.

“O meu traballo aliméntase do vínculo cos espazos que vou habitando, nos que me desenvolvo. Mediante a relación directa coas cousas, aquelas que poderiamos entender como as máis sinxelas da nosa cotianidade, indago en min mesma cuestionando as circunstancias ou acontecementos que me interpelan. A miña obra exterioriza o meu sentir e intenta, coa súa posible capacidade transformadora, actuar sobre a realidade.”

Idoia Montón

Artistas

Idoia Montón


Idoia Montón
nace en Donostia-San Sebastián en 1969 e dende 2007 vive en Barcelona.

Os seus inicios están vencellados á Asociación artística de Gipuzkoa e despois, a finais dos oitenta e primeiros noventa, aos talleres de Arteleku con Bonifacio Alonso e Ángel Bados, así como á facultade de Belas Artes da Universidade do País Vasco. Axiña expón nalgunhas galerías importantes da época como como Juana de Aizpuru (1991) ou Buades (1992).

Tras certo desencanto con esa escena, a mediados dos noventa inicia un longo camiño persoal que dá lugar a unha investigación pictórica intensa e comprometida, para reaparecer da man de Javier Peñafiel e Rosa Queralt en Half-House (Barcelona, 2012), coa exposición individual Un reflejo tangible. Durante eses anos de distanciamento e tras o seu regreso, produciu unha inxente cantidade de obra que quedou recollida na publicación Idoia Montón (Donostia, 2014). Posteriormente reúne outra parte da súa produción no libro La guerra (La Caníbal, Barcelona, 2019).

Entre as súas exposicións recentes destacan: Tallers conpartits, Fundación Miró (2021); El Fuego, Galería Ana Mas Proyects, (Barcelona, 2020); Zeru bat, hamaika bide. Prácticas artísticas en el País Vasco entre 1977 y 2002, Artium (Vitoria, 2019), comisariada por David Bestué; Halfhouse, (Barcelona, 2019) e Después del 68, Museo de Bellas Artes de Bilbao, (2018-19).

Anteriormente, entre outras moitas citas expositivas, cóntanse Markak, Okela (Bilbao) e Aquellos, Galería Sis (Sabadel) ambas as dúas en 2017; La guerra, La Escocesa (Barcelona, 2017); Arenzana Imaz Intxausti Montón Peral, Tabakalera (Donostia, 2016); Lila, Carreras Múgica (Bilbao, 2015) e La kasa del carpintero insurgente, Galería Alegría (Madrid, 2014).

Idoia Montón Gorostegui

www.idoiamonton.com

 

Texto artista

O plano enigmático
Idoia Montón

“O meu traballo aliméntase do vínculo cos espazos que vou habitando, nos que me desenvolvo. Mediante a relación directa coas cousas, aquelas que poderiamos entender como as máis sinxelas da nosa cotianidade, indago en min mesma cuestionando as circunstancias ou acontecementos que me interpelan. A miña obra exterioriza mi sentir e intenta, coa súa posible capacidade transformadora, actuar sobre a realidade.

Cando comezo a elaborar unha idea no taller utilizo, de forma habitual, a colaxe, xa que me permite unha abordaxe inmediata, unha actuación dinámica que trato de dirixir cunha mirada aberta. Os materiais, as súas texturas, fan del, ademais, un recurso de grande expresividade na superficie e que axuda ao traballo formal. Todos eses elementos diversos e dispares que vou dispoñendo acaban conformando un espazo enigmático que me reclama solucións. É na súa manipulación, a medida que introduzo as ideas que definir necesito e expresar ou que sinxelamente van xurdindo, cando me ocupo da súa combinación e concordancia; é nese proceso no que se concretan de forma progresiva as súas dimensións formais e de sentido.

Se me decido a traspasar un bosquexo ao lenzo, nese salto expresivo volven aparecer novas carencias, novos ocos, que me demandan a introdución de novos motivos, de novos contidos. Poden ser as capas de realidade que me brinda a fotografía ou algunhas seccións que ás veces, tras retomalas da historia da arte, reinterpreto ou desvío, e que funcionan como cargas de intensidade. Elementos opostos que colisionan ou que mesmo parecen obstinarse en esixir a posibilidade dun improbable encontro. Todo iso me vai empurrando a tomar as decisións á hora de construír, a asimilar todos os seus compoñentes, e a tratar de ofrecerlles un sentido en pintura. O cadro maniféstase entón como un espazo aberto, sometido a un proceso no que calquera forma se pode acabar revelando. Podería tratarse da emerxencia da guerra, como unha fantasmagoría, no incerto espazo en perpetua remodelación dunha capital occidental... Quizais de aparicións inesperadas de suposta aparencia orgánica que reclaman unha materialización que parecía previamente inconcibible... Concluír mesmo que é o propio proceso o que leva as rendas, dado que del parte a faísca, a iluminación, a aparición dun sentido inesperado ou dun descubrimento expresivo. É só ao finalizar o transcurso dese percorrido, chegado xa o momento en que a súa construción non demanda máis cambios, cando os elementos que foron desvelándose conseguen dotarse dun sentido que unicamente é pechado na relación co seu contexto. Non parece necesario sinalar que o azar cumpre aquí un papel determinante.

Cada obra concluída, pretendidamente orgánica, é tamén testemuño dun momento, o do tempo do seu proceso creativo e do cúmulo de ideas, encontros e experiencias que lle deron luz. Unha expresión fixada que se manifesta como un espazo aberto ante a mirada do espectador”.