rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Manuel Vilariño


Manuel Vilariño
(A Coruña, 1952), fotógrafo e poeta, é un dos máis importantes artistas do panorama contemporáneo actual. Dende que realizase a súa primeira exposición no ano 1982, as súas obras non deixaron de mostrarse en galerías e museos de referencia, atopándoas en coleccións como as do Museo Reina Sofía, Madrid; The Museum of Fine Arts Museum, Houston; Museo Extremeño e Iberoamericano de Arte Contemporáneo (MEIAC), Badaxoz; ARTIUM, Vitoria; ou Colección Coca-Cola.

No ano 2007 concedéuselle o Premio Nacional do Fotografa do Ministerio de Cultura de España. Ese mesmo ano participou na mostra “Paraíso fragmentado”, comisariada por Alberto Ruiz de Samaniego, no Pavillón de España da 52ª Bienal de Venecia.

Entre as súas exposicións máis importantes atópanse a que realizou en 2002 no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela Manuel Vilariño. Fío e sombra ou Mar de afuera, que expuxo no Círculo de Bellas Artes de Madrid en 2012. No ámbito internacional, destaca a súa individual en Galerie Municipale du Château d’Eau. Toulouse (2001), así como outras exposicións en distintos países de Europa. En 2008, a Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) puxo en marcha unha mostra itinerante da súa obra, comisariada por Fernando Castro Flórez, que se presentou no Centro Cultural de España en Asunción (Paraguai), o Museo Balmes en Montevideo (Uruguai), o Museo de Arte Moderna de Sao Paulo (Brasil) ou o MAC Niteroi en Rio de Janeiro (Brasil).

Participou na edición 2012 do proxecto “Peregrinatio” en Sagunto, organizada polo Consorcio de Museos da Comunitat Valenciana e realizou en 2013 o proxecto “Fragmentos dunha viaxe”, resultado dun percorrido poético por Extremadura que se presentou no MEIAC, Museo Extremeño e Iberoamericano de Badajoz.

Sobre a obra de Manuel Vilariño escribiron poetas como Antonio Gamoneda, Chantal Maillard ou Juan Barja, escritores como Manolo Rivas, filósofos como Félix Duque e críticos como Miguel Fernández Cid, Miguel Copón ou Alberto Ruiz de Samaniego.

Non falta entre as súas obras a poesía —Ruínas ao espertar (Espiral Maior Edicións, 2011); ou Animal insomne (Trifolium, 2017)— xa que, como el mesmo sinala, “a miña fotografía non existiría se non exisitise a poesía, porque é un todo indivisible”.

http://www.manuelvilarino.info/