Presentación de publicación
En paralelo á exposición ‘ÁNXEL HUETE. Unha revisión crítica’, neste mes ven de saír do prelo o libro do mesmo nome, publicado polo MARCO e a Editorial Galaxia, que forma parte integrante do proxecto, e que está xa dispoñible para venda ao público no Museo, completando así a mostra que actualmente se exhibe nas salas da planta baixa.
Dende o inicio da preparación do proxecto, considerouse que debería enfocarse nunha dobre vía —expositiva e editorial—, ambas as dúas fundamentais á hora de abordar unha retrospectiva e de achegarse á figura e traxectoria do artista, funcionando ao mesmo tempo a modo de espello social e cultural das últimas décadas. Así, xunto ao texto curatorial de Agar Ledo, comisaria da exposición e autora tamén da liña de vida ou cronoloxía incluída na publicación, o libro inclúe aportacións de Rosalía Pazo Maside, Manuel Pérez Rúa, Anxo Rabuñal e Isaac Pérez Vicente, que contribúen a contextualizar a figura de Ánxel Huete como artista, e tamén nas súas facetas de pensador, profesor, activista, teórico, vinculado a movementos políticos, asociacións, foros de opinión, e persoa comprometida co seu tempo.
Detalles da publicación:
Ánxel Huete. Unha revisión crítica
313 pp. Galego. Separata en castelán (xa dispoñible) e inglés (de próxima publicación).
Textos: Ánxel Huete, Agar Ledo, Iñaki Martínez Antelo, Rosalía Pazo Maside, Manuel Pérez Rúa, Isaac Pérez Vicente, Anxo Rabuñal
PVP: 28€
Exposición ‘ÁNXEL HUETE. Unha revisión crítica’
Datas 28 abril – 17 setembro 2017
Lugar MARCO, salas de exposición da planta baixa
Comisaria Agar Ledo Arias
Produción MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Ánxel Huete. Unha revisión crítica é a primeira presentación que fai un museo da traxectoria de Ánxel Huete (Ourense, 1944), artista indispensable para comprender o discorrer da produción artística en Galicia nas últimas décadas. Defensor da arte como motor de transformación social, compaxinou o labor plástico coa militancia política e a activa participación na organización de eventos fundamentais para a renovación da arte galega e dos seus modos de organización: a exposición de esculturas ao aire libre do Parque municipal do Castro (Vigo, 1974), as mostras da Praza da Princesa (Vigo, 1975), Atlántica (1980-1983), a Asociación Galega de Artistas Visuais (creada en 1997) ou o Foro da Cultura Galega (1999-2001).
As discusións sobre arte e ideoloxía e a reflexión que o artista fai sobre a necesidade de abandonar o concepto que comprende a pintura como un instrumento referencial e mimético entre realidade exterior e produción pictórica —como recurso de representación— son parte fundamental do seu pensamento, non só durante a época de formación senón tamén en traballos recentes. Na exposición proponse un percorrido polos momentos e lugares que caracterizan cinco décadas de produción artística, nas que a súa obra camiña cara a unha progresiva sintetización da imaxe pictórica, tanto nas pezas monocromáticas, nas distribucións reticulares ou na firme decisión do autor de reducir a análise da pintura ao estatuto simbólico do signo.