Ruta 89 "Obradoiros infantís de verán"
Un ano máis, coincidindo co inicio da tempada estival, o MARCO pon en marcha os seus obradoiros infantís de verán; un programa de actividades para público infantil que nesta ocasión xira ao redor da mostra ‘89 Km. Colección CGAC’. Seguindo o fío dos eixes temáticos da exposición, as propostas para os máis pequenos, que combinan obradoiros no ‘Laboratorio das Artes’ e visitas a salas, teñen que ver coa interpretación do cotián, coas mensaxes e os seus significados, o humor como recurso artístico, a vida na cidade, o debuxo como medio, e a percepción ou transformación do espazo. Tomamos como punto de partida obras de artistas como Mona Hatoum, Lars Arrhenius, Iván Navarro, Vicente Blanco, Botto & Bruno, Álvaro Negro ou Txomin Badiola, entre outros, para distintos xogos e experimentos creativos.
Para quen?
Para nenos/as a partir de 3 anos, sós ou acompañados de persoas adultas
Produción
MARCO, Departamento Educativo
Entrada
ENTRADA LIBRE E GRATUÍTA (ata completar un máximo de 40 participantes por sesión)
Hora límite de entrada: ás 12.15
Todas as actividades son gratuítas para público infantil e adultos acompañantes, ata completar o número máximo de participantes por día (40 nenos) por orden de chegada.
Máximo 3 nenos por adulto
Posibilidade de reservas por adiantado para grupos, ata un máximo de 15 participantes por día, no tel. 986 113900 / 113903
Actividades
Sesión 1. ‘ARTE POLO AIRE’
Martes 6 xullo
Obras da exposición ‘Voando cara á terra’ (1º andar)
A diferencia do resto das actividades, a primeira sesión dos obradoiros de verán está dedicada á exposición ‘Voando cara á terra’, que se exhibe nas salas do 1º andar. Como cambia a nosa percepción das cousas cando as vemos dende arriba ou dende abaixo? Tras a visita a salas, no taller construiremos un papaventos moi especial, que só poderá voar se todas as pezas se manteñen unidas.
Sesión 2. ‘O MEU CUARTO DO REVÉS’
Mércores 7 xullo
Obra: Diego Santomé. Out of Nowhere, 2005
A partir deste vídeo, facemos un xogo de mímica utilizando distintos trucos e imaxinando unha realidade distinta. Despois pensaremos en como sería noso cuarto se estivese do revés. Imos recrealo colocando a cama e a mesiña sobre a parede, o estante no teito, a lámpada no chan...
Sesión 3. ‘REGRESO AO FUTURO’
Xoves 8 xullo
Obra: Botto & Bruno. Family Life II, 2001
Falamos da fotografía e en especial da deste artista, que parece de ciencia-ficción. Traballaremos a partir do debuxo dun lugar coñecido, a rúa do Príncipe, para transportarnos a un lugar soñado, diferente, como de ciencia-ficción, habitado por novos personaxes grazas á técnica da fotomontaxe.
Sesión 4. ‘DISFRAZANDO OBXECTOS’
Venres 9 xullo
Obra: Iván Navarro. Homeless Lamp (The Juice Sucker), 2005
A idea é alterar o significado dun obxecto transformando a súa aparencia. Deste xeito, o obxecto adquire novas e sorprendentes identidades e perde a súa función orixinal. No taller partimos dun obxecto familiar para customizarlo con materiais diferentes.
Sesión 5. ‘ESAS PEQUENAS COUSAS’
Martes 13 xullo
Obra: Mona Hatoum. La Grande Broyeuse (Mouli-Julienne X 17), 1999
“Unha obra de arte séntese primeiro fisicamente. As asociacións, ideas e conceptos veñen despois dese choque inicial”. Partimos desta reflexión de Mona Hatoum para divertirnos maximizando ou minimizando obxectos. Alterar o tamaño das cousas produce sensacións novas.
Sesión 6. ‘RUTA 89’
Mércores 14 xullo
Obra: Vicente Blanco. El más joven y radiante piloto, 2001
Como fío condutor da exposición ‘89 Km. Colección CGAC’, esta actividade pode utilizarse en varias sesións. Cada participante no taller construirá un anaco de estrada, en liña recta, curva, etc., e colocará nela o que queira: unha árbore, un camión, unha casa, un semáforo... Cada segmento de estrada irase unindo ao resto, e o conxunto exhibirase no ‘Laboratorio das Artes’, construíndo así entre todos a nosa ‘RUTA 89’.
Sesión 7. ‘VENDO PASAR O DÍA’
Xoves 15 xullo
Obra: Lars Arrhenius. The Street, 2003
O vídeo de Arrhenius fálanos do paso do tempo nun ámbito cotián. Que facemos nós no noso día a día? Cales son as nosas actividades? Intentamos reflectilo nun panel dividido en dúas metades: a noite, e o día. Compoñemos distintas gamas de cores co paso do día á noite, e familiarizámonos cos signos gráficos como forma de linguaxe.
Sesión 8. ‘PALABRAS CRUZADAS’
Venres 16 xullo
Obra: Txomin Badiola. Passagen-W, 2007
Cada día recibimos unha grande cantidade de mensaxes: carteis publicitarios, sinais, anuncios, letreiros, avisos, periódicos, cartas... Falamos da comunicación e das formas de transmitir unha mensaxe por escrito. Entre todos idearemos un xogo para construír un encrucillado, escollendo palabras e repartindo as letras.
Sesión 9. ‘CREANDO FORMAS’
Martes 20 xullo
Obra: Arturo Herrera. From the Top, 2004
Tomamos como exemplo a obra de Arturo Herrera para crear formas con cartolinas de cores e fotografías, que nos achegan unha nova dimensión.
Sesión 10. ‘OS NOSOS VECIÑOS’
Mércores 21 xullo
Obra: Bülent Şangar. The Window, 1997
A partir dun modelo con catro balcóns, compoñemos unha escena na que o fundamental son os personaxes que habitan na nosa veciñanza, real ou imaxinada.
Sesión 11. ‘O FONDO MÁXICO’
Xoves 22 xullo
Obra: Liam Gillick. Terminal Screen, 1999
Sabes que os filtros con distintas tonalidades de cor poden cambiar a nosa percepción das cousas?
Nesta actividade construiremos un escenario en tres dimensións, e aplicarémoslle filtros de distintas cores.
Sesión 12. ‘TETRIS’
Venres 23 xullo
Obra: June Bum Park. III Crossing, 2002 / I Parking, 2002
De quen será esa man xigante que move ás persoas e aos coches? Será unha broma? Nesta sesión creamos un xogo con taboleiro e pezas simulando un tetris, que unha vez montado, se converterá nun cadro composto por formas xeométricas.
Sesión 13. ‘MARMORADO’
Martes 27 xullo
Obra: Álvaro Negro. Sen título, 2006
Unha obra de arte pode mostrarse de maneiras moi distintas dentro dun museo: sobre a parede, no medio dunha sala, colgando do teito... ou tamén no chan. Fixándonos na peza de Álvaro Negro, probaremos distintas técnicas para realizar entre todos unha obra abstracta.
Sesión 14. ‘COLECCIONISTAS’
Mércores 28 xullo
Obra: Michael Elmgreen & Ingar Dragset. Powerless Structures Fig. 229, 2002
Gústache coleccionar cousas, obxectos? Por que e para que? Nesta actividade falamos do coleccionismo como orixe dos museos, e dámoslle forma ao museo que nos gustaría crear: un museo de animais, do mar, de lambetadas, de xoguetes...
Sesión 15. ‘DIARIO DE VACACIÓNS’
Xoves 29 xullo
Obra: Rivane Neuenschwander. Recife (Setembro 2003), 2003
Utilizando distintos materiais realizamos un calendario-diario de verán, moi diferente do caderno do cole, pensando no que imos facer nos dous próximos meses. Será un calendario sen números nin días, pero cheo de petos para gardar cousas realmente especiais: a fotografía dun amigo, unha folla que nos atopamos, unha pedra da praia, un desexo...
Sesión 16. ‘SORPRESA!’
Venres 30 xullo
A derradeira sesión dos obradoiros será unha actividade sorpresa para realizar entre todos os participantes.