rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Taller de artista: TANIA BRUGUERA. Da casa ao museo

Taller de artista: TANIA BRUGUERA. Da casa ao museo

Taller destinado ao público en xeral Das 15 prazas dispoñibles, 12 estarán reservadas para persoas non relacionadas co mundo da arte, e 3 para artistas, estudantes ou críticos de arte profesionais ou en formación.
Datas: 
3 xuño 2010 - 6 xuño 2010
Horario: 
do xoves 3 ao domingo 6 de xuño de 2010
Lugar: 
MARCO Vigo: sala perimetral B1 (1º andar)

GRATUÍTO. PREVIA INSCRICIÓN E MATRÍCULA. Prazas limitadas a 15 participantes

Prazo inscrición ata o 30 de maio.

Este taller, dirixido pola artista cubana Tania Bruguera, está destinado ao público en xeral, a todas aquelas persoas que nunca realizaron nunca unha obra de arte e que quizais non estean familiarizadas coa arte contemporánea, pero que están interesadas en participar nesta experiencia e entrar en contacto con este mundo polo menos por unha vez.

O taller está organizado en catro sesións, das cales a primeira será unha conferencia aberta ao público.

PROGRAMA E HORARIOS

Sesión 1 (xoves 3 de xuño)

Horario: de 16.00 a 20.00

Destinatarios: sesión aberta ao público e participantes no taller

Conferencia de Tania Bruguera aberta ao público.

Sesión 2 (venres 4 de xuño)

Horario: de 16.00 a 20.00

Destinatarios: participantes no taller

Os participantes no taller traerán preguntas e dúbidas sobre arte contemporáneo en xeral, para, en forma de conversación, comentalas e debater. Unha persoa do equipo do MARCO mostrará algunhas das obras que se realizaron para o Museo e discutiranse cos participantes. Os participantes seleccionarán unha obra da súa preferencia.

Sesión 3 (sábado 5 de xuño)

Horario: de 10.00 a 14.00

Destinatarios: participantes no taller

A partir da obra seleccionada, os participantes realizarán unha a súa reinterpretación incorporando elementos que sexan afíns á súa realidade cotiá. As obras resultantes non teñen nin deben parecerse ás obras de referencia, pero si manter unha proximidade en canto á súa temática.

Sesión 4 (domingo 6 de xuño)

Horario: de 10.00 a 14.00

Destinatarios: participantes no taller

Durante a última sesión traballarase rematando os proxectos dos participantes, que se mostrarán nunha presentación final.

Tania Bruguera (A Habana, Cuba, 1968; vive e traballa entre A Habana e Chicago, USA)

Tania Bruguera é unha artista interdisciplinar que traballa temas políticos, principalmente mediante a arte de conduta, a performance, a instalación e o vídeo. Participou en Documenta, Performa, e en dúas ocasións nas bienais de Venecia, Kwangju e La Habana. A súa obra exhibiuse tamén en importantes museos de Europa e Estados Unidos, como Tate Modern, The Whitechapel Gallery, PS1, ZKM, IVAM, Kunsthale Wien e New Museum of Contemporary Art. As súas obras forman parte da colección de Tate Modern; Museum für Moderne Kunst; Darvos Foundation; Museum of Modern Art; Museo do Barrio; Bronx Museum; IVAM; Museo Nacional de Belas Artes, e Centro de Arte Contemporánea Wifredo Lam. En 1998 foi seleccionada bolseira Guggenheim (Estados Unidos) e en 2008 obtivo o Premio Prince Claus, Holanda.

As obras de Tania Bruguera céntranse na relación entre a arte, a política e a vida. A arte concíbese como unha experiencia que debe atravesarse e como un espazo para a realización de proxectos utópicos. Interésalle en especial a inserción da arte na vida cotiá e na política. Dende 2002 —coa creación da Cátedra Arte de Conduta, un proxecto alternativo do Instituto Superior de Arte de La Habana— emprendeu unha serie de proxectos nos que traballa sobre a apropiación de estruturas e recursos de poder. Xa non lle interesa representar meramente situacións políticas, senón crealas poñendo en movemento na súa obra algunhas das mesmas estratexias usadas polos poderes políticos. O seu traballo, moitas veces de natureza efémera polo emprego de accións vivas, materiais fráxiles ou ambas as dúas cousas, reflicte a condición igualmente efémera de calquera verdade política.