Taller de Artista | Almudena Fernández: "O que a pintura non é"
Taller destinado a artistas, estudantes de BBAA e disciplinas afíns, e outras persoas interesadas
Este taller, dirixido pola artista viguesa Almudena Fernández Fariña, ten como obxectivo explorar os límites do que se definiu tradicionalmente como pintura. A tradición sustentou a categoría de pintura nunha serie de convencións ligadas a aspectos instrumentais (o pincel), procesuais (manualidade), materiais (pigmentos e aglutinantes), formais (soporte cuadrangular/bidimensional), e perceptivos (visión frontal/estática). Durante este taller teórico-práctico analizaranse e cuestionaranse ditas convencións, para comprender as aperturas e derivas na práctica pictórica contemporánea. Proporase un achegamento que traspase os límites do formato tradicional para reflexionar sobre a relación entre a pintura e o espazo que a contén. En canto aos destinatarios, preténdese que sexa unha experiencia na que teñan cabida persoas procedentes de Belas Artes e disciplinas afíns, e tamén outras persoas sen formación específica pero cun interese de partida nos temas a tratar.
Previa inscrición e matrícula (próxima convocatoria)