rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Manuel Quintana Martelo


Manuel Quintana Martelo
(Roxos, Santiago de Compostela, 1946) inicia a súa traxectoria artística nos anos setenta, marcada por un forte compromiso social. Licenciado na Escola Superior de Belas Artes de Sant Jordi en Barcelona, pronto a súa obra evoluciona cara a rexistros procesuais de correntes urbanas e expresionistas                .

Participante no movemento Atlántica na década dos oitenta, nos noventa instálase en Nova York, onde exporá con éxito a súa obra, así como en Caracas, Miami, e Oporto. Profesor no instituto Xelmírez de Santiago de Compostela, onde tamén foi director, abandona a actividade docente para centrarse con maior intensidade na súa produción artística.

Estivo á fronte da Asociación de Artistas Visuais de Galicia, facéndose cargo posteriormente da Real Academia Galega de Belas Artes. A súa obra foi protagonista dunha retrospectiva no Auditorio de Galicia (2007), dunha monográfica na Deputación de A Coruña (2010), e dunha exposición individual no Kiosko Alfonso de A Coruña (2011). En 2012 recibe o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Plásticas.

Dende 2010 realiza obras escultóricas, trasladando as formas do lenzo á terceira dimensión. A súa propia figura, mesa e útiles de traballo incorpóranse ao soporte como parte da obra. A súa serie pictórica Containers, iniciada en 2012, é o punto de partida para a exposición producida polo MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, en 2021.

www.quintanamartelo.com