rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
MARCO 20º ANIVERSARIO. Do 10 ao 13 de novembro Programación especial de actividades

MARCO 20º ANIVERSARIO. Do 10 ao 13 de novembro Programación especial de actividades

Datas: 
10 novembro 2022 - 13 novembro 2022

Este domingo 13 de novembro, o MARCO cumprirá 20 anos dende a súa apertura ao público en 2002. Con motivo desta celebración, o Museo ofrece unha programación especial que terá lugar a partir do xoves 10 (coa inauguración da exposición PROCESSI 148) ata o domingo: obradoiros para público infantil e adulto, presentación dunha instalación do grupo Diseñatas (Fundación Igualarte), lecturas en salas, a reactivación da performance de Xoel López, e a presentación do catálogo da exposición de Francisco Leiro, entre outras actividades.
#MARCO20ANIV #MARCO20anos

XOVES 10 NOV

INAUGURACIÓN EXPOSICIÓN

PROCESSI 148
A
rtistas e investigadores en residencia na Real Academia de España en Roma
Datas: 10 novembro 2022 - 5 febreiro 2023
Lugar: MARCO, salas frontais e Galería B3, 1º andar
Produción: Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) e Real Academia de España en Roma
Comisario: Enrique Bordes

A Real Academia de España en Roma, institución dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea y Cooperación desenvolve, dende sempre, un rol fundamental e estratéxico para a política cultural española no estranxeiro e na formación de numerosas xeracións de artistas e intelectuais españois, italianos e latinoamericanos

En tanto que centro de produción artística e de xeración de coñecemento, a Academia de España en Roma é un espazo de encontro para creadores que desenvolven os seus proxectos inmersos entre a tradición do seu conxunto monumental e a innovación constante dunha sociedade global e tecnolóxica. Co apoio da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID), a Academia convertiuse nunha das residencias artísticas máis importantes de España, similar a outros centros de creación de referencia internacional

A exposición PROCESSI 148 reúne a obra realizada polos artistas residentes na Academia de España en Roma dentro do seu programa anual de bolsas de produción e residencia artística. No curso académico 2020-21, a obra dos artistas residentes, 21 en total, abrangue dende a arte figurativa ata a tecnoloxía multimedia, incluíndo tamén fotografía, danza, cinema, novela gráfica, pasando pola moda e a gastronomía, entre outras disciplinas.

Irene de Andrés / Toni Amengual / Natividad Bermejo / Gadea Burgaz / Alán Carrasco / Sara García / Gonzalo Golpe / Maral Kekejian / Yeyei Gómez / Cristina Morales / Virginia Morant / Carlos Pardo / Txuspo Poyo / Javier Quislant / Muriel Romero / María Del Mar Sáez / Shirin Salehi / Miguel Torres / Elo Vega / Leire Vergara / Àngels Viladomiu

VENRES 11 NOV


PERFORMANCE

Xoel Gómez López
Carne: transitando o eu, 2022

[FUTURE STORIES. Unha exposición de dez artistas recentemente graduados da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo]

Venres 11 novembro
Ás 20.00
Sala perimetral B1, 1º andar
Para público en xeral
Entrada libre ata completar capacidade

Carne: transitando o eu é unha viaxe pola construción da identidade propia que parte dun proceso persoal de transición e reafirmación como persoa non binaria. Xoel Gómez López (O Porriño, Pontevedra, 2000) acompaña a performance dunha peza musical e unha escenografía: unha peza con forte carga autobiográfica, un verdadeiro experimento de autodescubrimento, deconstrución e reensamblaxe dun mesmo, con multiplicidade de matices e o espectro infinito de estados intermedios. Fluír no xénero, rexeitalo e crear un novo “eu”, unha identidade que se adecúa no agora, en constante evolución e cambio infindo.

SÁBADO, 12 NOV

OBRADOIROS PARA PÚBLICO INFANTIL

Conducidos por Laura Cid (artista participante na exposición FUTURE STORIES) e Mª Xosé Martínez (Didáctica MARCO)

Sábado 12 novembro
Horarios:
11.00 – 12.30 = participantes de 3 a 6 anos
12.30 – 14.00 = participantes de 7 a 12 anos
Libraría LASAL BOOKS
Previa inscrición en taquilla.marco@gmail.com
Prazas limitadas a 20 participantes por obradoiro

A obra de Laura Cid Rascado (Vigo, 1999), unha das artistas participantes na exposición FUTURE STORIES, inspira este obradoiro dirixido a público infantil. Un libro ilustrado e unha historia sinxela onde o protagonista –un oso preguiceiro no que Cid se ve representada– analiza os seus arredores e, nun exercicio de atención plena, descobre sensacións relacionadas con distintas paisaxes. Coa axuda dos libros elixidos por Lasal Books, neste obradoiro pensaremos nas nosas características persoais, relacionándoas cun animal, real ou imaxinario, que situaremos nos nosos lugares favoritos: a praia, a montaña, de pícnic, voando nunha nube...

PRESENTACIÓN CATÁLOGO EXPOSICIÓN

FRANCISCO LEIRO. O antropomórfico, 1986-2022

Sábado 12 novembro
Ás 13.00
Galería A3, planta baixa
Para público en xeral
Coa participación de:
Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da Fundación MARCO
Francisco Leiro
Miguel Fernández-Cid, director do MARCO

A exposición FRANCISCO LEIRO. O antropomórfico, que se exhibe nas salas da planta baixa do MARCO ata o 8 de xaneiro, formula unha revisión da obra do artista ao longo de máis de tres décadas: un traballo centrado no antropomórfico, que é sen dúbida un dos eixes da súa produción. Deixando a un lado calquera sentido ou intención cronolóxica, artista e comisario buscan trazar a relación das obras cos peculiares espazos da planta baixa do MARCO, recorrendo tanto a obras xa realizadas coma a pezas de nova produción, específicas para esta mostra.

Coincidindo coa celebración do seu 20º Aniversario, o MARCO presenta o catálogo do mesmo nome, unha publicación que completa o círculo deste proxecto, na súa dimensión expositiva e editorial. Xunto a información e imaxes das obras en exposición, a publicación inclúe textos críticos de distintos autores.

PRESENTACIÓN INSTALACIÓN
"CORPOS" Grupo Diseñatas / Fundación IgualArte

Helena Cuber, Alberto Rodríguez, Gustavo López, Adriana Cervantes, Lucía Caballero, Iván Lago, Loira Fernández, Eva García, e Alberto Ardid como coordinador do proxecto
Coa colaboración de: Rosa Fernández, Olivia Boyce, Alicia Fernández, Bárbara Martínez
Sábado 12 novembro
Ás 13.30 = presentación para medios de comunicación e público en xeral
Ás 19.00 = apertura de portas ao público
Espazo Anexo (praza peonil posterior)
Para público en xeral

O MARCO e a Fundación IgualArte cumpren 20 anos de vida e, con motivo deste dobre aniversario, o equipo de artes plásticas da fundación, Diseñatas, presenta a instalación CORPOS no Espazo Anexo del Museo.

CORPOS é unha obra realizada especificamente para este espazo, que fala da infinidade de tipos de corpos, de personalidades e actitudes que temos as persoas, e de como interactuar entre nós, onde nos situamos e onde nos sitúan.

Esta intervención artística a través da acción pictórica sobre móviles antropomorfos de madeira é a representación e posta en valor de todas as riquezas e complexidades individuais que conforman o conxunto dunha sociedade avanzada. Cada unha das pezas mestura partes humanas dun modo único, deconstruíndo as combinacións estándar.

O feito de traballar con xoguetes como soporte é unha referencia clara á infancia, xa que é precisamente nesta etapa vital cando nos estamos a formar e cando nos temos que empapar da importancia da axuda, o significado do colectivo, e aprender a aceptar a todas as persoas, sexan como sexan, para mellorar así a comunidade traballando de forma máis cooperativa.

OBRADOIRO DE ARTE PÚBLICA

“A cidade como campo de xogo”

Conducido por Lucía Romaní
Organiza: AAM Agrupación Amiga do MARCO
Sábados 12, 19 e 26 novembro
De 11.00 a 13.00
Sala MARCOteca, 1º andar
Para estudantes, docentes, e persoas interesadas nas relacións arte-espazo público
Previa inscrición en taquilla.marco@gmail.com
Prazas limitadas a 25 participantes

Este taller formúlase como unha introdución á práctica artística contemporánea que ten lugar no espazo público – dende unha perspectiva transdisciplinar– que permita as persoas asistentes percibir o devandito ámbito como un espazo aberto á experimentación e ao desenvolvemento de intervencións artísticas de carácter efémero, coa posibilidade de vincularse a outras disciplinas como parte dun proxecto integral.

O propio ámbito do MARCO servirá como espazo de observación, análise e experimentación. Tras unha aproximación teórica ao campo de estudio, na segunda sesión sairemos ao exterior coa intención de percibir a cidade con novas lentes, explorando novas posibilidades de transitar e habitar o espazo. Na última sesión traballarase en distintas situacións do centro urbano, como “campo de probas” para desenvolver micro-propostas de creación colectiva.

LECTURAS EN SALAS

Lecturas en torno á exposición de FRANCISCO LEIRO

Coa participación de: Grupo de Voluntariado Cultural do Concello de Vigo, membros da AAM Agrupación Amiga do MARCO, e integrantes do Club de Lectura #BiblioMARCO
Sábado 12 novembro
Ás 19.30
Salas de exposición da planta baixa
Para público en xeral

As obras da exposición de Francisco Leiro serviron de inspiración para esta iniciativa na que un grupo de persoas pertencentes ao grupo de Voluntariado Cultural do Concello de Vigo, membros da Agrupación Amiga do MARCO, e participantes do Club de Lectura #BiblioMARCO, ofrecerán aos visitantes un conxunto de lecturas escollidas, nun percorrido literario-artístico polos espazos da planta baixa.

Textos e poemas de Antón Reixa, Eliseo Alonso, Rosalía de Castro, Emilio Álvarez Blázquez, Isabel Ferreiro, Lueiro Rey, Rafael Alberti, Elisabeth Bishop, Vicente Huidobro, ou Marcos Ana, entre outros, conforman unha parte do repertorio elixido para esta ocasión.

DOMINGO 13 NOV

VISITAS GUIADAS

Visitas guiadas ás exposicións de Francisco Leiro e Future Stories, na compaña do persoal de salas

Domingo, 13 novembro
Ás 12.00
MARCO, salas de exposición do 1º andar e da planta baixa
Para público en xeral
Entrada libre ata completar capacidade en cada visita