
UN BO LUGAR. Obradoiro conducido por Din Matamoro
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
En colaboración con AFAGA. Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia
Destinatarios: persoas usuarias de AFAGA e público infantil de 7 a 12 anos
Número de participantes: 7 + 7/8 (máximo 15 en total)
Sesións: 4 sesións de 2h de duración
Datas: martes 7, xoves 9, martes 14, xoves 16 decembro
Colabora: Obra Social LaCaixa
Obxectivos
A arte como ferramenta terapéutica, como reflexión individual e como vía de socialización
Contacto interxeracional: sensibilización, responsabilidade, coidados, respecto mutuo
Contribuír á vellez activa, en función dos perfís individualizados de cada usuario (cada vez máis heteroxéneos), da súa traxectoria vital e intereses
Contidos
A proposta ten como punto de partida a exposición DIN MATAMORO. A mirada acesa, producida polo MARCO, que actualmente se exhibe nas salas do primeiro andar.
http://www.marcovigo.com/content/din-matamoro-mirada-acesa
Cada xornada comenza cun percorrido polas salas de exposición, e continúa cunha actividade/obradoiro no Espazo Anexo / Laboratorio das Artes.
PROGRAMACIÓN / SESIÓNS
[Nota: dado que se trata dunha proposta experimental, os contidos das sesións poden variar en función das necesidades, da resposta do grupo e do propio ritmo e desenvolvemento do obradoiro.]
XORNADA 1 (martes 7 decembro)
“Cor-luz”
Percorrido por salas frontais:
Fío condutor: percepción da cor. Cores en movemento. O tempo e o movemento. A orixe e a fonte da cor. Detémonos ante os cadros de Din Matamoro. Fixamos a mirada, abrimos e pechamos os ollos. Contamos os segundos. Intentamos identificar as cores que van aparecendo ante a nosa mirada. De onde ven esa luz? Son cadros estáticos, ou móvense? Cantos tipos de amarelo, de laranxa, de vermello, somos quen de percibir?
Obradoiro/actividade: utilizamos pintura acrílica branca e flúor para facer experimentos a partir dun monocromo. Mesturamos cores e conseguimos veladuras, matices, xogando con tonalidades cálidas e máis frías, ata que aparecen sorpresas... en forma de luz.
XORNADA 2 (xoves 9 decembro)
“Liñas vivas”
Percorrido por Galería B3:
Fío condutor: a liña curva nos debuxos a lapis, no colaxe, no carbón, nas formas. O azar. Xogamos con cordóns de zapatos, tirándoos ao chan e observando as liñas resultantes sen unha intención figurativa, só fixándonos na beleza e a forma de cada liña en si. Intentamos atarnos os cordóns mutuamente, nos brazos, nos zapatos. Diante da obra Enciclopedia. A metade da memoria falamos das liñas curvas e dos contidos destes libros nos que textos e imaxes están semiborradas.
Obradoiro/actividade: trazamos liñas curvas utilizando distintos materiais e técnicas, dun xeito inconsciente, azaroso, mesmo pechando os ollos e deixándonos levar pola música que soa de fondo (Bach, Debussy,Stravinsky, Haydn…). Experimentamos con liñas intanxibles e sen forma definida: o vento, o aire, a brisa / os reflexos do sol na auga / unha carta sen letras.
XORNADA 3 (martes 14 decembro)
“Formas animadas”
Percorrido por Galería B3:
Fío condutor: compartimos imaxes de Din Matamoro nas que, mediante o filtro da súa mirada, obxectos inanimados (unha froita, unha prenda de roupa, unha bolsa, unha folla de árbore, unha herba…) se converten en seres vivos (aves, insectos, outros animais).
Obradoiro/actividade: traemos ao taller exemplos de froitas, bolsas de plástico, follas, anacos de madeira, con “posibilidades”. Cada participante elixe e busca as súas formas preferidas. Cando as “descobre”, cando aparecen, fotografámolas e asinámolas.
XORNADA 4 (xoves 16 decembro)
“Un bo lugar”
Percorrido por salas frontais e Galería B3:
Fío condutor: percorremos de novo as salas e retomamos a visita da 1ª xornada. Como cambiou a nosa mirada, a nosa percepción? Que descubrimos? Que máis cousas podemos dicir da cor, da liña?
Obradoiro/actividade: recortamos varios folios/cartolinas (brancas por unha cara, e flúor pola outra) con liñas curvas, sen recortalas totalmente, mantendo o rectángulo/cartolina inicial. Superpoñémolas, combinámolas e encaixámolas (minimamente) dándolles forma tridimensional. Colocámolas sobre as paredes de cristal do Anexo, de xeito que parezan suspendidas no aire.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
MARCO_AFAGA_obradoiro Din Matamoro_gal.pdf | 825.6 KB |