rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Tempo ao tempo / Taking time. Cinco anos do MARCO

Tempo ao tempo / Taking time. Cinco anos do MARCO

Ficha

Datas: 
19 outubro 2007 - 17 febreiro 2008
Lugar: 
Todos os espazos do MARCO
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Isabel Carlos
Comisariado: 
Iñaki Martínez Antelo

Tempo ao tempo. Cinco anos do MARCO

O 13 de novembro de 2007, o MARCO cumpre cinco anos dende a súa apertura ao público a finais do ano 2002. Con motivo desta celebración, o museo organiza un conxunto de actividades que se irán desenvolvendo de modo gradual entre os meses de outubro 2007 e xaneiro 2008, e que teñen como eixe fundamental a inauguración da exposición TEMPO AO TEMPO, que ocupará a totalidade dos espazos do edificio entre o 19 de outubro de 2007 e o 17 de febreiro de 2008. Cinco anos despois da mostra inaugural CARDINAIS, artistas que formaran parte desa exposición como Jorge Barbi, Tacita Dean e Gustavo Romano volven estar presentes nos espazos do MARCO, pechando así de forma simbólica un círculo que comezaba o seu percorrido a primeira vez que o museo abriu as súas salas.

Obras en exposición

A mostra TEMPO AO TEMPO/ TAKING TIME reúne un total de 41 obras de 34 artistas, nunha grande variedade de soportes que inclúe fotografías, vídeos, esculturas, pinturas, videoinstalacións, videoproxeccións, pezas sonoras, impresións dixitais, debuxos, instalacións, e obras producidas especificamente para esta ocasión, ademais dunha presentación da performance Time (1970), de David Lamelas, coincidindo coa xornada inaugural. A exposición abarca dende obras clave dos anos sesenta, coincidindo co período en que a arte conceptual iniciaba as súas experiencias e investigacións relacionadas co paso do tempo, impulsadas por as novas posibilidades que ofrecía o uso do vídeo e a fotografía -Nam June Paik, David Lamelas, Allen Ruppersberg, On Kawara, Jimmie Durham, Victor Burgin- ata a máis recente xeración de artistas nacidos a finais dos sesenta ou na década dos setenta, como Jorge Peris, Mircea Cantor, Rubén Ramos Balsa, João Maria Gusmão e Pedro Paiva, Daniele Puppi ou Jonathan Monk.

Guía de salas

Nesta ocasión, substituíndo as habituais follas de sala, o MARCO edita, en colaboración co Faro de Vigo, unha Guía da Exposición en formato xornal, que se entregará de forma gratuíta a todos os visitantes durante todo o período de apertura da mostra.

Síntese do proxecto

Cando faltan poucas semanas para a celebración do quinto aniversario o 13 de novembro, dende o MARCO presentamos a exposición TEMPO AO TEMPO, unha mostra de produción propia coa que queremos conmemorar esta efeméride, que de modo excepcional ocupa todos os espazos do edificio, e que formula unha reflexión sobre un tema, o paso do tempo, cun fío argumental que semella especialmente oportuno como balance do que foron estes cinco anos de vida.

Isabel Carlos e eu mesmo, como comisarios, coincidimos na necesidade de analizar o modo en que o tempo, fío condutor da mostra, define o noso mundo. Ademais, o título relaciónase intimamente coa historia e transformación do propio edificio, que foi cárcere e xulgados antes de converterse en centro de arte. A través dunha selección de artistas e obras —varias delas producidas especificamente para esta exposición— analízase, dende unha perspectiva crítica, a obsesión actual polo paso do tempo, a memoria, e o sentido ou o peso da historia. Tantas visións ou interpretacións do tempo como artistas representados na exposición —34 en total— na obra dos cales o tempo está presente non como algo anecdótico, senón dun modo constante.

Partindo do tempo como leitmotiv, a exposición percorre varias acepcións do termo, diversas achegas a esa reflexión tan común no pensamento occidental, que disciplinas como a física, a literatura, as matemáticas ou as artes abordaron dende distintas perspectivas. A experiencia do paso do tempo e da súa medición suscitou o interese de artistas e pensadores de todas as épocas, e foi representado mediante visións, imaxes, símbolos e metáforas. Afirmaba Aristóteles que se non houbese ningún ser humano non existiría o tempo; do mesmo xeito, é preciso que exista unha medición do mesmo. Esta mostra reúne unha grande variedade de rexistros e aproximacións que se corresponden co que para cada un dos artistas representa e significa o paso do tempo —sexa como instrumento de medición, como obxecto de investigación ou de reflexión teórica, como reflexo de acontecementos sociais, como símbolo e como recurso estético— que se enriquecen coas múltiples conexións entre as obras, apoiadas polo deseño da montaxe e a súa distribución en salas.

Dende a medición obsesiva do tempo de On Kawara ou a súa plasmación nos calendarios de Ignasi Aballí, o reloxo dixital de Gianni Motti, a sutil visión do tempo conxelado no reloxo de area de Jorge Barbi, ou o gong marcador do tempo de Daniele Puppi, ata a ironía dos obxectos petrificados de Jimmie Durham, pasando polas investigacións científicas de Jorge Peris e Rubén Ramos Balsa, ou a reinterpretación da historia da arte e os seus símbolos en Giulio Paolini, Nedko Solakov ou Sam Taylor-Wood. A fraxilidade da memoria que se evapora na obra de Oscar Muñoz —ao igual que se esvaece o retrato do heroe ecuestre de Matthew Buckingham— a conservación dos recordos en Pedro Mora, o pasado que se revela na peza de Ana Jotta, a nostalxia do futuro de Jonathan Monk e o encontro emocionado entre o pasado e o presente a través da palabra en Lani Maestro. O tempo improdutivo, o tempo morto que retrata Mircea Cantor, e a narrativa fracturada de Igor e Svetlana Kopystiansky; a xeración do movemento en imaxes estáticas en Rosângela Rennó, o caracol que se despraza sobre a area como imaxe psicolóxica do paso do tempo en Euan Macdonald, e a sección temporal e espacial do universo de Tatsuo Miyajima. A relación entre imaxe, son e instalación espacial en Tacita Dean, e a poética das fases da lúa na peza de Nam June Paik. A reflexión teórica sobre o contexto espazo-temporal da obra en Victor Burgin e Douglas Gordon, os indicios como narración na obra de Allen Ruppersberg, ou o retrato a través dos obxectos en Mark Dion. Os viaxeiros do tempo no mundo perdido de Susan Norrie, o rescate de obras mestras e documentos do pasado de Fernando Bryce, as referencias literarias e o humor en João Maria Gusmão e Pedro Paiva e a síntese do tempo detido e a decadencia en William Eggleston. E tamén, o sentido ou a presenza do tempo a través da acción: dende os mecanismos de intercambio de Gustavo Romano, ata a histórica performance Time, de David Lamelas, que presentará en Vigo con ocasión da inauguración da mostra.

Unha medición que permita establecer un pasado, un presente e un futuro; unha secuencia temporal que sirva como punto de partida para abordar a historia do MARCO dende o presente, facendo balance de cara a anos vindeiros.



Iñaki Martínez Antelo
Director do MARCO e comisario da exposición

Artistas

    Allen Ruppersberg
    Ana Jotta
    Daniele Puppi
    David Lamelas
    Douglas Gordon
    Euan Macdonald
    Fernando Bryce
    Gianni Motti
    Giulio Paolini
    Gustavo Romano
    Ignasi Aballí
    Igor & Svetlana Kopystiansky
    Jimmie Durham
    João Maria Gusmão & Pedro Paiva
    Jonathan Monk
    Jorge Barbi
    Jorge Peris
    Lani Maestro
    Mark Dion
    Matthew Buckingham
    Mircea Cantor
    Nam June Paik
    Nedko Solakov
    On Kawara
    Oscar Muñoz
    Pedro Mora
    Rosângela Rennó
    Rubén Ramos Balsa
    Sam Taylor-Wood
    Susan Norrie
    Tacita Dean
    Tatsuo Miyajima
    Victor Burgin
    William Eggleston

Texto curatorial

“Se Espazo e Tempo son as coordenadas a partir das cales organizamos a nosa maneira de estar no mundo, a verdade é que durante o período de concepción e organización desta exposición xurdiron varias mostras de arte contemporánea que trataron sobre o concepto de Tempo. A este feito non debe ser allea unha especie de obsesión xeneralizada polo tempo e a historia.

Desde a moda vintage ata os canles de televisión monotemáticos dedicados á memoria e ao pasado, pasando pola urxencia de ‘facer historia’ do que aconteceu onte, asístese a unha especie de eterno retorno permanente asociado a un verdadeiro culto á xuventude. O futuro despois do 11 de setembro deixou de ser algo prometedor, o que confirman as vendas de libros de ciencia ficción, que caeron en picado, mentres que as de novela histórica creceron coma nunca: o pasado parece ser o único lugar seguro e cómodo para a humanidade neste inicio do século XXI. Parece que precisamente ninguén quere ‘dar tempo ao tempo’, pero os gregos xa falaban de Cronos, o deus do tempo, coma un deus que devoraba os seus propios fillos.

Mitoloxías á parte, o anuncio de Fukyama, hai dúas décadas, do fin da historia parece igualmente fantasioso e mítico. A historia, isto é, a organización humana do tempo a partir dos feitos e acontecementos ocorridos, está en todas partes, na mesma proporción en que parece haber cada vez menos tempo.

Esta exposición parte destas constatacións, pero tamén do feito de que o MARCO cumpre cinco anos de existencia. A isto hai que engadir que o museo está instalado nun edificio que durante décadas foi unha cárcere. Euan Macdonald, na correspondencia intercambiada durante o proceso de organización da exposición, recordou que en inglés a expresión ‘doing time’ significa estar preso; non obstante, precisamente agora que estamos nun museo, o que desexamos é poder pasar e gozar o tempo no seu interior: ‘taking time’.

‘Nada de nosso temos senão o tempo, de que gozam justamente aqueles que não têm paradeiro’ [Nada nos pertence agás o tempo, do cal gozan xustamente os que están en paradoiro descoñecido].

Esta frase forma parte dun graffiti nunha parede do centro de Lisboa (na zona da Baixa, nunha esquina entre a Rúa dos Sapateiros e a Rúa de S. Nicolau) e está acompañada da figura dun home vestido cun traxe de executivo e que, en lugar de cabeza, ten un reloxo. Graficamente eficaz, o graffiti poderá aludir ao feito de encontrármonos nun dos núcleos do capital financeiro portugués, onde hai varios bancos instalados, á vez que nunha das zonas cunha maior porcentaxe de mendigos e persoas sen fogar. A frase sería coma unha especie de contrapunto e mesmo de inversión da célebre expresión ‘o tempo é ouro’ […]
 
Pero a frase tamén podería remitir a un certo nomadismo —‘en paradoiro descoñecido’— algo que moitos artistas contemporáneos experimentan, non só porque viaxan permanentemente, senón porque viven en países diferentes daquel en que naceron, como demostran as notas biográficas dos que están presentes nesta exposición, ou mesmo debido á práctica cada vez máis común das residencias artísticas.

Non obstante, este non foi propiamente un criterio para elixir as obras presentes nesta exposición, mais as seguintes coordenadas: obras que parten dos instrumentos e dispositivos de medida e organización do tempo, o que poderiamos designar como a dimensión física do tempo [...], obras que reflexionan sobre o paso do tempo, a memoria e o esquecemento, a historia [...] e a acumulación-sedimentación e, por último, obras que alertan da dimensión política do tempo, da maneira en que a sociedade actual se relaciona co tempo vivindo nunha especie de urxencia sen fin ou obxectivo definido.

A diversidade de expresións, rexistros, linguaxes e orixes demostra que a reflexión sobre o tempo implica unha multiplicidade de sentidos e será sempre universal e fundadora da condición humana e da práctica artística. E nese sentido, unha exposición sobre o tempo é sempre dalgún modo un retrato, pero tamén unha paisaxe de nós mesmos”.

Isabel Carlos
Comisaria da exposición

Comisariado

Isabel Carlos

Isabel Carlos (Coimbra, Portugal, 1962) é comisaria independente e crítica de arte, e actualmente reside en Lisboa. Comisariou, entre outras, as seguintes exposicións: Sublime (Museu do Chiado, Lisboa 1994); The Day After Tomorrow (Centro Cultural de Belém, Lisboa 1994); Mediations (Palácio Galveias y Museu do Chiado, Lisboa 1997); Eve's - Paula Soares Triennial of India, (Nova Deli, 1997); Entrada Azul - Helena Almeida retrospective (Casa de América, Madrid 1998); Trading Images - one year international exhibition cycle (Museu da Cidade, Lisboa 1998); Initiare (Centro Cultural de Belém, Lisboa 2000); Helena Almeida: Inhabited Drawings (The Drawing Center, Nova York, 2004) ou a Bienal de Sydney de 2004, e máis recentemente Por entre as linhas (Museu das Comunicações, Lisboa 2007). Fundou e dirixiu o Instituto de Arte Contemporânea (IAC) entre 1996 e 2001, dependente do Ministério da Cultura de Portugal, onde iniciou e foi responsable durante 3 anos da súa colección internacional. No ámbito do IAC, entre outras actividades relacionadas co seu cargo, organizou as representacións portuguesas da Bienal de Venecia de 2001, London Art Biennial 2000, e Bienal de São Paulo de 1996 e 1998.

Iñaki Martínez Antelo


Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é director do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, dende o 18 de novembro de 2005. É licenciado en Historia da Arte Contemporáneo pola Universidade de Santiago de Compostela, e máster en Estética e Teoría da Arte polo Instituto de Estética adscrito á Universidade Autónoma de Madrid. Tras o seu paso polo Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (1996-1998), foi coordinador de exposicións no Auditorio de Galicia (1998-2002) e coordinador de actividades culturais en Casa Asia, Barcelona (2002-2003). Dende o ano 2003, pouco despois da súa inauguración, viña desempeñando o cargo de responsable de exposicións do MARCO, ata que, tras un concurso público, foi designado director a finais de 2005. En febreiro de 2011 é elixido presidente da Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España.