
O feito fotográfico. Colección fotográfica do Concello de Vigo 1984-2000
Ficha
Obras na exposición
A exposición consta aproximadamente dunha selección de 300 fotografías -do total de 560 que conforman a colección- acompañadas de obra gráfica e documental: carteis, catálogos, revistas, artigos de prensa e un documental sobre a historia das Fotobienais.
Síntese do proxecto
Continuando na súa liña de ofrecer ó público un panorama das múltiples facetas da realidade artística contemporánea, o MARCO de Vigo inicia este novo ano 2004 con distintas actividades relacionadas coa fotografía do século XX. Durante os tres vindeiros meses, dúas exposicións (no primeiro andar e na planta baixa do museo) e distintas actividades paralelas ou complementarias (conferencias, mesas redondas, programas didácticos e talleres específicos) xirarán ó redor da fotografía e da súa dimensión cultural e artística.
O Feito Fotográfico é un achegamento á actividade fotográfica desenvolvida na cidade de Vigo no período 1984-2000, a través da Fotobienal e das programacións da Sala dos Peiraos (1985-1991) e da Casa das Artes (1991-1992), organizadas polo Concello de Vigo en colaboración co Centro de Estudos Fotográficos, e comisariadas por Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal.
A programación dese período, que deu lugar á Colección Fotográfica do Concello de Vigo, tiña varios obxectivos: a recuperación, estudio e difusión da fotografía histórica galega; a dinamización da fotografía contemporánea en Galicia, e a participación no debate da fotografía contemporánea universal.
Estes tres obxectivos están na base desta exposición, coa que se pretende recupera-la memoria histórica e sacar á luz unha excelente colección conformada ó longo dos últimos vinte anos, composta por un total de 1.185 fotografías. Unha vez rematado o traballo de rexistro e catalogación das obras por parte do MARCO, é o momento ideal para a súa difusión, e para fomenta-la reflexión sobre a fotografía contemporánea dentro e fóra de Galicia.
O Feito Fotográfico é a segunda parte dun proxecto iniciado o ano pasado no museo, que tivo como resultado a mostra e o catálogo Vigovisións, no que se amosaban as adquisicións realizadas polo Concello de Vigo a través daquel orixinal “programa de intercambio cultural mediante o que se convidaba a fotógrafos estranxeiros para que retratasen a nosa cidade”. En total, 625 fotografías que se incluíron no catálogo daquela mostra.
Esta nova exposición é unha escolma das adquisicións realizadas ó longo das Fotobienais e por medio dos programas de Bolsas e Novas creacións, centradas na obra de novos fotógrafos galegos, que reúne un conxunto de 560 obras. Con ela dase por rematada a catalogación da Colección Fotográfica do Concello de Vigo que, xunto co Arquivo Pacheco, se converte nunha das máis importantes de España.
Máis que unha selección, esta exposición formúlase como un achegamento ó xénero da fotografía, tomando como base a evolución da programación de exposicións fotográficas na cidade de Vigo entre 1985 e 1992. Así mesmo estúdianse as consecuencias desta programación expositiva como elemento dinamizador da fotografía en Galicia e a súa repercusión noutras cidades galegas, no traballo dos fotógrafos galegos e na toma de conciencia sobre a importancia da fotografía como un medio de expresión cultural e artístico.
Tal como está concebida a montaxe, as produccións gráficas non ocupan un lugar complementario, senón que se integran dentro da propia exposición, incluíndo, por exemplo, os perto de 80 carteis da Sala dos Peiraos e das Fotobienais, ou a case centeira de catálogos u outros soportes gráficos, como postais, revistas e artigos de prensa.
Os traballos destes fotógrafos de Galicia, de España e do extranxeiro, acompañados das publicacións realizadas e da documentación complementaria, sitúannos fronte ó feito fotográfico e bríndanno-la a oportunidade de revisa-lo noso pasado recente, analiza-lo presente e xerar iniciativas futuras.
Artistas
Adolfo Barcia
Alfonso Palmeiro
Amanda Harman
America Sánchez
Ana Teresa Ortega
Andrea Cavazzuti
Andrea Costas
Anna Fox
Antoine d’Agata
Antonio García Pereira
Arquivo Llanos
Arquivo Panateca
Arthur Rothstein
Aziz+Cucher
Belén Liste
Bernard Faucon
Bernard Plossu
Carlos Pérez Siquier
Carmen Nogueira
Carole Conde+Karl Beveridge
Claudia Gordillo
Cristina Rodríguez
Dagmar Sippel
Daniel Canogar
David Townend
Delmi Álvarez
Dorothea Lange
Elena Fernández Prada
Enrique Lista
Eric Larrayadieu
Federico Fernández
Flor Garduño
Gabriele Basilico
Graciela Iturbide
Guido Guidi
Hugues De Wurstemberger
Iavicoli
Isabel García
J. François Joly
Jack Delano
Javier Iglesias
Javier Teniente
Joel Meyerowitz
John Benton-Harris
John Chater
John Davies
Jorge Lens
José Ramón Bas
Julian Germain
Krystina Ziach
Lalo R. Villar
Les Krims
Luis González Palma
Manel Esclusa
Manel Miranda
Manuel Álvarez Bravo
Manuel Ferrol
Manuel Sonseca
Manuel Vilariño
Mar R. Caldas
Marcos Vilariño
María Piñeiro
Mario Giacomelli
Martin Parr
Maruxa Fernández
Max Pan
Michael Ackerman
Michel Thersiquel
Nancy Burson
Olivo Barbieri
Pablo Sánchez Corral
Pepe Galovart
Pere Formiguera
Pierre Radisic
Piti Mayáns
Ramón Caamaño
Ramón Loureiro
Raúl Corrales
Raúl Vázquez
Ricard Terré
Rob Grierson
Roberto Ribao
Rubén Rguez. Torres
Russell Lee
Ruth Massó
Ruth Thorne-Thomsen
Salvador Cidrás
Sandra Eleta
Schmid/Fricke
Sue Packer
Suso Fandiño
Toni Catany
Van Dendere
Vari Caramés
Vincenzo Castella
Virxilio Vieitez
Vítor Vaqueiro
William Eggleston
William Klein
Wojcieh Prazmowski
Xosé Abad
Xosé Gago
Xosé Luis Abalo
Xulio Correa
Xulio Vilariño
Xurxo Lobato
Zoraida Marqués
Texto curatorial
Tras unha intensa actividade na década dos cincuenta e nos primeiros anos da década dos sesenta arredor das agrupacións fotográficas das cidades galegas, o dinamismo da fotografía non profesional esmorece notablemente ata practicamente desaparecer na mesma década dos sesenta. A fotografía galega, agás algún caso moi puntual, permanece á marxe do movemento xurdido na década dos setenta en torno a revista Nueva Lente e que supuxo a renovación do panorama fotográfico español.
Nos primeiros anos da década dos oitenta a actividade fotográfica non profesional manifestábase en esporádicas exposicións de fotografía nas diferentes cidades, de xeito que comezan a verse fotografías que responden a unha realidade moi diferente da das agrupacións fotográficas nas décadas anteriores. Cómpre lembrar tamén que socialmente a fotografía merece escasa consideración dende unha perspectiva cultural e nula dende unha perspectiva artística. O panorama artístico desa época está dominado practicamente pola escultura e a pintura, non tendo cabida en absoluto a fotografía.
Este é o contexto no que aparece a Fotobienal de Vigo e o que leva a proclamar na presentación da súa primeira edición que “As motivacións que lle serven de guieiro son a avaliación da fotografía como feito cultural” propóndose “rachar a situación de ghetto na que se acha, dentro do campo cultural dentro da propia Galiza”.
A Fotobienal de Vigo intenta dende o primeiro momento romper a dinámica localista que existía daquela. Outro dos obxectivos fundamentais da primeira edición foi a fotografía histórica galega. Pretendíase que esta I Fotobienal fose unha chamada de atención sobre a importancia da fotografía histórica, para desa forma deter o proceso de destrucción do noso patrimonio fotográfico facendo fincapé en que coa súa perda estaba a esvaerse a nosa memoria visual colectiva.
Na segunda edición a Fotobienal adquire unha dimensión internacional, programando exposicións monográficas de autores recoñecidos mundialmente como William Klein ou Martin Parr e iniciando o proxecto Vigovisións. A partir deste momento a Fotobienal de Vigo, coordinada polo Centro de Estudos Fotográficos, marcarase como obxectivos:
1. A recuperación, estudio e difusión da fotografía histórica galega. Realízanse exposicións monográficas de autores como Ksado, José Suárez, Pacheco, Llanos, Virxilio Vieitez, Arquivo Massó... Nalgún caso, como no de Vieitez, trátase de artistas totalmente descoñecidos ata ese momento. A Fotobienal converteuse no punto de referencia da recuperación histórica da fotografía galega.
2. A dinamización, dentro das nosas posibilidades, da fotografía contemporánea galega. No proxecto internacional Vigovisións sempre era incluído un fotógrafo galego, creouse a sección Bolsas dedicada en exclusiva a fotógrafos galegos e posteriormente a sección Novas Creacións tamén dedicada integramente á fotografía galega contemporánea, ademais de seren incluídos traballos realizados por autores galegos noutras exposicións.
3. Facer a Galiza, e dunha forma moi especial a cidade de Vigo, partícipe do debate da fotogafía contemporánea universal. A exposición central, sección constante a partir da III Fotobienal, amosa o traballo de artistas contemporáneos procedentes de distintos países que estaban a presentar propostas innovadoras no panorama fotográfico internacional. Era usual nestas exposicións a presencia de autores que ata aquel momento non tiñan exposto en España e que nalgúns casos tardaron anos en facelo. Cómpre lembrar tamén exposicións monográficas de autores que malia estar xa recoñecidos como parte da historia da fotografía mundial tampouco foran mostrados nos circuitos españois. Realizáronse oito edicións do proxecto Vigovisións, no que se convertía a cidade de Vigo no escenario de traballo dos fotógrafos máis relevantes do panorama internacional do momento.
En xaneiro de 1985 comeza a programación da Sala dos Peiraos que a razón dunha exposición mensual mantería a súa actividade durante 6 anos coordinada polo Centro de Estudos Fotográficos e presentando nese período un total de 56 exposicións. A programación da Sala dos Peiraos baseábase na pluralidade de concepcións, nuns momentos en que gran parte da programación fotográfica do Estado español adoecía dun forte uniformismo. Por ela pasaron os fotógrafos máis relevantes neses anos como Joan Fontcuberta, Cristina García Rodero, Manel Esclusa, Gabriel Cualladó, Toni Catany, América Sánchez ou Daniel Canogar. Fotógrafos doutros países como Paul Graham, Max Pam, Joel Meyerowitz, Sebastião Salgado, Arno Fischer ou Brian Griffin e tamén tiveron cabida na sala clásicos da fotografía universal como Manuel Álvarez Bravo ou Bill Brandt.
No que se refire a Galiza, organizáronse quince exposicións colectivas de fotógrafos galegos, ademais doutras nas que participaban a carón de fotógrafos doutros países. A importancia que para o CEF sempre tivo o feito de dar a coñecer novos fotógrafos, levounos a presentar todos os anos, baixo o título Hoxe Mesmo, os traballos de fotógrafos galegos que ata daquela non tiñan sido expostos. Cómpre lembrar tamén que no referente á fotografía histórica se presentaron exposicións como En Vigo nos cincuenta, que presentaba o traballo realizado polos membros da Agrupación Fotográfica Galega na década dos cincuenta ou o traballo de Manuel Ferrol, Raniero Fernández ou Ramón Caamaño.
Como consecuencia desta actividade fotográfica do Concello de Vigo desde o ano 1984 ata o ano 2000 configurouse unha colección fotográfica da que Vigovisións constitúe soamente unha parte.
Outra parte importante, numericamente equivalente a Vigovisións, está integrada por diferentes fotos que se foron adquirindo en función dos recursos económicos disponibles en cada exposición. Por esta causa non é unha colección constituída a partir duns conceptos determinados, senón que é un conxunto de fotografías que describen a relación da cidade de Vigo coa fotografía e dun xeito moi particular coa fotografía contemporánea do período citado anteriormente. As diferentes circunstancias e orzamentos determinaron que as compras variasen numericamente dunhas exposicións a outras. Malia estes condicionantes, dentro da colección atópanse nomes da categoría de Álvarez Bravo, William Klein, William Eggleston, ou Mario Giacomelli.
Comisariado
Manuel Sendón
Manuel Sendón (A Coruña, 1951), licenciado en Matemáticas e doutor en Belas Artes, é na actualidade profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e dirixe o Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de Vigo.
Respecto á súa actividade en conxunto con Xosé Luis Suárez Canal, en 1984 crean o Centro de Estudos Fotográficos (CEF), entidade que coordinou a Sala dos Peiraos de 1985 a 1991 e que dirixiu a Fotobienal de Vigo dende 1984 atá 2000. Son autores de libros monográficos sobre fotógrafos históricos galegos, como: Ramón Caamaño, Arquivo Pacheco, Ksado, Luis Rueda, José Suárez, Arquivo Sarabia, Raniero Fernández e Virxilio Vieitez, e Arquivo José María Massó. Son tamén responsables da edición das coleccións Álbum e O Trinque.
Xosé Luis Suárez Canal
Xosé Luis Suárez Canal (Allariz, Ourense, 1946), licenciado en Filosofía e Letras, Filoloxía Francesa, é catedrático de ensino secundario e na actualidade profesor asociado de fotografía na Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela.
Respecto á súa actividade conxunta con Manuel Sendón, en 1984 crean o Centro de Estudos Fotográficos (CEF), entidade que coordinou a Sala dos Peiraos de 1985 a 1991 e que dirixiu a Fotobienal de Vigo dende 1984 atá 2000. Son autores de libros monográficos sobre fotógrafos históricos galegos, como: Ramón Caamaño, Arquivo Pacheco, Ksado, Luis Rueda, José Suárez, Arquivo Sarabia, Raniero Fernández e Virxilio Vieitez, e Arquivo José María Massó. Son tamén responsables da edición das coleccións Álbum e O Trinque.