rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
A LUZ E A LENTE. Historia do microscopio a través da colección Camacho & Pallas

A LUZ E A LENTE. Historia do microscopio a través da colección Camacho & Pallas

Ficha

Datas: 
16 maio 2018 - 23 setembro 2018
Lugar: 
Anexo (vestíbulo principal)
Horario: 
de martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
Coa colaboración de: Museo de Historia Natural Santiago de Compostela e Vithas Lab


O Día Internacional da Luz


Tralo éxito do Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías baseadas na Luz en 2015, a UNESCO propuxo crear o Día Internacional da Luz, co obxectivo de resaltar o papel central que ocupa a luz en diversos aspectos da nosa vida cotiá, e na ciencia, a cultura e a educación.

A primeira celebración do Día Internacional da Luz está prevista para o 16 de maio de 2018. Esta data pretende conmemorar o nacemento do primeiro láser, inventado o 16 de maio de 1960 por Theodore Maiman. Os láseres transformaron as nosas vidas, polo que se outorgaron máis de vinte premios Nobel relacionados con eles, como o Nobel de Química de 2014 a Stefan Hell, do Instituto Max Planck, polo descubrimento do microscopio de fluorescencia de alta resolución ou, o que é o mesmo, polo seu traballo para converter o microscopio óptico nun manoscopio e, desta maneira, poder estudar con gran precisión obxectos antes inalcanzables. Dende o primeiro microscopio creado por Anton van Leeuwenhoek (pai da microbioloxía e parasitoloxía), ata o desenvolvemento do manoscopio, transcorreron 344 anos.

No ano 2015, inserido nos actos do Ano Internacional da Luz, celebrouse na sede da UNESCO en París un simposio no que se exhibiu un dos dez exemplares existentes do microscopio de Leeuwenhoek (Delft, 1632-1723), pertencente á colección Camacho & Pallas. A raíz da devandita colaboración, John Dubley, presidente do Comité do Día Internacional da Luz, solicitou o apoio dos propietarios da colección para celebrar un evento en Vigo; solicitude ratificada polo presidente do Comité Español, Ignacio Moreno.

A colección Camacho & Pallas


A colección de microscopios Camacho & Pallas, que inclúe máis dun centenar de pezas, está recoñecida internacionalmente como a mellor existente na actualidade, tanto polo seu valor científico como histórico e cultural. Os propietarios, a Dra. Estrella Pallas Pallas, especialista en otorrinolaringoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e profesora asociada de otorrinolaringoloxía da USC, e o Dr. Tomás Camacho, director médico do laboratorio Vithas Lab, Grupo Vithas, comezan a súa colección no ano 2000, cun modelo de microscopio denominado Harvard e fabricado por Bausch & Lomb en 1876. Foi en 2015 cando esta colección pasa a ser a máis representativa da historia da microscopia, ao incorporar o microscopio construído por Leeuwenhoek —un dos dez modelos existentes hoxe en día e o único autentificado como orixinal— e a obra de Hooke, cuxas descricións foron a base para que Leeuwenhoek puidera construír os primeiros microscopios que permitían aumentos de ata 300 veces o tamaño real.

A exposición


A mostra “Historia do microscopio a través da colección Camacho & Pallas” conta coa colaboración do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, onde unha parte das pezas se exhibiu en 2016, e dende onde itinerou ao Museo de la Evolución Humana de Burgos en 2018.

No caso de Vigo, a exposición inclúe unha selección de máis de trinta pezas e paneis informativos que detallan a historia do microscopio dende a súa invención. Xunto as dúas pezas emblemáticas da colección e da orixe da microscopia —o microscopio de Leeuwenhoek, construído no ano 1680, e unha edición orixinal do libro Micrographia: or some Physiological Descriptions of Minute Bodies Made by Magnifying Glasses, publicado por Robert Hooke en 1665— reúnense na mostra diferentes exemplos e modelos de microscopios simples e compostos, que permiten coñecer a súa evolución histórica, reflexo das melloras ópticas, mecánicas e estéticas dende o século XVII ata principios do XX.

Créditos da fotografía: W&F Stanley. Microscopio compuesto. Reino Unido, 1870